Os médicos rebélanse contra o plan do Sergas para retirarlles competencias na Atención Primaria

Consulta de atención primaria nun centro sanitario galego © Xunta

Os médicos galegos volven rebelarse contra os plans da Xunta para a Atención Primaria. O Consello Galego de Colexios Médicos (CGCM), que agrupa os catro colexios profesionais provinciais, vén de anunciar que recorrerá o plan que prepara a Xunta para a reorganización dos centros de saúde

O Consello Galego de Colexios Médicos advirte de que recorrerá "pola vía xudicial se é necesario" as medidas previstas para reorganizar a Atención Primaria

Farano, din, pola vía administrativa e, "se é necesario", pola xudicial, segundo aclara o CGCM nun comunicado no que lamenta terse enterado "a través dos medios de comunicación" das medidas previstas polo Sergas para a Atención Primaria, que considera "cuestionables tanto no fondo como na forma". 

Refírense, principalmente, á intención de que sexa o persoal administrativo dos centros de saúde o que faga as primeiras preguntas aos doentes que piden cita para decidir que profesional debe tratalos, así como a "habilitación dos farmacéuticos para prescribir medicamentos en determinadas circunstancias". 

Centro de saúde da Valenzá, en Barbadás CC-BY-SA Sergas Ourense

Os médicos galegos rexeitan que persoal administrativo pida decidir que sanitario trata a cada doente ou que os farmacéuticos poidan prescribir menciñas

Así, os médicos consideran que a "derivación da demanda asistencial ao persoal administrativo dos centros de saúde co apoio dunha aplicación informática" é algo "inconcibible" por tratarse "dun proceso diagnóstico que ten que levar a cabo un facultativo". 

O CGCM considera ambas medidas un "menoscabo das competencias dos facultativos" e advirte que "só un cambio da lei pode facer posible a transferencia de competencias dunha profesión a outra, que é o que está intentando facer a Consellería de Sanidade para compensar a falta de profesionais médicos no sistema sanitario". "Cada profesión sanitaria, tanto nos plans de estudo como no seu exercicio, teñen recoñecidas certas competencias que se regulan, de forma moi clara, na lexislación", lembra o Consello. 

Acusan o Sergas de intentar "transferir competencias" a outro persoal "para compensar a falta de profesionais médicos no Sergas"

"Os problemas da Atención Primaria non se solucionan transferindo competencias dos factulativos a outras profesións, algunhas, por se fose pouco, non sanitarias", insisten os médicos, que aposta por abordar as dificultades co "incremento e a reorganización dos recursos humanos, fundamentalmente médicos"

"Medidas illadas como as que se formulan só contribúen a dilatar a crise dun nivel asistencial que resulta imprescindible para a sanidade pública, especialmente de formularse se no consenso competencial necesario", insisten, tras denunciar que os colexios médicos non foron convidados a participar nesta toma de decisións, senón que as coñeceron "pola prensa". 

Concentración de persoal médico de Atención Primaria, nunha foto de arquivo CC-BY-NC-SA BNG A Coruña

Así, amósanse dispostos a abordar coa Consellería os problemas para "atopar unha solución razoable e axustada á normativa que non implique a perda nin invasión das competencias dos médicos e que en caso ningún se formulan para outras profesións sanitarias". 

Preguntado por esta queixa, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, retrucou aos médicos asegurando que o Goberno galego "intenta cumprir as competencias do persoal médico" e advertindo que os farmacéuticos "tamén son persoal sanitario". 

Representantes dos PAC abandonan o Consello Técnico de Primaria

Ademais, a Asociación Galega de Medicina e Enfermaría de PAC (Agamepac) abandonou o pasado xoves o Consello Técnico de Atención Primaria por non abordar "asuntos específicos" da súa categoría e logo do anuncio da creación dunha terceira nova categoría porque "periga a de PAC". 

O colectivo explica que ata o anuncio da Xunta de crear unha nova categoría de persoal médico que traballe en centros de saúde e PAC segundo necesidades, existían dúas: a de persoal médico de PAC e a de persoal facultativo de centros de saúde.

Así, consideran que esa "categoría todoterreo" na que "todo vale" deixa os da existente de PAC "relegados". "A longo prazo pon en perigo a nosa categoría", afirmou nun escrito remitido ao Consello Técnico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.