A desacougante falta de médicos de familia en Galicia preocupa desde hai tempo ao Sergas, mantén a sobrecarga de traballo e saturación do persoal e provoca, como nesta semana, esperas de ata quince días para ser atendido en centros de saúde de áreas urbanas. O aumento de casos de COVID impacta aínda máis na Atención Primaria mentres o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, admite que non hai "médicos nin pediatras para facer substitucións" e alerta das previsións de xubilacións nos vindeiros anos que agravarán aínda máis unha situación límite: un cento de profesionais en 2022 e sobre 250 en 2023.
Máis da metade dos médicos de familia que remataron a súa residencia nos últimos cinco anos en Galicia rexeitaron quedar na Atención Primaria
Desde a Consellería de Sanidade buscan paliar o problema reclamando ao Ministerio a convocatoria dun MIR extraordinario ou máis dotado, aumentando as novas prazas de formación de medicina familiar -nos últimos anos pasouse de menos dun cento a máis de 140 e preténdese superar as 200 por convocatoria-, propoñendo ao Goberno central a mellora do programa formativo para que os residentes pasen máis tempo nos centros de saúde ou incentivando coa carreira profesional a médicos de familia para que exerzan de titores.
No fondo, e como base de todo, un problema ao que se alude moito menos do que á busca de solucións ou á derivación de responsabilidades: a metade dos médicos de familia que remataron a súa residencia nos últimos cinco anos non quedaron na Atención Primaria. Dito doutro xeito, a Xunta non consegue reter nos centros de saúde os profesionais que finalizan o MIR, que rexeitan os contratos que lles ofrece o Sergas. Moitos marchan a Urxencias e outros ao servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO) ou ao 061. Varios emigran. Mesmo algún deixa a profesión ou opta pola sanidade privada.
"Ese é o gran problema da sanidade pública galega e, sobre todo, da Atención Primaria agora mesmo", confirma José Luis Jiménez, presidente do Colexio de Médicos de Ourense e vogal do Consello Galego de Colexios Médicos, entidade á que o Sergas recoñeceu que nos últimos anos, "máis do 50% dos residentes de medicina familiar marchan a Urxencias, PACs, HADO ou clínicas privadas". "Son minoría xa os que quedan nos centros de saúde", aclara.
Profesionais do colectivo Precarias pola Atención Primaria recompilaron datos sobre o destino final dos residentes que remataron o MIR entre 2017 e 2021: máis do 50% non está en centros de saúde
O Sergas aínda non respondeu a este diario sobre os datos concretos sobre o destino final dos médicos e médicas de familia que remataron o MIR ultimament e, como recoñecen desde os colexios médicos e sindicatos, non adoita facilitar cifras No entanto, todos os cálculos apuntaban a que arredor da metade ou mesmo máis non seguían traballando na Atención Primaria. Estaban no certo.
Así se desprende dos datos recollidos nas últimas semanas por Precarias pola Atención Primaria, colectivo de persoal de medicina familiar xurdido hai tres anos para rexeitar o contrato de continuidade impulsado polo Sergas. Profesionais que apañaron datos sobre o destino final dos residentes que remataron o MIR nos últimos cinco anos en Galicia, entre 2017 e 2021, preguntando e recompilando datos de cada promoción. En total, das máis de 450 prazas ofertadas, sobre 400 remataron a residencia pero só 214 continúan na Atención Primaria. Pouco máis do 50% no último lustro.
De máis de 400 médicos de familia que remataron a residencia nos últimos cinco anos, apenas 214 están na Atención Primaria; arredor dun cento traballan en Urxencias e sobre 15 no 061
"Queríamos saber se era certa a nosa sospeita de que moita da xente que remataba a especialidade non acababa traballando na Atención Primaria; nós mesmos podíamos ir comprobando como moitos dos nosos compañeiros acababan en Urxencias, no 061, repetían o MIR, ían á privada ou mesmo optaban por outras saídas laborais", contan dous dos profesionais de medicina familiar que traballaron nesta investigación. "Somos moi poucos e cada vez menos os que quedamos nos centros de saúde", insisten.
