"Salvemos a Atención Primaria. Na defensa da Sanidade Pública"
Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galiza convocamos a manifestarnos, na Alameda de Compostela, o domingo día 14 de novembro ás 12 do mediodía. Os motivos para saír a rúa son dicirlle ao señor Feijóo que con esta política sanitaria de desmantelamento só se provoca morbilidade e mortalidade por afeccións que poderían evitarse de ter un Sistema Sanitario Público ben dotado, tanto de persoal como de infraestruturas.
Se dende a administración sanitaria din que van construír "50 centros de saúde nesta lexislatura”, a pregunta do millón é con que persoal os van dotar? Se din que non teñen médic@s para os centros que temos na actualidade, con quen se dotarán os do futuro? É a política de dicir que van facer sen facer nada (recordemos as residencias que dixo que faría a administración do PP “en cada capital de Área Sanitaria” e seguimos esperando pola primeira!).
Levamos 12 anos de gobernos do PP (con catro conselleir@s de Sanidade) e un mesmo administrador do sistema, que nos levou a unha política baseada nos recortes e no desmantelamento da Sanidade Pública. Isto ten un claro responsable: Feijóo.
Xubilación de profesionais, contratacións en precario, falta de substitut@s nas consultas, peche de centros, soldos de miseria para carreiras que custa moito esforzo conseguir... Todo fomenta a marcha de traballadores a outros servizos de saúde que prestixien o persoal e a profesión sanitaria (e non gastan un peso en formalos) sen que a Consellaría de Sanidade tome medidas.
No ano 2022 teremos menos orzamento que en 2009. Retiráronse as xerencias de Atención Primaria (AP), elimináronse áreas sanitarias, desapareceu a Participación Cidadá coa non posta en marcha dos Consellos de Saúde de Área e o Consello de Saúde de Galiza, néganse a incorporar nov@s profesionais para garantir unha AP integral (psicólog@s clínic@s, terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas), xestionan a sanidade con titulares de prensa e co “imos facer”...
A poboación galega e @s profesionais, son @s que sofren as graves consecuencias desta situación, cun Goberno galego que segue sen escoitar e sen tomar medidas efectivas para modificar esta situación. As conclusións do Consello Técnico de AP seguen sen aplicarse, pero a Administración si inviste en ordenadores, impresoras e agora en pintar e renovar centros de sáúde. Todo importante, pero sempre menos que dotar de persoal aos centros que teñen as súas consultas masificadas, con 40-50 persoas diarias, algo que queima aos profesionais e non permite unha calidade asistencial axeitada.
Temos que parar ísto e dicir NON: ás ringleiras na rúa para acceder aos centros de saúde. Non a ter que realizar múltiples chamadas telefónicas para conectarse co centro. Non ás listas de agarda de días ou semanas, incompatibles coa AP, que colapsan os PACs e as urxencias hospitalarias e favorecen a privatización. Non ao peche dos centros de saúde periféricos, que discrimina a poboación do rural, que xa ten a molestia da dispersión e que ademais está envellecida, cos problemas de mobilidade. E non ao uso das técnicas modernas. Non á consulta telefónica e telemática como eixo da asistencia en detrimento da presencial. Non ao recorte de persoal e a situación de inestabilidade e precariedade laboral nos centros. As persoas que usamos a sanidade real temos que poder dicirlle ao señor Feijóo como está de verdade a asistencia sanitaria.
É inaceptable que moitos enfermos e enfermas teñan que recorrer ao sistema privado para recibir atención. É necesario recuperar a atención integral, a promoción, a prevención, a rehabilitación e o traballo comunitario.
É imprescindible ter un orzamento finalista para a AP, que supoña o 25% do orzamento sanitario. Ter máis persoal e un Novo Modelo de Atención Primaria digno, integral, accesible e de calidade.
Por todo o exposto, teremos a manifestación o día 14 de novembro, ás 12 horas na Alameda de Compostela. Acude!