O 9 de febreiro de 2020, as novas a respecto do coronavirus ecoaban en Galicia dende as seccións internacionais dalgúns medios de comunicación. Aquel día, unha multitude secundou a mobilización convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública. Os diversos conflitos ligados á xestión sanitaria, aguilloados pola vitoria do movemento social e política que lograra frear o peche da sala de partos do hospital de Verín cando a Xunta xa a tiña decidida, confluíran nunha concorrida mobilización con inevitables aires preelectorais: "Isto debe ser o comezo dunha mobilización continuada que conduza a un cambio de goberno, sen o cal a sanidade pública galega está condenada", sinalara o manifesto final.
Este 14 de novembro de 2021, algo máis dun ano e nove meses despois daquela gran manifestación, a mellora da situación da pandemia da COVID-19 grazas á ampla extensión da vacinación permitiu a SOS Sanidade Pública retomar, dalgún xeito, a mobilización onde quedara naquel afastado febreiro de 2020. Unha pandemia e unhas eleccións despois, organizacións cidadás diversas, centrais sindicais e formacións da oposición parlamentaria volveron ás rúas da capital galega para clamar: "Feijóo, atende, a sanidade non se vende".
Desta volta, o foco da protesta, secundada por milleiros de persoas, estivo nun dos elos do sistema sanitario público que máis enfraquecido entrou na pandemia e que, din profesionais e representantes das persoas usuarias, máis resentido sae dela: a Atención Primaria. Os plans da Xunta nos últimos anos, manteñen, puxeron o foco na renovación dalgunhas infraestruturas e na introdución de novas solucións tecnolóxicas que, manteñen, non van ao núcleo do problema: carencias de persoal que derivan nunha peor atención, consideran.
SOS Sanidade Pública defende que a actual situación da Atención Primaria é produto de "doce anos de xubilacións de profesionais" combinadas coa "contratación en precario" de persoal, o cal "fomenta a marcha de profesionais a outros servizos de saúde sen que a Xunta tome medidas"
A situación actual, defende a táboa reivindicativa da mobilización -que finalizou na compostelá Praza da Quintana, ocupada ata a metade por unha terraza hostaleira estendida durante a pandemia e que non foi retirada, dando lugar á contrariedade en boa parte dos asistentes-, é resultado de "doce anos continuados de xubilacións de profesionais" combinada coa "contratación en precario" de novo persoal, o cal vén fomentando "a marcha de profesionais a outros servizos de saúde sen que a Consellería tome medidas".
Baixo os mandatos de Feijóo na Xunta, enfatizan, produciuse o "desmantelamento das estruturas directivas de Atención Primaria para que ninguén sexa responsable do que acontece" mentres a Xunta se "nega a incorporar novos profesionais" e opta, acusan, polo "populismo, xestionando a sanidade mediante titulares". "Chegou o momento de parar isto e dicir non ás colas na rúa para acceder aos centros de saúde, a ter que realizar múltiples chamadas telefónicas para conectarse co centro de saúde" u a "listas de espera incompatibles coa Atención Primaria, que colapsan os puntos de atención continuada e as urxencias hospitalarias e favorecen a privatización", advirten.
Á mobilización promovida por SOS Sanidade Pública acudiron as dúas forzas da oposición parlamentaria encabezadas por cadanseus máximos representantes orgánicos: Ana Pontón, polo BNG, e Valentín González Formoso, polo PSdeG (ademais do seu voceiro parlamentario e secretario xeral saínte, Gonzalo Caballero), e múltiples membros de ambas formacións. Dende o eido político secundaron tamén a marcha membros de Unidas Podemos, entre eles o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, e cargos de mareas locais.
No eido sindical, CIG, CC.OO. e UGT, así como representantes de organizacións profesionais sanitarias, acudiron tamén á mobilización. Como en anteriores ocasións, abondou tamén a representación veciñal de localidades con conflitos abertos no eido sanitario, caso das persoas afectadas pola ampliación do hospital da Coruña, plataformas locais na defensa da sanidade pública ou colectivos afectados por carencias de profesionais en centros de saúde.