A finais do pasado maio, o Servizo Galego de Saúde asinou co Concello de Sanxenxo un convenio de contido inédito para poñer en marcha "un programa piloto de reforzo e mellora da calidade dos servizos de Atención Primaria" nesa vila do Salnés "durante o período estival". Consistía en ofrecer ata catro vivendas para outras tantas médicas ou médicos que fosen traballar a Sanxenxo durante o verán, de xullo a setembro.
Ao anunciaren a sinatura, os gobernos local e galego do PP ratificaron que o Concello de Sanxenxo poría ata 32.000 euros para financiar as vivendas. Avanzaban ademais que a intención era captar persoal facultativo de fóra de Galicia. Estes días, cadrando coa confirmación por parte do consistorio de que cando menos tres médicos procedentes de Madrid xa foron incorporados por esta vía, fica tamén confirmado que o convenio exclúe expresamente a profesionais da sanidade que residan en Galicia.
Tras a sinatura do convenio, Praza.gal solicitou acceder a unha copia do mesmo ao abeiro da lei de transparencia. A Xunta arquivou a solicitude, pero pouco despois publicouna na parte pública do seu rexistro de convenios. O texto íntegro do acordo co Concello de Sanxenxo deixa claro que o goberno local que preside Telmo Martín se compromete a "realizar as xestións oportunas" para que o persoal médico captado "obteña unha solución habitacional axeitada para que poida cumprir" coas súas funcións, pero o compromiso cínguese a "persoal sanitario desprazado con residencia fóra de Galicia".
Ese texto ratifica tamén a achega municipal de 32.000 euros a un plan que se basea, di o texto, en que "no período estival" se produce "un incremento notable da poboación", que "se concentra en determinados puntos costeiros" como Sanxenxo. "Polo seu atractivo turístico", acrecenta, acolle un "grande número de visitantes os que cómpre prestar os servizos básicos que demandan e corresponden legalmente", entre os que "están o coidado e atención sanitarios".
Este é o motivo, sinala o convenio, polo que "cómpre dispoñer os mecanismos oportunos" para a "demanda potencial" de atención sanitaria durante o verán en Sanxenxo, "especialmente no eido da medicina de familia", de xeito que "poida ser atendida sen menoscabo da calidade habitual do sistema público de saúde de Galicia", agrega. Como xa avanzara Sanidade, o convenio tamén fai explícito que este plan de vivendas gratis en Sanxenxo está concibido como un proxecto "piloto" que, "no caso de acadar os resultados agardados, poida ser estendido" a outros concellos coas "mesmas necesidades conxunturais".
O texto do convenio, no que o Concello puxo 32.000 euros sinala que persegue que os turistas poidan ser atendidos "sen menoscabo da calidade habitual do sistema público de saúde de Galicia". Colectivos na defensa da sanidade pública ven a medida "populista" e apuntan á precariedade laboral como causa da escaseza de persoal
O texto do convenio conclúe coas especificacións económicas, que adscriben á Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés o custo salarial do persoal médico desprazado a Sanxenxo e ao Concello, o pagamento das vivendas. Neste contexto o alcalde Martín ratificaba a pasada semana a captación de tres médicos chegados de Madrid e expresaba a súa esperanza en lograr un cuarto, se ben tamén amosou queixas pola "tardanza para convalidar os títulos", xa que "teñen que reunir os requisitos e o Sergas non quere contratar a ninguén que non os teña", lamentou en declaracións recollidas polo Diario de Pontevedra.
Este convenio foi criticado dende o seu lanzamento pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo, que advertiu de que o problema "non é a falta de vivenda, senón as precarias condicións laborais do persoal, a non cobertura de ausencias e a falla de previsión e xestión". Considerouna ademais como unha medida "discriminatoria para o persoal que traballa todo o ano nos centros de saúde". Na mesma liña, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública advertiu de que "a solución á falta de persoal de Atención Primaria non pasa por adoptar medidas populistas que o fidelicen aos concellos que lles dean aloxamento"