Segundo os datos recompilados -e coa excepción das cifras da área sanitaria de Ferrol de 2017-, arredor dun cento dos residentes que remataron o MIR entre 2017 e 2021 traballan agora en Urxencias, mentres que sobre unha quincena fano no 061, seis en hospitalización domiciliaria e máis de vinte están empregados -maioritariamente na Atención Primaria- noutra comunidade autónoma ou fóra de España. Ademais, arredor de dez optaron por outra especialidade e sobre cinco mudaron mesmo de profesión.
A evolución da permanencia na Atención Primaria foi, polo xeral, a menos. Mentres na promoción que rematou en 2017 máis do 60% dos residentes que remataron quedaron na Atención Primaria (case 80 dun total de 93), a porcentaxe mantívose case idéntica nos dous anos posteriores pero baixou ao 43% en 2020 e a rolda tamén 40% neste 2021.
As diferenzas son notables tamén segundo a área sanitaria. Así, en 2021, na de Ferrol, só un dos MIR de medicina familiar que acabou a residencia segue na Atención Primaria do Sergas, mentres que no caso da de Vigo continúan sete, fronte a unha ducia que elixiron outro destino, ou na da Coruña-Cee, seis fronte a nove que tampouco continúan no centro de saúde.
"Os residentes viven de primeira man o gran volume de traballo, con ata 40 ou 50 pacientes diarios por médico... E decátanse de que están sós para afrontar a situación"
Os profesionais que debullaron os datos teñen claro que son "moitos" os factores que inflúen nesta tendencia a rexeitar a Atención Primaria, pero todos apuntan a "sobrecarga" de traballo e ao "estrés" derivado desta, así como a maior "inestabilidade" ou as peores condicións contractuais. "Cando vés de rematar a túa formación, é moi lóxico que moita xente priorice a seguridade dun contrato semestral ou trimestral fronte a apuntarse a unha lista de substitucións de verán", explican. A posibilidade dun contrato estable de ata tres anos cunha retribución de 62.000 euros ao ano que agora ofrece o Sergas tampouco mudou a situación.
"Tamén inflúe que durante a residencia teñas moito contacto co hospital e acabes familiarizándote", explica outra médico de familia que rematou a súa residencia nestes últimos cinco anos. "Como vas atraer e contratar persoal cando nos centros de saúde hai continuas queixas de sobrecarga de traballo, de estrés ou de imposibilidade de facer o traballo como se debe... Ademais, tampouco hai moitos profesionais dispostos a exercer de titores e iso é un problema engadido", explica unha compañeira.
Desde o Consello Galego de Colexios Médicos, José Luis Jiménez apunta tamén a varias razóns pero unha fundamental. "Os residentes viven agora, de primeira man, unha das etapas máis complicadas nos centros de saúde, con gran volume de traballo e con ata 40 ou 50 pacientes diarios por médico... E decátanse de que están sós para afrontar a situación", explica. "Pola contra, nas Urxencias, por exemplo, están máis arroupados, con máis compañeiros arredor aínda que as patoloxías que atendan sexan máis graves", insiste.
"Non é o mesmo unha consulta no rural que nun contexto urbano, pero a sobrecarga crónica que hai hoxe en día na Atención Primaria é insostible e inaceptable"
"Non é o mesmo unha consulta no rural que nun contexto urbano, pero a sobrecarga crónica que hai hoxe en día na Atención Primaria é insostible e inaceptable", engade Jiménez, que advirte tamén de "vantaxes laborais" nas Urxencias. "Para moita xente nova, a posibilidade de organizarse e conciliar é maior en áreas onde podes traballar tres días seguidos e logo librar tamén varios consecutivos", conta quen insiste en que a imposibilidade da Atención Primaria de reter os seus residentes é "un grave problema" para o sistema sanitario público en Galicia. "Hai que darlle unha volta ao sistema", asegura.
"É totalmente certo que non hai médicos de familia nas listas, pero isto ten unha causa e a análise que se adoita facer é moi acrítica. Ninguén se pregunta o porque desa ausencia ou se para a pensar na sobrecarga e presión que está soportando a Atención Primaria", explican profesionais que destacan, tamén, a tardanza en reaccionar a problemas "que xa se vían vir". "Levo escoitando moitos anos, máis de quince, o problema que as masivas xubilacións de persoal ía provocar nos centros de saúde, pero parece que ninguén quixo afrontar o problema ata que lles estoupou diante", conclúe unha médica de familia.