Benito Regueiro, xefe do Servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, é un dos expertos que está a asesorar á Xunta no comité clínico creado pola pandemia da Covid-19. Desde o laboratorio que dirixe están a controlar a evolución do coronavirus nas residencias sociosanitarias de toda Galicia e acaban de iniciar un seguimento nas industrias estratéxicas do país para evitar confinamentos.
Que é o coronavirus?
É un virus ARN (ácido ribonucleico), isto quere dicir que xurdiu hai 4.000 millóns de anos. Foi o comezo do mundo anterior ao que temos nós, daquela a información xenética baseábase no ARN e agora temos o ADN.
Os virus non están considerados seres vivos, son estruturas que precisan de organismos vivos para sobrevivir; porén, semella que actúen de forma intelixente
Este virus como tal, a súa estrutura, hai científicos que pensan que ten aproximadamente 100.000 anos e outros que din que é moi anterior e ten 250 millóns de anos. Falamos da estrutura porque aos virus non os consideramos seres vivos, son un sistema biolóxico de mantemento da información xenética que necesitan outros componentes vivos para poder perdurar, e contan cunha enorme capacidade de adaptación. Estes virus ARN teñen unha intelixencia biolóxica moi anterior á nosa, ao longo do tempo se van adaptando e este concretamenta adaptouse a un morcego insectívoro, que é unha especie protexida. Hai unha boa razón para que iso sexa así, os morcegos teñen 56 millóns de anos de antigüidade e un sistema biolóxico moi axeitado para o mantemento dos virus.
A teoría di que hai uns meses houbo un salto de especie e o virus que estaba nos morcegos pasou aos humanos. Teoricamente é a primeira entrada do virus na nosa especie. O único obxectivo do virus é facer máis copias de si mesmo.
Por que hai tantos tipos de coronavirus?
En humanos hai cinco coronavirus, o máis antigo data do 1863 e desde entón houbo distintos saltos entre especies e, a través normalmente de intermediarios animais, pasaron aos humanos. Os que están máis preto de nós son o SARS-1 e o MERS.
Nós temos normalmente coronavirus, que os diagnostiquemos no laboratorio non é estrano. Son virus que normalmente producen catarros, eses que teñen os nenos e algún que podemos ter nós no verán. O que pasa é que este novo coronavirus é un betacoronavirus, do que hai practicamente tres en humanos: o SARS-CoV-1, o MERS e este, o SARS-CoV-2. Normalmente veñen saltando a través dunha especie intermediaria que no caso do SARS-CoV-1 foi a civeta, un animal do sureste asiático, no do MERS os camelos e dromedarios, e neste caso pénsase que puido ser o pangolín, mais tamén pode que fose directamente o morcego.
"O coronavirus non se equivoca coa facilidade que o fai o virus da gripe"
Este é un virus moi especial porque polas propias características do ARN, que é un ácido ribonucleico, ten unha enorme variabilidade porque o sistema co que fai copias de si mesmo non ten capacidade de corrección: cada vez que se fai unha copia, a copia cambia. Isto xera variabilidade, que é un feito moi importante desde o punto de vista biolóxico porque o sistema intelixente de variación do virus está baseado na súa capacidade de variabilidade. Isto considérase unha vantaxe biolóxica dos virus ARN, entre os que está o da gripe: temos gripe todos os anos porque o virus vai mudando.
O coronavirus que temos agora ten a mesma capacidade, pero é diferente do virus da gripe: é moito máis grande, o da gripe ten máis ou menos a metade de tamaño de información. Isto é posible porque o SARS-CoV-2 ten un sistema de corrección da variabilidade, o código de lectura. Así, o virus non se equivoca coa facilidade que o fai o da gripe. Estamos ante unha vantaxe biolóxica para o virus que tamén é unha desvantaxe, ten que ser sempre moi parecido e non é capaz de cambiar coa rapidez que o fai o da gripe.
Como é posible que teñamos unha pandemia a nivel mundial agora se levamos toda a nosa existencia como especie convivindo con estes virus?
Porque se produciu ese salto de especie. Unha versión nova do virus saltou á nosa especie por primeira vez na historia da humanidade e nós non temos defensa contra el. O virus o único que pretende é multiplicarse, e para iso ten que transmitirse. El está adaptándose a nós e nós temos que adaptarnos a el porque todos somos dianas potenciais.
Por outra banda, o coronavirus non pretende matar xente, porque se morre a xente o virus tamén desaparece. No proceso evolutivo o virus vai diminuíndo a súa agresividade, pero está interesado en aumentar a súa transmisibilidade, que é a capacidade de infectar a máis xente e de facelo da maneira máis eficaz posible.
