Os centros de día ven "discriminatorio" teren que pechar na área da Coruña: "Non tivemos ningún caso de COVID-19"

A conselleira de Política Social, Fabiola García, na visita a un centro de día na súa reapertura. CC-BY-SA Xunta

A "precaución" é o motivo que alega a Xunta para incluír o peche dos centros de día nas medidas para conter os contaxios da COVID-19 na área sanitaria da Coruña e Cee . Case un mes despois de reabrir, estes centros de atención ás persoas maiores, que ademais contribúen á conciliación das familias, volven quedar parados durante un mínimo de cinco días e ata novo aviso da Xunta.

Olga Pedre, que dirixe un centro de día na Coruña, asegura que se soubo do peche pola prensa e que a comunicación de Política Social chegou o luns pola mañá

Olga Pedre, da Plataforma de Centros de Día de Galicia, conta desde A Coruña que no seu centro recibiron a nova deste peche "inesperado" na tarde do venres polos medios de comunicación, mentres que a comunicación oficial da Consellería de Política Social chegou este luns pola mañá.

"Non houbo ningún caso de Covid-19 nos centros de día de toda Galicia. Por que non se pechan os ximnasios, as cafeterías ou os grandes centros comerciais? Por que nos obrigaron a facer unha formación que non fixo ninguén para agora ser os primeiros e os únicos en pechar?", pregúntase Pedre.

Actividade nun centro de día. © Centro de Día Raiola

"Seguimos sen dar crédito", sinala sobre a posición "totalmente discriminatoria" de Política Social desde que comezou a pandemia. "Agora temos que estar en contacto coas áreas sanitarias polo novo protocolo e recibimos un apoio total pola parte de Sanidade", afirma, "porque somos centros sociosanitarios e tamén facemos un labor esencial".

Critican que Galicia é o único territorio que non considera "esenciais" os centros de día e salientan que non se produciu ningún caso positivo de Covid-19 neles

"Galicia é a única Comunidade Autónoma que non considera como esenciais aos centros de día cando unha parte do noso traballo é axudar aos maiores coa súa hixiene diaria, coa alimentación e coa medicación", engade.

"Por que non se consideran servizos esenciais os centros de día? Esa é a pregunta, que alguén da Xunta nola responda", sinala Silvia Cal, membro da coordinadora da Plataforma de Centros de Día de Galicia, quen asegura que na "nova normalidade" se está a comprobar que todas as terapias cognitivas que levan a cabo teñen efectos positivos sobre as persoas maiores.

"Neste tempo todos vimos o que perderon e estamos intentando recuperar como estaban en marzo. Falamos da súa saúde en conxunto, tamén do seu estado anímico. Unha persoa que se move, por exemplo, mellora a circulación e así o funcionamento dos riles", explica Cal.

Pedre relata que o venres viviron "un drama total" cando lle comunicaron aos usuarios do centro o peche: "Os que non teñen deterioro cognitivo e ven todo o que está a pasar choraban porque quedan outra vez encerrados, moitos sen opcións e dependendo de bares para que lles leven a comida. Comentábannos cousas como 'para un ano ou dous que me quedan de vida, outra vez encerrados sen facer nada".

Alertas de "deterioro" das persoas atendidas nos centros

Desde a Plataforma de Centros de Día de Galicia veñen denunciando o "deterioro" das persoas maiores nos meses de confinamento e inciden en que o seu papel como vertebradores da atención á dependencia é "necesario".

"Non penso que estean máis protexidos, nin mellor, nas súas casas", asegura Silvia Cal, da coordinadora da Plataforma de Centros de Día de Galicia

O pasado 13 de marzo decretouse o peche de todos estes centros no país coa entrada en vigor do estado de alarma pola crise da Covid-19. Con todo, foron dos primeiros espazos en contar cos permisos para volver á actividade na fase 1 do plan de desconfinamento do Goberno estatal, que en Galicia comezou o 11 de maio.

"Entendemos cal é a situación da Coruña, pero seguimos pensando que se non se pecharon os negocios en xeral, e o ocio segue aberto ata a unha da mañá, os centros de día non deben pechar", resalta Silvia Cal. "Non penso que estean máis protexidos, nin mellor, nas súas casas", asevera.

Actividades nun centro de día, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

Galicia foi o último territorio do Estado en reabrir os centros de día. A actividade retomouse o pasado 15 de xullo, tres días despois das eleccións, após varios anuncios por parte do Goberno da Xunta, que foi aumentando os requisitos e esixiu unha formación específica para o persoal criticada por ser "nada específica".

Galicia foi a última comunidade autónoma en reabrir os centros de día para maiores e persoas con discapacidade tras o confinamento

"Nos centros de toda Galicia estamos pendentes de ser o lugar máis seguro que se poida ter hoxe coa Covid-19", asegura Cal, quen detalla que contan cun "plan de acción" aprobado polo Sergas e co "asesoramento" dun médico en cada área sanitaria. Ademais, ningún centro de día está aínda ao 100% da súa capacidade e teñen divididos os espazos "por áreas de convivencia".

Neste contexto, Olga Pedre mostra o seu desconcerto por este peche na área da Coruña despois das "grandes inversións" que realizaron para "comprar mamparas e mesas individuais para garantir a distancia de seguridade". "O que van conseguir é que pechemos definitivamente. Cruz Vermella e Cáritas, con todo o apoio que teñen, xa o fixeron con todos os seus centros na Coruña", lamenta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.