Persoas maiores recorren a xestorías para conseguir cita pola imposibilidade de contactar con profesionais e as limitacións de acceso aos centros de saúde
Co ronsel aínda doutra masiva marcha pola Atención Primaria en Galicia e logo de meses de protestas en numerosas localidades pola saturación, as longas listas de espera ou os recortes, profesionais e pacientes continúan a denunciar "solucións" inmediatas. Así o fixeran nos últimos días tamén persoal dos centros de saúde da área sanitaria da Coruña mediante un escrito á xerencia ou pensionistas e xubilados, que reclamaron en varias vilas e cidades unha sanidade "accesible e de calidade".
Advirten doutro problema engadido á falta de profesionais, falta de citas, recortes ou sobrecarga de traballo nos ambulatorios: as importantes limitacións que persoas maiores ou faltas de recursos teñen á hora de acceder á sanidade, tanto polas limitacións impostas a raíz da COVID nos centros de saúde como polos atrancos á hora de solicitar consulta. De aí que haxa persoas que recorran a xestorías para conseguir unha cita médica, unha situación cada vez máis habitual ante a imposibilidade de contactar cun profesional por teléfono ou a falta de medios ou capacidades que pacientes de avanzada idade teñen para manexarse en internet ou móbil.
"Vén xente perdida ou desesperada por non poder contactar co centro de saúde nin poder manexarse co contestador automático do Sergas", din nunha xestoría
"Veñen, si; é xente maior que está perdida ou desesperada porque non dá contactado co centro de saúde nin é quen de manexarse co contestador automático do Sergas", confirma o responsable dunha xestoría do barrio coruñés de Monte Alto. Foi alí onde Julia Lago, secretaria xeral da Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO na comarca, presenciou varios exemplos dunha circunstancia que denunciou nunha protesta esta mesma semana.
"É tremendo que haxa maiores que acudan a xestorías para que lles consigan unha cita médica; ou tes un fillo ou un neto que che faga os trámites ou quedas bloqueado", dicía tras cualificar de "incomprensible" que a Atención Primaria aínda non volvese "ao cento por cento mentres os bares e os comercios están abertos". A fenda dixital, xeracional e agudizada polo sistema implantado, engaden dificultades.
"É tremendo que haxa que acudir a xestorías para conseguir cita e incomprensible que a Atención Primaria aínda non volvese ao 100%", di Julia Lago, de CCOO
En conversa con Praza.gal, Lago explica como ela mesma coincidiu con varias persoas maiores pedindo axuda para solicitar cita médica na xestoría á que acode facer trámites. "Un día vin como unha traballadora lle solicitaba cita a través da aplicación do Sergas a unha muller que non era quen de contactar co centro de saúde, pero ao día seguinte volvín atopar outra que pedía axuda... Días despois, unha amiga con problemas de saúde relatoume o seu caso, que era parecido", explica.
Desde a xestoría aclaran que é un acto "de bo samaritano". "Non cobramos por estes trámites, loxicamente; é xente do barrio que nolo pide, algunha cliente habitual que fai aquí outras xestións e outras, persoas que aparecen pola porta solicitando unha axuda que non lles imos negar... Lévanos só uns minutos", explican, tras aclarar que, malia non ser algo que ocorra acotío, si é máis habitual nos últimos tempos.
"Hai xente que non ten un teléfono intelixente nin moito menos ordenador, que está soa e non pode tirar de familiares ou non quere ir molestar un veciño", explica Julia Lago, que conta que as queixas que recibe son, sobre todo, pola servizo automático telefónico. É o que se activa de chamar ao número que para a solicitude de citas aparece na tarxeta sanitaria ou ao que se deriva no caso de chamar ao do propio centro de saúde.
Con este método de citación, o paciente ten que responder preguntas a unha máquina ata sete veces -con claridade- para solicitar a cita. "Moita xente non é capaz ou porque non oe ben, porque non a entenden ou, simplemente, porque prefire falar directamente cun profesional", explica Lago. O uso aplicación ou da páxina web é xa utópico para moitos. No caso do teléfono único do Sergas, un 902 a 60 céntimos por medio minuto de espera, o contestador automático volve ser a alternativa.
Para persoas con mobilidade reducida, e co acceso limitado ou recomendacións para acudir o menos posible aos centros de saúde pola pandemia, Julia Lago non entende que non se facilite máis a "accesibilidade" á xente maior. "Cada vez somos máis os maiores e son incomprensibles estas trabas", engade.
Desde a Federación de Pensionistas de CCOO entende, ademais, que todas as "medidas restritivas" na Atención Primaria "repercuten moi negativamente nas persoas maiores, que non sempre dispoñen de medios ou capacidades para pedir cita telefónica ou telemática ou mesmo a consulta non presencial". Outro tanto, insisten, ocorre coas "limitacións no acceso aos centros de saúde". "Sendo entendibles nos primeiros meses da pandemia, agora resulta inxustificable e inhumano que se deixe as persoas á intemperie, expostas ás inclemencias do tempo mentres noutros ámbitos da vida se recupera a normalidade", din.
Mentres, a plataforma SOS Sanidade Pública, que integra numerosos plataformas de moitas localidades, así como organizacións sociais, profesionais, sindicais e políticas, manifestouse o domingo baixo o lema Salvemos a Atención Primaria e o Sistema Sanitario Público, que advirten que está "en risco de desmantelamento pola política de recortes de recursos do PP e a privatización sistemática".
SOS Sanidade Pública cre que "as dificultades para acceder á asistencia favorecen o crecemento do sector privado e a saturación das urxencias"
O propio conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, admitía esta semana a "preocupante" situación da Atención Primaria pola "falta clara de persoal médico e enfermeiro", tras destacar que a presencialidade aumentou "en doce puntos" desde maio ou que arredor do 80% dos cupos en Galicia ofrecen cita "en menos de catro días", unha cifra que é moito maior en numerosas localidades onde as esperas chegan habitualmente a superar a semana ou os dez días.
A marcha do pasado domingo quixo ser "un punto de inflexión" para facer as mobilizacións "máis potentes e xeneralizadas ata conseguir un cambio de política da Xunta salvar unha Atención Primaria accesible, equitativa, continuada, integral e solidaria".
Entre as denuncias dos convocantes, "as dificultades para acceder á asistencia" que, din, "está favorecendo o crecemento do sector privado (que oferta seguros de baixa calidade que non cobren as necesidades asistenciais de quen os contrata) e a saturación dos servizos de urxencias".