"O coronavirus non pretende matar xente, porque se morre a xente o virus tamén desaparece"
O confinamento rompeu as posibilidades de transmisión do coronavirus, vimos como a pandemia baixou de intensidade. Saímos á rúa, volvemos ter contacto entre nós, e o virus volveu aumentar. Pretende infectar a todos os que poida, as veces que poida. O que pode facer que o virus continúe é que, mellorando o seu sistema de transmisión e creando o menor dano posible, poida repetir moitas veces estes ciclos de infección; como sucede coa gripe. O virus está tratando de aumentar a súa capacidade de contaxio, de feito agora vemos que as doses infecciosas do virus son aparentemente máis altas que ao principio da pandemia, e semella que vai diminuír a súa agresividade.
A partir de aquí poden pasar moitas cousas, porque se resulta que os humanos non somos interesantes para o virus pode decidir voltar atrás e desparecer, como pasou co SARS-CoV-1; ou quedar contido nunha localización como o MERS. O virus pode comportarse de moitas maneiras e o que fagamos nós influirá. Se volvemos ao confinamento indefinidamente, desparecerá; pero isto non é unha solución: por este motivo se insiste tanto nas medidas de protección e no distanciamento social.
Hai estudos que apuntan á transmisión aérea do virus máis alá deses dous metros de distancia que se están a recomendar, como os valora?
A transmisión aérea existe, outra cousa é a transmisión mediante aerosois. A dúbida científica está en que para facer probas alguén ten que crear aerosois de maneira artificial porque demostralo de forma natural é moi complicado. Sabemos que o uso de impedimentos, como son as máscaras, funciona en persoas sintomáticas que tusen e producen gotiñas de saliva. Esta é a razón pola que non todas as máscaras serven, porque están para protexer a un pero non a todos os demais. É dicir, que o uso da máscara é solidario, non se usa para evitar que ti te contamines do virus senón para protexer ao resto da poboación.
"Se a distancia social é correcta, da igual que teñas a máscara ou non"
Neste sentido se enmarca a prohibición de fumar cando non se pode respectar a distancia de seguridade publicada a semana pasada no DOG?
Esto foi unha aportación moi razoable da Sociedade Española de Neumoloxía. Non parece coherente que se lle estea a dicir á xente que ten que usar máscara como sistema de protección dos demais e que os fumadores poidan estar sen máscara. Se a distancia social é correcta, da igual que teñas a máscara ou non. Ademais, cando fumas o que fas é expulsar aire e, dalgún xeito, xeras un aerosol. Non é un aerosol exactamente, pero expulsas gotiñas e é máis doado alcanzar as doses que logo poden provocar a infección.
Agora que Galicia xa se achega ás cifras de infectados do mes de maio, como pode ser a convivencia entre o virus da gripe e este coronavirus?
Efectivamente estamos vendo cifras que se achegan ás que tivemos, pero non é o mesmo. Temos os hospitais nunha situación de normalidade. A xente ten que ter claro que desde o primeiro minuto o traballo que se fixo foi para protexer os hospitais, e así protexer á xente que pode verse máis afectada. Ao principio podía ter habido colapsos, pero agora mesmo en Galicia temos toda a dispoñibilidade para responder.
"O que fai que un virus sexa estacional non é só que esteamos no inverno ou no verán, que a xente empregue máscaras ou non, senón a propia competitividade entre eles"
Outra cousa moi importante que cambiou é que agora sabemos que a xente non ten por que presentar síntomas para ser portadora do virus e poder contaxiar a outros. Sabemos que temos que ter moitísimo máis coidado porque o virus non avisa, e ao principio pensabamos que si.
A respecto da gripe, se imos aos datos de Australia (onde agora terían que estar a pasala) vemos que a curva é plana. Que quere dicir isto? Ten que ver con que se están a tomar medidas para evitar o contaxio da xente, pero tamén pode ser que o virus da gripe esté evolucionando de forma subclínica e non produza tantos cadros clínicos como os que solía producir cando había máis capacidade de transmisibilidade.
A estacionalidade dos virus, o que chaman as ondas, vese moito máis afectada pola competición entre virus que polo comportamento das persoas. O que fai que un virus sexa estacional non é só que esteamos no inverno ou no verán, que a xente empregue máscaras ou non, senón a propia competitividade entre eles. O noso sistema sanitario xa se está preparando para non só estudar o coronavirus ou a gripe, senón todos virus para ver como van variando. Estamos a adaptar os nosos sistemas de diagnóstico para este reto que vai ser importante e interesante. Ten que pasar máis tempo para aprender do que acontece cando conviven.
E como se produce esa confrontación do coronavirus co virus da gripe?
