Por primeira vez en moitos anos, o Sergas non deu cuberto todas as prazas de formación para medicina de familia postas a disposición este ano. Esta falta de cobertura das vacantes MIR, unido á vaga de xubilacións prevista e ao feito de que a metade dos residentes na Atención Primaria decidan non continuar neste ámbito sanitario, engade incerteza á crise que por falta de médicos nos centros de saúde.
As prazas non cubertas en Medicina Familiar -nove en Galicia e 200 no conxunto do Estado- serán ocupadas por facultativos extracomunitarios, logo de que o Ministerio de Sanidade decidise ampliar o cupo para este colectivo do 4 ao 10%. O problema, no entanto, non quedará solucionado, como advirte Erika Brenlla, presidenta da Asociación MIR España, galega de Compostela que leva tres anos de residencia no País Vasco e coñecedora da realidade que os Médicos Internos Residentes (MIR) e da sanidade pública -estatal e no país- están a sufrir desde hai anos.
"A precariedade é o principal motivo polo que o persoal se afasta da Atención Primaria; a sobrecarga é cada vez maior e o sistema está saturado"
A Xunta culpa o Estado da escaseza de médicos de familia por, entre outras cousas, non ter permitido aumentar o número de prazas MIR na especialidade. Galicia anucia agora 64 prazas máis de Medicina Familiar para 2023 pero os profesionais levan anos advertindo de que é a precariedade a que afasta o persoal da Atención Primaria...
A precariedade é o principal motivo, ademais da propia planificación levada a cabo polas administracións. Levamos xa moitos anos de queixas por parte do persoal, especialmente na Atención Primaria, que advirte da falta de profesionais, sobre todo en Medicina Familiar. Lévase tempo advertindo de que as xubilacións non se están a cubrir, de que as baixas tampouco e de que a presión asistencial e a sobrecarga son cada vez maiores... Se te cargas o sistema, chega un momento no que os profesionais que traballan nos centros de saúde, xunto cos MIR, non dan para máis. Os cupos son cada vez maiores, chéganse a atender 50 persoas por día, e unha situación que xa era complexa agravouse coa pandemia porque este persoal tivo asumir moita máis carga de traballo. Sen traballo de calidade, sen tempo, con máis presión, cun sistema saturado... O que ocorre é mesmo lóxico.
Inflúen máis cousas?
A temporalidade é outro dos grandes problemas. Así que un MIR remata a súa residencia, é moi difícil ter un sitio fixo para traballar. Normalmente, andan movéndoo dun lado para outro e en moitos casos o persoal acaba traballando coma nun PAC. Cada vez é máis difícil exercer como médico de cabeceira, como aquel profesional que está preto dos pacientes, que coñece as súas doenzas, a súa evolución e que require dese seguimento continuo que se perde e que é básico, tanto para as persoas que acoden ao médico como para os profesionais.
O novo sistema de adxudicación elixido este ano para as prazas MIR complicou máis as cousas...
Foi a guinda do pastel. Este sistema de elección virtual e telemático perdeu esa característica que tiña antes de ser en tempo real, de permitir aos opositores saber en cada momento que prazas van quedando libres. Obrigóuselles a enviar antes unha lista de ata 400 opcións sen saber que ía quedando libre. Era absolutamente imposible seguir un criterio para elixir destino e no último día houbo moita xente que nin tan sequera preentou a súa candidatura porque a lista de posibilidades era infinita.
Hai máis problemas para cubrir as prazas no rural ou en localidades máis afastadas de grandes áreas de poboación?
"Pagar pisos para que médicos traballen no verán nun sitio é un parche; o que hai que facer é mellorar as condicións laborais"
Esa é unha problemática que non ocorre só na sanidade senón en moitos outros sectores. Ten que ver coa España baleirada, con que haxa lugares onde é máis difícil atraer persoal funcionario porque teñen moitos peores servizos, comunicacións e facilidades. Se as administracións queren cubrir zonas máis afastadas deben dar algún incentivo, ben sexa en forma de transporte, retribución, facilidades na mobilidade... Hai que achegar algo porque logo pasa o que pasa. No caso das prazas MIR en Galicia, que as nove sen cubrir fosen na provincia de Lugo pode ter que ver moito con iso, porque as opcións ían desde Burela ata Castro de Rei ou Sarria e hai moita xente á que as dificultades de transporte ou mobilidade a esas zonas pode influírlle.
