A dúas semanas do comezo da campaña de vacinación da gripe, o vindeiro 13 de outubro, e coa chegada do outono e o presumible empeoramento da segunda onda da covid, a Atención Primaria galega afronta o seu exame máis complicado entre demandas de máis recursos e profesionais e protestas pola saturación, o colapso e listas de espera.
A chegada da campaña de vacinación da gripe e o presumible empeoramento do impacto da covid enfronta a Atención Primaria ao seu exame máis difícil
A chegada do coronavirus incrementou a presión sobre o primeiro elo dunha cadea sanitaria que é cada vez máis feble. Ás folgas, mobilizacións e demandas de máis recursos, tanto por parte de profesionais como de persoas usuarias, únense agora as protestas da cidadanía que denuncia o mantemento en exceso dunha atención telefónica --instaurada en 2013 polo Sergas e xeneralizada en tempo de confinamento para evitar as visitas aos centros de saúde-- ou as elevadas esperas para unha cita de Atención Primaria.
En comarcas como no Morrazo xa houbo protestas por unha "Atención Primaria digna e de calidade", "solucións ás esperas na rúa" ou reclamando "consultas presenciais", peticións que coinciden coas que a oposición fai ao novo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que é quen afronta agora as demandas dun persoal saturado e que advirte do que vén nos vindeiros meses. "Cada vez hai máis incerteza, máis traballo e menos persoal... E a cousa non ten traza de mellorar", coinciden profesionais que insisten no perigo que supón a chegada da gripe en plena pandemia e con "cada vez máis nerviosismo entre a poboación e os mesmos ou menos recursos".
En comarcas como O Morrazo xa houbo mobilizacións reclamando máis "consultas presenciais" e denunciando o incremento das listas de espera
"Axiña nos decatamos de que a nova normalidade non traía unha Primaria mellorada, senón peor, con menos recursos e máis déficit de atención", explica Carmen Nores, presidenta da plataforma A Voz da Sanidade, que organizou en Cangas unhas protestas que continuarán en Moaña nos vindeiros días. Consciente da idoneidade da atención telefónica en determinados casos, o colectivo pide ao Sergas que aclare cales son esas casuísticas e que poña fin ás citas telefónicas "por sistema".
A atención telefónica, no caso de se exceder na súa intención inicial, pode acabar por "discriminar" unha parte da poboación, como advirte a Asociación Galega pola Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), ou ser utilizada como "escusa" para non aumentar o persoal, unha reivindicación que comparten cidadanía e profesionais. "Todo se reduce a investir en máis recursos e máis traballadores", explica Nores, que advirte tamén das elevadas listas de espera mesmo para esa cita telemática.
Colectivos de persoas usuarias da sanidade pública denuncian esperas de entre sete e vinte días para unha cita de atención telefónica en Primaria
De entre sete e ata vinte días, chegaron a denunciar no Morrazo, pero tamén de varios días en moitas vilas e cidades galegas onde conseguir cita para falar co médico de cabeceira é cada vez máis difícil. O resultado: saturación nas urxencias e nos PACs ou aumento da opción pola sanidade privada.
"O miolo de todo segue a ser a falta de profesionais substitutos, porque todo o que facemos é poñer parches onde o que se precisan son varios puntos de sutura", explica Xosé María Dios, médico de Primaria en Outes e secretario da AGDSP, que insiste en reclamar "investimentos reais" en contratar persoal e con "condicións atractivas".
A Atención Primaria afronta a campaña da gripe en pleno impacto da pandemia, que tamén aumenta as consultas por ansiedade ou transtornos do sono
O problema, explica, non é a atención telefónica, que é "útil" para moitos casos e para organizar axendas. A cuestión está, aclara, na sobrecarga. "Sigo atendendo unha media de 50 persoas a diario e no centro de saúde aténdense 1.200 chamadas cada xornada", explica tras advertir, ademais, do atraso en probas aínda pendentes derivado do coronavirus e da futura saturación que traerá unha campaña da vacinación que pretende abranguer máis poboación que nos últimos anos para reducir o impacto da covid, un virus que trae consigo a atención obvia e directa, pero tamén máis consultas por "nerviosismo, ansiedade ou transtornos do sono".
No diagnóstico coincide Ramón Veras, médico de Atención Primaria na Coruña e un dos portavoz de Asembleas de Áreas Sanitarias. Tal e como lembraba neste artigo, "botarlle a culpa á atención telefónica ou dicir que os centros están pechados ou confinados, cando as axendas médicas nunca foron tan numerosas, superando os 50 pacientes, é irresponsable e demagóxico".
E reclama que o Sergas "elimine as barreiras que obstaculizan o acceso" á Atención Primaria: eliminar a citación robotizada, incrementar liñas telefónicas e contratar persoal para atender esas liñas; que o paciente poida contactar co seu centro e os profesionais sanitarios poidan priorizar a súa atención".
"Botarlle a culpa á atención telefónica ou dicir que os centros están confinados é irresponsable e demagóxico"
Iso, di, resolvería gran parte do problema, ademais de levar a cabo as obras necesarias para evitar "as ringleiras de persoas fóra do centro de saúde", máis aínda de cara ao inverno, nunha demanda na que coincide a cidadanía mobilizada nas últimas semanas. "Hai que reorganizar os centros, redistribuír tarefas, eliminar toda a actividade burocrática innecesaria da axenda médica e, sen dúbida, incrementar o número de profesionais", insite Veras.
Son os avisos que o persoal manda desde hai meses, pero con máis premura, se cadra, polo impacto da covid e a chegada dunha campaña de vacinación que será masiva, tamén porque pretende ser outra forma de previr os efectos do coronavirus.
Nes mesmo luns, a Xunta presentou unha campaña de vacinación que comeza o 13 de outubro e durará 12 semanas e na que se pretende acadar unha cobertura na poboación de 65 ou máis anos e nos traballadores sanitarios do Sergas igual ou superior ao 75%, cando o ano pasado chegou ao 60% e o 50% respectivamente. Será, xa que logo, aínda máis traballo nos 900 puntos de vacinación en Galicia, entre centros de Atención Primaria e hospitalaria, consultas privadas ou residencias. Un exame máis para a minguada sanidade galega.