Todos os anos, ao longo do outono, desenvólvese en Galicia a campaña de vacinación da gripe, que todos os anos infecta entre o 10% e o 15% da poboación. A vacinación ten unha enorme importancia, sobre todo para os grupos de risco, comezando polas persoas de maior idade. No ano 2018 esta enfermidade provocou 130 mortes no noso país, a cifra máis elevada dende comezos da década dos 80 (nos anos anteriores as cifras foran moito máis reducidas). 107 desas defuncións corresponderon a persoas de 80 anos ou máis.
Quérese evitar unha maior saturación do sistema sanitario e que a gripe empeore ou enmascare os síntomas da Covid-19
Porén, a vacinación contra o virus da gripe cobra unha maior relevancia neste ano 2020 por mor da pandemia de coronavirus. Á espera de que se poida contar nalgún momento cun tratamento eficaz contra a Covid-19, as autoridades sanitarias instan a aproveitar os tratamentos que si están dispoñibles, de xeito que a habitual epidemia de gripe non empeore os efectos que o coronavirus xa está a provocar, sobre todo no que atinxe á saturación do sistema sanitario.
A nova campaña da gripe comezará o vindeiro 12 de outubro estenderase ata final de ano, cunha duración de 12 semanas
Aínda que nos países do hemisferio sur, que xa viviron nos últimos tres meses a coincidencia das dúas enfermidades, está a haber moitos menos casos de gripe que en anos anteriores (seguramente debido ás medidas de prevencións adoptadas para evitar os contaxios do coronavirus), é importante incrementar a protección ante a chegada da influenza. Por unha banda, quérese impedir que os efectos dunha enfermidade empeoren os provocados pola outra, sobre todo nos colectivos de risco. Ademais, cómpre evitar que os síntomas da gripe oculten os do coronavirus, o que podería dificultar os intentos de conter a Covid-19. Finalmente, un gran número de casos de gripe poderían empeorar a situación de saturación dos hospitais e dos centros de atención primaria.
A Sociedade Galega de Medicina Interna (Sogami) fixo un chamamento a que a mocidade se vacine contra a gripe este ano, a pesar de que habitualmente as novas xeracións non adoitan facelo
Neste senso, a Sociedade Galega de Medicina Interna (Sogami) fixo un chamamento público a que a mocidade se vacine contra a gripe este ano, a pesar de que habitualmente as novas xeracións non adoitan facelo, ao non sufrir os peores efectos da enfermidade. "Non sabemos como se van a comportar ambos os dos virus cando coincidan na tempada de inverno, poida que un aplaque ao outro ou que ambos se potencien", comenta Jose Antonio Peromingo, membro de Sogami. Peromingo engade que aínda que os mozos non se vacinan de forma habitual da gripe estacional, "desde un punto de vista de saúde para a poboación completa, tratar de minimizar os pacientes infectados de gripe mediante a vacinación pode axudar a diferenciar algúns síntomas que son comúns e reducir a necesidade de realizar probas diagnósticas para facer o diagnóstico diferencial entre ambos os virus se fose necesario".
A nova campaña da gripe comezará o vindeiro 12 de outubro estenderase ata final de ano, cunha duración de 12 semanas. A Xunta xa anunciou que este ano "redobrará o esforzo", con 900 puntos de vacinación (entre os que se atopan centros de Atención Primaria, residencias ou centros de menores e discapacitados) e 865.832 doses de vacina antigripal, unhas 200.000 máis que na campaña do ano pasado.
A Xunta anuncia que "redobrará os esforzos" para conseguir unha cobertura superior ao 75% entre a poboación maior de 65 anos, entre a que o pasado ano se vacinou un 60%
Incrementarase, ademais, o obxectivo de cobertura para a poboación de risco, que habitualmente estaba fixado no 65% ou máis para os maiores de 65 anos. Este ano preténdese que sexa superior ao 75%, chegando idealmente ao 80% ou mesmo ao 85%. O Goberno galego aínda non anunciou se tamén aumentará o obxectivo de cobertura para os restantes colectivos: persoas de 60-64 anos (actualmente o obxectivo é do 35%), persoal sanitario (do 50%) e mulleres embarazadas (55%).
Este mesmo luns o Ministerio de Sanidade lanzou as súas recomendacións, que van nunha liña semellante: 75% para persoas maiores de 65 anos e persoal sanitario e 60% en embarazadas e persoas con patoloxías crónicas. A vacinación comezará polas persoas que residen en centros da terceira idade e polo persoal sanitario, seguindo despois polo resto de grupos prioritarios.
O pasado ano a porcentaxe acadada entre os maiores de 65 anos (60,42%) foi inferior ao 65% buscado e moi por debaixo do 75% que se pretende nesta ocasión
Aínda que nos últimos anos vén incrementándose a taxa de cobertura para todos estes colectivos, aínda o pasado ano a porcentaxe acadada entre os maiores de 65 anos (60,42%) foi inferior ao 65% buscado e moi inferior ao 75% que se pretende nesta ocasión. Tamén entre as persoas de 60 a 64 a cobertura foi inferior ao obxectivo. En cambio, entre o persoal sanitario e as mulleres embarzadas si que se acadou a cobertura prevista.
As persoas de 75 ou máis anos foron as que máis se vacinaron (67,33%), unha porcentaxe moi inferior entre as de 70 a 74 anos (58,73%) e de 65 a 69 (46,96%). A taxa de cobertura acadou os seus valores máis altos entre 2003 e 2009, descendendo entre o 2009 e o 2012 e recuperando a tendencia á alza dende entón, pero sen chegar aínda aos datos da década anterior.