Xa a principios de ano, o Consello de Bioética de Galicia advertira nun informe do "especial impacto" que a pandemia estaba a ter na Atención Primaria. Os profesionais médicos alertaban da saturación provocada pola COVID naquelas primeiras vagas de coronavirus, acentuada pola escaseza de persoal, a carga de traballo polo seguimento e control dos positivos e dos seus contactos e as consecuencias en forma de aumento de listas de espera, repercusión negativa na atención integral e falta de atención doutras doenzas. Os sindicatos insistiron nunha problemática que, denuncian, parte sempre da "falta de persoal e anos de recortes e desinvestimento". Nesta onda estival, de moita menor presión hospitalaria e menos casos graves, os centros de saúde levan a peor parte, cargando unha mochila xa moi pesada.
Hai tan só uns días, a Xunta pediu a contactos asintomáticos de positivos da COVID que non acudisen á Atención Primaria ante a alerta de saturación nos centros que confirma o persoal de enfermería, colectivo clave na loita contra a pandemia pero tamén afectado de cheo pola elevada carga de traballo e a falta de recursos, agravadas coa chegada do coronavirus.
"É indubidable que esta quinta onda está a golpear con forza no día a día da Atención Primaria; co inicio do verán e o comezo dos positivos entre a poboación máis nova, a situación empeorou", explica Pablo Taboada, enfermeiro en varios centros de saúde da Coruña neste verán porque, coma tantos outros, vese obrigado a dobrar quendas ante a falta de persoal. A vacinación deixa os centros de saúde sen enfermeiras para cubrir vacacións, os médicos chegan a atender 90 pacientes por xornada e as quendas do persoal poden alongarse ata as 14 horas, como denunciaron sindicatos e asociacións pola sanidade pública. Todo tras ano e medio de desgaste pola pandemia.
"A quinta onda golpea con forza na Atención Primaria; a maioría de casos son leves e asintomáticos e recaen nos centros de saúde, xa saturados e con eivas"
Yolanda Moares, especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria, traballadora tamén da Atención Primaria e vicepresidenta de Agefec, ratifica o relato do compañeiro. "Esta quinta onda nótase moito máis que as anteriores; as primeiras afectaban máis a presión hospitalaria, pero desta vez a maioría de casos de COVID son leves ou asintomáticos e a xestión recae nos centros de saúde, xa saturados e con eivas", explica quen este pasado domingo representou todo o colectivo sanitario ao recoller no seu nome a Medalla de Ouro de Galicia outorgada ao dispositivo de vacinación.
Malia que a central de seguimento de positivos e contactos implantada polo Sergas e que liberaba traballo na Atención Primaria segue a funcionar, Moares advirte de que o fai "a un ritmo moito máis baixo que nas primeiras ondas". Así, a falta de persoal nese control obriga a que sexan moitos os casos que seguen as enfermeiras dos centros de saúde.
Moares destaca que as costuras da Atención Primaria están a rebentar, aguantando como poden unha presión que leva anos por falta de persoal e medios. "Precisamos investimento porque isto non pode seguir así", denuncia ante unha "situación complexa" da que culpa ao "hospitalcentrismo do sistema sanitario".
A vacinación deixa os centros de saúde sen enfermeiras para cubrir vacacións e a COVID engade máis traballo asistencial e burocrático
Porque a COVID engade á elevada carga asistencial dos centros de saúde unha importante carga burocrática, trámites --como petición de PCR ou comunicación de contaxios e resultados-- que ocupan ata a metade do tempo, segundo denuncian varios profesionais médicos. Na enfermaría, máis do mesmo, co engadido de que é o seu persoal o que se encarga tamén da vacinación masiva.
Tanto Pablo como Yolanda apelan á "responsabilidade individual" para acabar canto antes coa coñecida como quinta onda e co impacto da pandemia. Sobre todo entre os máis novos, a inmensa maioría dos casos que atenden nos seus centros de saúde e que provocan a saturación da Atención Primaria.
"Nos últimos meses, o que vemos é xente nova que dá positivo e que confiaba en que non se ía contaxiar nunca; pero a realidade é outra", explica Taboada, que achega datos sobre a súa experiencia no día a día: "Máis do 90% dos test de antíxenos realizados e positivos son de xente menor de 30 anos sen vacinar, tanto con sinmatoloxía como sen ela".
"É comprensible que estean confiados, que pensen que non se contaxiarán ou que se o fan non terán moita cousa, pero unha pequena parte desa mocidade, aínda que mínima, pode ter no día de mañá moitos problemas", advirte Pablo Taboada, que apunta a cefaleas, disnea, falta de concentración ou malestar xeral alongado no tempo.
"Máis do 90% dos test de antíxenos realizados e positivos nos centros de saúde son de xente menor de 30 anos sen vacinar"
Por iso, tanto Pablo como Yolanda insisten. "Que empreguen todas as medidas de prevención e seguridade e que se vacinen, que se non o facemos todos ben, isto non rematará aínda", di Moares. "Mentres non estea inmunizada completamente, a xente debe seguir atenta, extremar as precaucións e ser consciente de que sempre hai alguén que pode quedar con secuelas para toda a vida", insiste Taboada.
"Axiña estarán vacinados, pero mentres deben ser responsables; é perfectamente compatible o ocio cun bo uso da máscara e o contacto social con responsabilidade en espazos abertos, que é clave. Non debemos facilitarlle o traballo á COVID", remata Pablo, que advirte de que, logo da súa quenda de mañá, terá que seguir pola tarde. "Non hai persoal e temos que andar dobrando nun sitio e noutro", lembra.