Traballar máis e cobrar algo máis por ese labor extra. É o que ofrece a Consellería de Sanidade aos profesionais ante a "moi complexa" situación que a Atención Primaria afrontará este verán, segundo recoñeceu o conselleiro, Julio García Comesaña, durante a súa comparecencia no Parlamento este martes.
A Xunta aposta por pagar máis as horas extras e a aqueles profesionais que teñan que atender pacientes dun compañeiro ou dar servizo no rural
A falta de profesionais e recursos da que o persoal e os sindicatos levan meses advertindo será moito peor no verán. Ante a ausencia de solucións previas, a Xunta aposta agora por poñer cartos e pagar máis as horas extras e retribuír tamén máis a aqueles que teñan que atender os pacientes dun compañeiro ou dar servizo sanitario no rural.
"Enfrontámonos a un verán moi complexo e á vista está que non é un problema orzamentario; estamos dispostos a contratar a todo aquel que estea dispoñible, pero a realidade é a que é", admitiu Comesaña, que recoñece que "ese esforzo" que a Xunta ten que "pedirlle" ao persoal, "porque non hai máis profesionais e que notará especialmente nos meses de verán, hai que compensalo".
Comesaña asume que o Sergas debe "compensar" o "esforzo" que pide ao persoal para paliar a falta de persoal e que se "notará especialmente no verán"
Estas novas medidas son debulladas e propostas este mesmo martes á tarde aos sindicatos na Mesa Sectorial de Sanidade, pero Comesaña adiantou xa no Parlamento que se tratará de "incentivos para aqueles profesionais sanitarios que teñan que facer xornadas complementarias, atender aos pacientes dun compañeiro ausente ou dar servizo a centros sanitarios no rural que necesitan atención de proximidade".
“Queremos ofrecerlles aos profesionais que teñen que traballar nun marco global complicado como o actual unhas mellores condicións", insistiu o conselleiro, en referencia a estas "melloras". Así, a Consellería prevé o incremento do prezo de intersubstitución que se abona a médicos de familia, pediatras de primaria, odontólogos, fisioterapeutas e persoal de enfermería, así como ampliar a contía que se paga por cubrir o oco dun compañeiro, ademais de engadir a este sistema algunha outra categoría que non o tiña, como a de matrona.
Ademais, tamén prevé a acumulación do cupo da praza vacante. Así, cando por indispoñibilidade de persoal non sexa posible a cobertura dunha praza vacante cun nomeamento interino, poderanse distribuír as tarxetas asignadas a esa praza entre o persoal que acepte un incremento de cota, e farase cunha retribución que o compense.
Sanidade prevé ao tempo incrementar o prezo das prolongacións de xornada que está a pedir a médicos, pediatras e persoal de enfermería de Atención Primaria. Xa que logo, "reitribuír mellor" as horas extras.
Por outra banda, o conselleiro anunciou tamén a intención de incrementar as retribucións dos postos de difícil cobertura e aumentar as contías que se aplican aos factores que retribúen a prestación de servizos en lugares illados e a soidade do profesional por inexistencia doutro. Nas prazas con estas condicións, Sanidade vai aplicar un incremento nas contías vixentes, facéndoas máis atractivas e revisará á alza o número de centros aos que se lle aplican estes factores.
A oposición lembra ao conselleiro que "os recortes de onte" e as condicións "deplorables" son as causas dunha "situación de alerta sanitaria"
Con todo, Comesaña aproveitou tamén para cargar contra o Goberno central, ao que volveu reclamar garantir que o sistema MIR non deixe prazas desertas -como a última vez en Galicia-, o recoñecemento da especialidade de ruxencis e emerxencias, a revisión normativa dos requisitos de acreditación de unidades docentes na especialidade de medicina de familia, a convocatoria de prazas MIR extraordinarias nesta especialidade e "instrumentos que permitan que o Sistema Nacional de Saúde planificar no futuro con máis rigor a súa oferta formativa".
Desde a oposición, o portavoz de Sanidade do grupo do PSdeG, Juio Torrado, advertiu de que son "os recortes de onte" e as condicións laborais "deplorables" as que formaron a "tormenta perfecta" para a "situación límite" e a saturación "inasumible" do sistema sanitario público de hoxe.
Torrado acusou o conselleiro de Sanidade de “chorar con moito márketing o que non souberon defender coa súa política”. Resumiu que “primeiro impulsaron recortes, desprestixio dos profesionais e malas condicións laborais, e agora teñen un problema do que queren saír mediática e publicamente” responsabilizando ao goberno central, pero “non queren resolver o problema”.
Ademais, o deputado do PSdeG tirou de ironía: “Imaxine que é o conselleiro de Sanidade, que puidese participar no Consello da Xunta e que puidese tomar decisións sobre o sistema ou mesmo capacidade de contratar profesionais”. Así, lembroulle a Comesaña que el ten capacidade executiva, orzamentos e competencias para “resolver o problema”.
Desde o BNG, pola súa banda, recriminaron á Xunta "as consecuencias das súas políticas nunha Atención Primaria en situación de alerta sanitaria”. A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, rebateu o “falso relato” do Sergas sobre os profesionais: "Faltan porque non lles ofrecen condicións dignas como si fan noutros sitios".
Así, Prado recordou que o BNG xa defendeu iniciativas parlamentarias en 2014 para urxir á Xunta a articular medidas fronte ás xubilacións inminentes no sistema sanitario galego e moitas outras ao longo dos últimos anos para que actuase de igual xeito fronte á "precariedade" do persoal sanitario, iniciativas todas elas rexeitadas polo PP, lembran.