Desde o punto de biolóxico, estes virus son ferramentas extraordinariamente afinadas. O coronavirus ten un receptor moi parecido ao que ten o virus da gripe, e poderíase pensar que cando estean xuntos competirán. Pero curiosamente, ata onde sabemos hoxe, o coronavirus está a usar outro receptor distinto ao que usa o da gripe. É sorprendente que, tendo a posibilidade de empregar ese receptor que teñen en común e infectar por dúas vías, o coronavirus non o estea a usar. Así que os virus, por dicilo dalgún xeito, están a demostrar unha certa intelixencia para evitar a confrontación.
Como ve as posibilidades de efectividade das vacinas que se están a probar por todo o mundo?
Hai varios modelos de vacina e penso que irán pola vía rápida, as institucións farán estudos para garantir a seguridade e da forma máis áxil ter unha vacina. Hai moitos deseños, uns serán mellores que outros, e hai que garantir que non fagan dano. Pero o maior problema, desde o meu punto de vista, é a produción en cantidade suficiente. A capacidade que ten o mundo de produción de vacinas é limitada, ademais de que hai que seguir a producir outro tipo de vacinas. Isto é o que fai retrasar a posibilidade do seu uso. Haberá que ver a que colectivos priorizamos e protexemos e como funcionan as distintas vacinas na poboación. Por outra parte, moitas destas vacinas están a basearse nos anticorpos neutralizantes. Os inmunólogos están a reclamar a importancia da resposta das células T para a protección, e aínda non pasou o tempo suficiente para ter unha idea clara de como funciona mellor o sistema de protección individual das persoas.
"Haberá que ver a que colectivos priorizamos e protexemos e como funcionan as distintas vacinas na poboación"
O tema das vacinas, que evidentemente é a esperanza, leva tempo. O tempo que pasou desde o inicio da pandemia, en termos científicos, non é nada. Estamos diante dun problema novo que hai que abordar de maneira global e resulta complexo. Con todo, imos mellorando nas vacinas e tamén nos tratamentos. Xa sabemos o que non funciona e seguimos a traballar.
Que se fixo desde o seu laboratorio no Hospital Álvaro Cunqueiro para mellorar a capacidade de diagnóstico do coronavirus?
Xa pasamos das 100.000 probas PCR, a capacidade é moi alta afortunadamente. O maior mérito que ten a xente do meu laboratorio, e penso que é algo que a poboación non sabe, é que nós non só facemos a PCR senón que a interpretamos. Da proba sae un resultado, positivo ou negativo, pero iso hai que interpretalo coa clínica do paciente (e agora sabemos que se non hai síntomas, tamén hai que interpretalo). Temos que entender a resposta do sistema de defensa dese doente e que é o que está detectando a PCR, pois a proba sinala que tes un virus ou un fragmento do virus. É complicado porque non temos un sistema que diga branco ou negro, hai que valorar o caso de cada paciente e tomar decisións.
Ademais, estamos a analizar as situacións nas residencias sociosanitarias de toda Galicia, con probas tanto aos usuarios como aos traballadores. Fixemos varias medicións porque este é un colectivo moi sensible ao ataque do virus. O mesmo fixemos co persoal sanitario de urxencias, das unidades de críticos e oncohematolóxicas, e con nós mesmos. Agora estamos a ampliar este procedemento ás plantas industriais estratéxicas do país, comezando polas de Vigo. Isto é outra aproximación coa que se pretende manter en funcionamento os elementos clave. Evidentemente, no caso das residencias sociosanitarias é moi importante evitar a entrada do virus para que non ataque ás persoas maiores, no caso dos hospitais é esencial o control do persoal para que non se dean casos de colapsos e no caso das industrias é importante manter un control para permitir que funcionen sen confinamento. A situación de confinamento foi posible, pero ten unha limitación no tempo: nalgún momento tes que producir, doutra forma o noso mundo párase.
Cre que este coronavirus pode provocar un cambio na nosa maneira de ver o mundo?
Xa o fixo. Hai moi pouco pensabamos que o centro do mundo eramos nós e este virus foi unha cura de humildade nese senso. Temos que recoñecer que é preciso formular as cousas doutra maneira. Mais non é a primeira vez que unha pandemia xera un cambio de mentalidade na nosa sociedade. O Renacemento chegou a continuación da Peste. Despois das distintas pandemias que se produciron sempre houbo un cambio, ás veces para ben e outras non tanto, na historia dos pobos.
En calquera caso, unha pandemia que agora é global, e coas cifras disparadas en comparación co que pensabamos que ía suceder ao principio, penso que xa está a mudar a idea que temos do mundo; e a nivel individual está a provocar unha confrontación dos nosos puntos de vista. Creo que moitos dos comportamentos da xente son reflexo dese cambio debido ao virus. Xa se produciu este cambio e espero que non cambie o máis importante. Terá efectos, xa os está a ter, no esquema económico do mundo, e non sei se no político. Desde logo, na vida normal das persoas e das familias está a influír.