"O plan da Xunta para a Atención Primaria pode crear máis sobrecarga; hai que buscar solucións, non parches"

Alberto Núñez Feijóo, nunha visita a un centro de saúde CC-BY-SA Xunta

O persoal médico volveuse rebelar a pasada semana contra os plans que manexa a Xunta para a reordenación da Atención Primaria, saturada pola sobrecarga, os recortes e a falta de profesionais desde hai anos. O Consello Galego de Colexios Médicos (CGCM), que agrupa os catro colexios profesionais provinciais, anunciou nun contundente comunicado que recorrerá a iniciativa do Sergas, pola vía administrativa ou mesmo xudicial, da que dixo enterarse pola prensa. 

O presidente do Consello Galego de Colexios Médicos cre que o plan do Sergas para a Atención Primaria "pode provocar aínda máis sobrecarga"

Os profesionais médicos desbotan un plan que, denuncian, supón "menoscabar as competencias dos facultativos", transferias a outros traballadores e "compensar así a falta de profesionais". Rexeitan que o persoal administrativo dos centros de saúde poida facer as primeiras preguntas aos doentes que piden cita para decidir quen debe tratalos, así como a "habilitación dos farmacéuticos para prescribir medicamentos en determinadas circunstancias". Agora, o presidente do CGCM, insiste en Praza.gal en criticar a iniciativa e advirte de que "pode provocar aínda máis sobrecarga da que xa sofren os centros de saúde"

"O persoal farmacéutico non pode prescribir medicamentos senón dispensalos; que ocorrería se na farmacia lle cambian a menciña a un paciente? Pois que acabará chamando ao seu médico... E que conseguimos así?", exemplifica Isidro Lago, presidente do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra e do CGCM. 

Consulta de Atención Primaria nun centro de saúde CC-BY-SA Xunta

Respecto da idea da Xunta de que persoal administrativo filtre a demanda nos centros de saúde cos pacientes, ao xeito do que fan desde o 061 e cun cuestionario integrado no seu sistema informático, o Consello Galego de Colexios Médicos rexéitao con contundencia. "Non se lles pode pedir ese labor por moi bos profesionais que sexan porque non son sanitarios", explica Lago, que cre tamén que pode ser unha idea contraproducente e que vaia en contra do obxectivo do Sergas. 

"Hai que buscar solucións doutra forma e non poñer parches; o que se precisan son profesionais", di Isidro Lago

"Poderíase acabar derivando máis traballo a un profesional do que lle correspondería", insiste, tras advertir de da posibilidade de que traballadores non sanitarios puidesen acceder á historia clínica dun paciente: "Supoñemos que iso nin se pensará porque sería moi perigoso". 

O CGCM rexeita de vez este plan denominado XIDE (Xestión Integral da Demanda en Equipo), que xa se proba nos centros de saúde de Culleredo e no de Illas Canarias (Lugo), aínda que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, cre que as novas habilitacións para o persoal administrativo son "unha demanda antiga dos facultativos" e directivos do Sergas xa intentaron reconducir o conflito nunha xuntanza con representantes dos colexios médicos. 

"A Xunta formula un programa piloto, que non está nin tan sequera demostrado que funcione ou non, pero é que non está consensuado cos colexios profesionais e vai en contra das asignacións que a lei establece para cada colectivo médico", explica Lago, que insiste en que a proposta do Sergas, coma outras anteriores, "é só un parche"

"O Sergas ten que ofrecer contratos de longa duración, decentes e apetecibles e non de medio ano ou uns poucos meses", reclama

"Hai que buscar solucións doutra forma e non poñer parches. O que se precisan son profesionais médicos e se o problema é a taxa de reposición, as autonomías deben facer presión ao Goberno central para que se repoñan de verdade as xubilacións e se creen máis prazas", engade Lago, que repara nun feito que é "o mundo ao revés". "En España hai milleiros de médicos moi preparados que non poden exercer a profesión; gastamos moreas de cartos públicos para formalos para que acaben marchando fóra", reflexiona. 

Pero Lago regresa aos reproches á Xunta para pedirlle que mellore as condicións laborais do persoal. "O Sergas ten que ofrecer contratos de longa duración, decentes e apetecibles e non de medio ano ou uns poucos meses... Se non é algo atractivo, é imposible asentar a xente", engade o presidente dos médicos galegos, que cre incongruente o último anuncio do Goberno galego da creación de 37 novos centros de saúde. "É inconcibible: quen vai cubrir eses espazos se non hai profesionais médicos?", pregúntase. 

Carteis informando da folga nun centro de saúde galego ©

Ademais, Isidro Lago -presidente do colexio pontevedrés que o pasado verán puxo unha denuncia penal contra o Sergas pola sobrecarga na Atención Primaria, especialmente en zonas masificadas turisticamente- lamenta que os profesionais "sexan escoitados pero á vez ninguneados". "Case preferiríamos que fosen sinceros e nos explicasen a súa folla de ruta a que anden poñendo parches e nos enganen", continúa sobre un problema, o da saturación nos centros de saúde, que "vai a máis". "Do mesmo xeito que gabamos o funcionamento da sanidade pública galega no que tivo que ver coa vacinación contra a COVID ou outras cousas, temos o deber de pedirlle ao Sergas que se poña as pilas neste problema que hai que solucionar de vez", di. 

"O que sexa responsabilidade doutro goberno, tamén se criticará, pero a min preocúpame o que lles pasa aos meus veciños e veciñas e aos meus compañeiros", conta en conversa con Praza.gal este xinecólogo que cre que a sanidade pública "debe buscar solucións aos seus problemas". 

"Os problemas da falta de médicos no verán soluciónanse en xaneiro"

Como exemplo da falta de actuación da Xunta lembra a denuncia presentada no verán e o resultado das queixas que levan anos producíndose entre os profesionais: "Seguen sen facer nada, que en lugares como Sanxenxo só haxa catro médicos para unha poboacion que en vacacións chega a 100.000 persoas é algo que hai que arranxar meses antes". "Os problemas da falta de médicos no verán soluciónanse en xaneiro", repite. 

"O Sergas debe ser intuitivo, adiantarse aos problemas e ofrecer contratos de longa duración e de calidade porque, senón, o problema persisitirá", conclúe, antes de deixar outra reflexión: "As persoas intelixentes tratan de buscar as solucións aos problemas coas persoas máis axeitadas e que máis saben, pero outros intentan que lles digan o que queren oír e buscar problemas". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.