Outro berro masivo en Vigo pide máis medios para unha Atención Primaria "en perigo extremo"

Mobilización en defensa da Atención Primaria en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Unhas 20.000 persoas percorreron as rúas de Vigo en defensa da sanidade pública e para reclamar máis recursos nunha Atención Primaria "en perigo extremo"

Outra masiva manifestación en Vigo en defensa da sanidade pública e de máis recursos para a Atención Primaria. Arredor de 20.000 persoas, segundo datos da Policía Local, percorreron este xoves as rúas da cidade noutro novo berro contra os recortes no Sergas. 

Convocadas pola xunta de persoal da área sanitaria de VIgo, os profesionais advertiron no manifesto lido ao final da marcha do "perigo extremo" no que se atopa a Atención Primaria pola "deterioración" sufrida nos últimos meses que a sitúan "ao bordo do colapso". 

Cabeceira da manifestación convocada pola xunta de persoal da área sanitaria de Vigo CC-BY CCOO-Sanidade

Foi unha marcha que chegou case tres anos despois daquela multitudinaria que a finais de 2018 foi encabezada polos xefes de servizo de centros de saúde que dimitiran en protesta pola sobrecarga de traballo e a deterioración asistencial. Con demandas e reivindicacións semellantes, a xunta de persoal da área sanitaria de Vigo chamou tamén a defender a sanidade pública e melloras nunha Atención Primaria que leva anos reclamando unha solución aos seus problemas. 

A xunta de persoal denuncia que a espera media para unha cita presencial na área de Vigo rolda as dúas semanas pola falta de persoal e recursos

A marcha partiu ás 20 horasdo PAC da rúa Pizarro e centrouse tamén en denunciar a falta de persoal nos centros de saúde nunha área onde, segundo advertira xa a presidenta da xunta de persoal, María José Diéguez, a espera media para unha cita presencial anda polas dúas semanas. Unhas eivas empeoradas pola COVID, o aumento da carga de traballo que supuxo o control e asistencia da pandemia e que, segundo os convocantes, serviu para que o Sergas acabase por "enfrontar usuarios e profesionais". 

Foi esa precisamente a clave: profesionais demandando á cidadanía que se sume a eles para reclamar máis medios e persoal, máis investimento, acabar cos atrancos para acceder ás probas diagnósticas, a mellora da accesibilidade ás especialidades hospitalarias ou estruturas de xestión de recursos humanos e orzamento propio e suficiente para a Atención Primaria. 

Entre os apoios á marcha, o de varios concellos do Baixo Miño, que puxeron autobuses para facilitar o desprazamento da veciñanza, plataformas como SOS Sanidade Pública, a Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), sindicatos ou o propio alcalde vigués, Abel Caballero, que acusou a Xunta, Feijóo e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, dunha "xestión calamitosa da sanidade en Vigo" e que animou a acudir á marcha. 

Mobilización en defensa da Atención Primaria en Vigo, o 30 de setembro de 2021 © Plataforma pola Sanidade Pública de Tomiño

Abel Caballero acusou a Feijóo dunha "xestión calamitosa da sanidade en Vigo" e Pontón cre que a área foi "banco de probas" de recortes e privatizacións

Tamén da oposición galega. Así, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, chamou tamén a manifestarse na mañá do pasado xoves contra o que denomina "plan de demolición de Feijóo contra a sanidade pública". A líder nacionalista cre que Vigo foi un “banco de probas” da estratexia do PP de recortes e privatizacións do sistema público de saúde e propuxo "un investimento de choque de 200 millóns de euros para Atención Primaria, ampliar a carteira de servizos e convocar todas as vacantes no Sergas".

Ademais, a xunta de persoal insistiu na necesidade de que a dirección dos centros de saúde deixe de estar baseada nos hospitais e que a Atención Primaria poida xestionar os seus recursos humanos e o seu orzamento. Todo ante unha situación de "presión asistencial insoportable" nos PAC e nas consultas, con xornadas que superan moitas veces os máis de 30 pacientes diarios que se adoitan poñer como límite. 

Gran manifestación en Santiago en novembro

A marcha de Vigo serve, ademais, como previa da gran manifestación unitaria de todas as plataformas e colectivos en defensa da sanidade pública prevista para o vindeiro 14 de novembro en Santiago, centrada tamén na defensa da Atención Primaria "afectada polas políticas de desmantelamento e privatización de todo o sistema sanitario público galego".

Unha mobilización máis que alerta dos problemas do sistema sanitario público galego e que, nos últimos meses, reproducíronse noutras protestas por varias comarcas de Galicia, case todas elas coincidentes en denunciar a "deterioración" da asistencia pola falta de recursos e persoal, agravados pola pandemia de coronavirus. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.