A Xunta vén de acordar co Concello de Sanxenxo pagar pisos a médicos de familia para que traballen alí no verán e non descarta ampliar a medida a outras zonas...
Que lles pagues un piso nunha zona concreta a uns profesionais e durante un tempo determinado para que vaian traballar alí non deixa de ser un parche. O que hai que facer é mellorar as condicións laborais da sanidade en xeral. Ante situacións precarias non valen medidas precarias.
Aumentar o cupo para os médicos extracomunitarios cubrirá as prazas MIR pendentes. É dabondo?
Non é mala idea que se aumente o cupo de médicos extracomunitarios pero segue a ser outro parche froito dun problema anterior de xestión. Se cadra, co problema que hai, unha das primeiras medidas debera ser dar outra segunda volta completa tendo en conta toda a xente que participou na primeira adxudicación de prazas MIR e estaban dentro dos aprobados... Mesmo baixar a nota de corte. Ademais, falta por saber canto se vai tardar en asignar esas prazas para facultativos de fóra da UE, polo que dubido moito que o persoal de fóra da UE poida reincorporarse ao mesmo tempo que os MIR, o que pode provocar outro problema.
Todo volve ao mesmo: mellorar as condicións.
A clave de todo son as condicións que se ofrecen, aínda que haxa outras eivas. A problemática laboral e retributiva van da man. Desde a nosa asociación pedimos que se limiten as gardas obrigatorias ao mes porque estanse chegando a facer sete ou oito, pero a realidade é que sen un mínimo de gardas, o salario dun MIR apenas pasa dos 1.000 euros.
Hai que subir os salarios base sen gardas dun residente. As horas extra deberían computar como tal pero non debemos facer depender o soldo delas. Ao final, iso tamén inflúe na atención aos doentes porque unha asistencia de calidade non pode pasar por unha persoa que leva 20 horas sen durmir e que precisa de facer gardas para cobrar un salario decente. É malo para o doente e para a formación do médico.
"As prazas MIR aumentan agora porque o sistema ten a soga ao pescozo, pero levabamos anos reclamándoo"
E en Galicia, ademais, máis da metade dos médicos de familia que remataron o MIR nos últimos cinco anos en Galicia rexeitaron traballar na Atención Primaria...
Por iso defendemos que o que hai que facer, antes de nada, é poñer as cartas enriba da mesa e actuar para unha solución a longo prazo. As prazas MIR están aumentando agora porque o sistema ten a soga ao pescozo cando levabamos anos reclamándoo. Por iso, aínda así, non dan. Nos vindeiros cinco anos vanse xubilar tantos profesionais médicos que se calcula que deixarán un baleiro do 30% na sanidade pública española. Os residentes que agora entratan tardan catro ou cinco anos en formarse. Que condicións lles agardan?
"Moito persoal médico está aquí de prestado, nun sistema sanitario que non coida de nós; se cadra, dentro dun tempo, xa non se poida contar nin coa boa vontade"
Que lles agarda?
Verémolo pero hai que actuar. Se comparas as condicións en España coas doutros países da contorna, a diferenza é brutal. Hai máis libranzas, soldos que son o dobre ou o triplo que os de aquí, menos gardas... A conclusión á que chegamos no sector moitas veces é que se moitos aínda estamos aquí é porque estamos preto dos nosos, porque temos esa especie de morriña, pero en realidade estamos de prestado. Estamos regalándolle persoal a un sistema que non coida de nós. Se cadra, dentro dun tempo, a situación aínda é peor porque pode que xa non se poida contar coa boa vontade, o esforzo, a dedicación e as prolongacións de xornadas non remuneradas...