Ata 61 dos 110 novos casos da COVID-19 computados po pasado mércores -correspondentes ao martes- pola Consellería de Sanidade en toda Galicia correspondíanse coa área sanitaria da Coruña. Nesa mesma xornada o Goberno galego, por boca de Alberto Núñez Feijóo, admitía, citando datos que o Sergas non publica, que a incidencia da doenza na comarca coruñesa máis que triplica a media galega: uns 92 casos novos por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas fronte aos arredor de 23 do conxunto de Galicia. [Galicia rexistra a maior cifra de positivos da COVID-19 en tres meses con 142 novos, o 60% na Coruña]
O informe do Sergas no que se basea a ampliación das restricións na área coruñesa, que polo momento non atinxen á mobilidade, sinala un "aumento de cadeas de transmisión independentes", cunha "porcentaxe de casos orfos" da COVID-19, sen orixe identificada
Feijóo mencionaba eses indicadores na comparecencia onde anunciou que, polo menos de momento, a Xunta non vai adoptar medidas de restrición da mobilidade para conter os contaxios da COVID-19 na área da Coruña, ao contrario do que fixera na Mariña hai un mes. Si continúan as medidas xa vixentes dende hai cinco días no relativo ao peche de pubs e discotecas ou limitacións de capacidade e horario en comercios e hostalaría e ademais, agrégase a restrición de visitas as persoas hospitalizadas ou que teñan que acudir a unha consulta médica.
Esa extensión das restricións, que se prolongarán un mínimo dunha semana, foi publicada nunha edición extraordinaria do Diario Oficial de Galicia minutos antes das dez da noite do 12 de agosto. A orde describe a situación epidemiolóxica que as motiva e fai un destaque que cadra co feito de que, nos últimos días, a propia Xunta xa non sinale brotes concretos na zona: na comarca da Coruña existe un "aumento de cadeas de transmisión independentes" da enfermidade, cunha "porcentaxe de casos orfos" -de orixe non identificada- que "indica que existe transmisión comunitaria, aínda que de intensidade descoñecida".
Esa é a situación, cita a orde, que se describe nun informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade datado no propio 12 de agosto. Ese documento, que non é público -pero que adoita empregarse para obter o preciso aval xudicial para medidas coma estas-, recomenda prolongar as "medidas restritivas" ese mínimo de sete días máis para "poder avaliar a súa efectividade real" e "insistir, coas instrucións oportunas, na limitación de visitas aos centros sanitarios" da área da Coruña.
Concretamente, sinala, débese fixar "a limitación dunha persoa por paciente, preferiblemente menor de 70 anos e que non padeza enfermidades crónicas" para permitir o acceso aos hospitais. "No caso da atención ambulatoria, soamente se permitirá un acompañante no caso de que a persoa atendida sexa dependente ou menor de idade", agrega. Estas limitacións xa foran impostas pola Xunta nos primeiros días da pandemia, pouco antes de que o empeoramento da situación xeral derivase na emerxencia sanitaria e no estado de alarma, cando foron prohibidas todas as visitas.
Servizo "preferente" para maiores de 75 anos no comercio
A orde "recomenda" a persoas que non poidan portar máscara por padeceren enfermidades respiratorias que "eviten" saír da casa "nas horas de previsible afluencia ou concentración de persoas na vía pública"
Mostra do empeoramento da situación epidemiolóxica na Coruña é tamén outra das medidas vixentes dende este 13 de agosto nos nove concellos da comarca (Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral, Sada e a propia cidade da Coruña), non citada por Feijóo na súa comparecencia. Os locais comerciais deberán volver ter que fixar "servizo de atención preferente a maiores de 75 anos", xa sexa con acceso ou caixas "específicas" ou con "horarios determinados".
Para as persoas por riba desta franxa de idade, así como a "aquelas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que presenten algunha alteración que faga inviable a súa utilización", a Xunta inclúe unha "recomendación de autoprotección" na orde. Deben, sinala, "evitar" a "saída nas horas de previsible afluencia ou concentración de persoas na vía pública e en espazos ou establecementos abertos ao público".
A densidade de poboación da cidade da Coruña supera as 6.000 persoas por quilómetro cadrado
Neste contexto é clave a alta densidade de poboación da comarca e, moi especialmente, da cidade da Coruña. Este indicador sitúase en 852,7 persoas por quilómetro cadrado na media da comarca, pero elévase por riba das 6.400 na cidade, segundo datos do Instituto Galego de Estatística para 2019.
Son cifras moi superiores ás das comarcas que padeceran o que ata agora fora o principal brote da pandemia tras a fin do estado de alarma, as da Mariña, onde a maior densidade de poboación é a de Burela (1.255 persoas por quilómetro cadrado) e a media das comarcas non chega, na de maior densidade -A Mariña central- ás 60 persoas por quilómetro cadrado.