O Consello de Bioética de Galicia advertiu nun informe de hai só unhas semanas do "especial impacto" que a pandemia está a ter na Atención Primaria e da necesaria "reflexión" para "preservar as súas características e valores fundamentais". A presión asistencial e saturación provocada pola COVID, os limitados recursos e persoal, o aumento das tarefas burocráticas ou as limitacións propias do coronavirus relegaron a atención doutras enfermidades, atrasaron actividades urxentes, aumentaron as esperas ou repercutiron negativamente na atención integral propia deste ámbito sanitario, especialmente nos pacientes con patoloxías crónicas. As advertencias uníronse ás que levan anos facendo os profesionais sobre uns centros de saúde que ven lle como rebentan as costuras mentres o foco apunta, loxicamente, á loita contra o virus.
O Consello de Bioética pide unha "reflexión" para "preservar as características e valores fundamentais" da Atención Primaria, golpeada pola pandemia
"Vai acabar estoupando por todos lados", relata Susana, enfermeira nun centro de saúde urbano durante as dúas primeiras ondas da pandemia e profesional agora na atención hospitalaria a domicilio. "Xa viñamos arrastrando a falta de medios e persoal, sobre todo na Atención Primaria, unha situación que se agravou moito co coronavirus, que parecía para uns meses e xa vai para un ano", reflexiona, facendo especial fincapé na precaria atención dos pacientes crónicos.
"Non se fai bo seguimento destes doentes por falta dun persoal que, ademais, tivo que priorizar a pandemia", explica Susana, que entende as queixas dos pacientes pero advirte do "desbordado" dun sistema afectado pola COVID. "Nos picos como os de agora con tanta xente contaxiada, os centros de saúde non dan feito", engade quen, por experiencia, asegura que é imposible "facerse cargo destas persoas como se debe mentres tes que facer o seguimento de casos de coronavirus".
"Nos picos como os de agora, con tanta xente contaxiada por COVID, os centros de saúde non dan feito", di Susana, enfermeira
"Temos moita carga asistencial e, ademais, moitísima carga burocrática polo COVID, con trámites que son necesarios pero que ocupan ata o 40 ou 50% do noso tempo", relata Pablo Vaamonde, médico no centro de saúde coruñés de Labañou. "Petición de PCR, comunicación de contaxios ou de resultados.... A sensación é de frustración por non facer medicina de verdade", engade.
Malia que a Xunta buscou desconxestionar a Atención Primaria a través da Central de Seguimentos de Contactos (CSC), centralizando neste organismo a petición de PCR e o rastrexo de casos de COVID, a realidade bate con forza. "Non está funcionando como debera e a xente acaba recorrendo ao seu médico de toda a vida, que carga coa maior parte do traballo", explica Susana. "Ademais, se sospeitas que fuches contacto ou tes problemas respiratorios, a quen chamas? A un pneumólogo? Ao teléfono do coronavirus? Pois non, a xente chama ao doutor de sempre", exemplifica.
Profesionais advirten da elevada carga burocrática relacionada coa COVID: "Sentes frustración por non facer medicina de verdade"
"O CSC funciona a medias, porque cando hai un positivo, seguímolo nós; a aqueles que no precisan hospitalización, que son a inmensa maioría, chamámolos, atendémolos e resolvémoslles dúbidas", explica Vaamonde, ex-presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec).
"O CSC non só non me libera de traballo, senón que mo complica", aclara Xosé María Dios, médico de Atención Primaria en Outes e membro da plataforma SOS Sanidade Pública, que explica que as cuestións burocráticas relacionadas coa COVID supoñen unha importante carga de traballo e crean, a tal hora, "un conflito". "O cambio de protocolos cada pouco provoca que os pacientes tamén che poñan en cuestión as recomendacións", asegura quen di atender unha media de 40 pacientes diarios, a maioría de maneira telefónica, pero arredor do 20% tamén de maneira presencial.
O temor ao coronavirus provoca tamén que haxa "menos consultas por cuestións menores" pero, ao tempo, "moita xente que empeora na casa por medo a acudir ao centro de saúde". "Moitos doentes con problemas de mobilidade e moitos con afectación psicolóxica, temor excesivo, actitudes paranoides ou de abuso de ansiolíticos", resume Vaamonde sobre unha problemática moi común.
O temor ao coronavirus provoca que moita xente evite acudir ao centro de saúde, onde cada vez hai máis consultas por problemas psicolóxicos
"A xente chama menos e, a medida que aumentan as restricións e os casos de COVID, aumenta o medo, a xente rexeita acudir aos centros sanitarios e para moitos, cando o fan, o seu problema xa non ten solución", di Susana, que advirte do "gran risco" que supoñen os efectos colaterais desta pandemia. Tamén na saúde mental. "Aí é terrible; entre a ansiedade, o medo e os problemas económicos, isto estoupará por todos lados", asegura.
"Cada día atendo tres ou catro casos relacionados con problemas psicolóxicos: de depresión, ansiedade, insomnio... Todo derivado desta pandemia ou do confinamento", engade Dios, que lamenta "non facer medicina de calidade". Ou polo menos da calidade que desexaría. "Con este número de consultas e a priorización do teléfono, é imposible; moitas veces é tremendo o esforzo por non meter a zoca", di, tras lembrar, tanto el como Vaamonde, que por moito que se priorice a atención telemática, hai moitos casos que só poden ser atendidos presencialmente.
Ansiedade, depresión, insomnio ou abuso de ansiolíticos son casos moito máis habituais nas consultas de Atención Primaria desde o inicio da pandemia
"Isto está durando moito, tanto para a poboación xeral como para os profesionais sanitarios; é unha sensación de incerteza que aumenta ao ter que resolver moitas cuestións por teléfono", engade Vaamonde, que insiste no "necesario" labor contra a COVID, pero tamén nos problemas que a saturación neste ámbito provoca ao desatender outros.
Outra das consecuencias desta presión que a pandemia provoca na Atención Primaria son as continuas demoras. Non é estraño, nin moito menos, que un centro de saúde tarde ata unha semana en dar cita telefónica. "Nin é normal nin pode permitirse, pero ocorre", resumen ambos médicos. Como derivada, a crecente demanda da sanidade privada por parte de xente que "acaba por buscarse a vida". Mesmo para solicitar PCR por sospeita de COVID.