O conflito dos centros de día e ocupacionais parece chegar á súa fin logo de case dous meses de anuncios contraditorios, protocolos desaparecidos, requisitos renovados e diferenzas entre as consellerías de Sanidade e Política Social. Logo de que Núñez Feijóo advertise aínda o pasado luns da conveniencia de manter estes espazos pechados para evitar "riscos" e "coidar os maiores", a Xunta anunciou este xoves que permitía a súa reapertura desde o vindeiro día 15, tres días despois das eleccións autonómicas. Todo despois de semanas de queixas e denuncias por parte de profesionais, persoas usuarias e familiares, indignados tras o anuncio inicial do Executivo de mantelos pechados ata setembro cando todas as comunidades facían xa plans para recuperar o servizo o máis axiña posible, como así acabaron facendo todas.
A Xunta anuncia agora que permitirá reabrir os centros de día tres días despois do 12X, logo de semanas de protestas e tras anunciar que non volverían ata setembro
Foi outra marcha atrás da Xunta --como coa supresión da atención aos partos en Verín, a proposta para xeneralizar a docencia online universitaria, o bono de 250 euros para persoal sanitario ou a rescisión de contratos de enfermeiras durante a crise da covid-- que chega logo doutra mobilización social e das queixas tanto do persoal dos centros como das familias de persoas usuarias que sufriron a "deterioración" e "empeoramento" do seu estado físico e cognitivo. Velaquí a cronoloxía doutra recuada.
12 de maio: un protocolo activado pero sen data
Os centros de día de maiores e ocupacionais permanecen pechados en Galicia desde o pasado 13 de marzo. Malia que o Goberno central autorizou a súa apertura a pertir da fase 1, na que Galicia entrou en maio, a Xunta decidiu mantelos clausurados por precaución.
Pero a volta á actividade foise preparando. A Xunta activou un protocolo de reactivación o 12 de maio ao que o Consello da Xunta deu o seu visto e prace o día 13 e que foron recibindo os centros de día a fin de semana seguinte, entre o sábado 16 e o domingo 17. No documento, que incluía unha parte específica sobre os centros de día como guía para a volta á actividade, establecíase que este regreso realizaríase "de maneira progresiva", por etapas --tres de quince días-- e co aforamento limitado no primeiro mes.
Feijóo adiou a reapertura dos centros de día a setembro malia que a Xunta activara un protocolo de reactivación o 12 de maio
Aquel 13 de maio, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, indicaba que o Goberno galego decidira non reactivar polo momento os centros de día e que se "pactaría" axiña unha data para facelo, entre críticas ao Goberno central por considerar "improvisada" a autorización.
29 de maio: Feijóo adía a reapertura a setembro
O documento, Plan de reactivación no ámbito sociosanitario en relación coa infección polo virus SARS-CoV-2, foi abordado polo Consello da Xunta como informe o día 13 e recibido polos centros de día como "definitivo" entre os días 16 e 17. Como informou Praza.gal, foi enviado dende Sanidade, tiña 47 páxinas e debullaba o xeito en que debían realizar o desconfinamento as residencias de maiores --iniciado o pasado día 25, co comezo da fase 2--, pero tamén os centros de día para persoas maiores e con discapacidade.
A finais dese mes de maio, as 10 páxinas do documento referentes aos centros de día desapareceron da versión pública, xusto cando a Xunta confirmou, por sorpresa que non autorizaba a súa reapertura ata setembro.
Foi o venres 29 de maio cando Feijóo, por sorpresa, anunciaba que "as escolas infantís e os centros de día e ocupacionais non retoman a súa actividade ata o curso que vén". A causa, dixo, era a "imposibilidade de garantir a distancia física necesaria" para evitar contaxios da covid-19.
Tres versións do protocolo de reapertura
A noticia provocou o desconcerto en moitos centros de día que levaban semanas preparando a súa volta empregando como guieiro o devandito protocolo do 12 de maio, do que se desvinculou Política Social, que atribuíu o seu envío ao Sanidade --que, efectivamente, foi a Consellería que o remitiu aos centros--. O documento válido, indicaban dende o departamento que dirixe Fabiola García, era o daquela publicado no sitio web habilitado pola Xunta para informar sobre o coronavirus. A publicada era unha versión diferente, aínda que tamén datada no 12 de maio, sen referencia ningunha aos centros de día.
A Xunta negociou cos centros de día durante semanas a reapertura que logo freou
Mentres, dende a Consellería de Sanidade aseguraban a varios centros que a eventual reapertura era unha decisión en mans de Política Social. Ao tempo, no sitio web do departamento social da Xunta permanecía daquela publicada unha terceira versión do protocolo, esta con data do 16 de maio, pero tamén sen referencia aos centros de día.
A Xunta negociou cos centros a reapertura que logo freou
Responsables de centros de día relataron, coñecidas as intencións da Administración, que negociaran durante varias semanas coa Xunta unha reapertura inminente, en xuño, que mesmo confirmaran a persoas usuarias. Tras anunciar Feijóo que non poderían reabrir ata setembro, a Consellería de Política Social confirmóullelo por carta --á que tivo acceso Praza.gal-- aquel mesmo 29 de maio.
"Todo estaba encamiñado" e "enriba da mesa, unha apertura en datas moi próximas", relataban responsables de centros de día que empezaban xa a advertir da "deterioración" dos maiores: "Xa é unha realidade; a falta de actividades e terapias causa estragos e sobrecarga ás familias".
O peche agrava a saúde dos usuarios: "Causa estragos"
"As consecuencias de manter pechados os centros de día non só son para as persoas dependentes, senón tamén para os que conviven con elas", dicía María, unha muller coa nai afectada de demencia e desesperada polo peche do centro de día ao que acudía.
Familiares, profesionais e responsables de centros de día comezaron a amosar as súas queixas polas consecuencias de decisión de manter pechados ata outono estes espazos fundamentais para 14.000 persoas en Galicia.
"Non só se están a deteriorar e a enfermar as persoas usuarias, senón tamén moitos dos familiares", dicía Silvia de Cal, da Plataforma de Centos de Día de Galicia, que se preguntaba "se as persoas maiores non terán risco se van á praia ou a unha cafetería ou se reciben visitas de familiares", actividades todas elas permitidas xa daquela.
A demanda de reapertura torna en clamor
A idea da Xunta, que teimaba en manter pechados os centros de día ata setembro, fixo erguer as queixas de numerosas asociacións de profesionais dos servizos sociais e sanitarios, así como de persoas dependentes e familiares.
"Hai quen aínda andaba e xa non o fai, familias que non soportan a situación e sofren ansiedade e depresión, ademais de crise e conflitos sociais, e hainas que aguantan o que lles boten e chegan á consulta do médico con sinais de agresións ou problemas derivados de non durmir", explicaba Miguel Ángel Vázquez, presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX).
Numerosos colectivos de profesionais dos servizos sociais clamaron pola reapertura dos centros de día pola situacion de "emerxencia terapéutica e social"
A esta voz sumáranse antes entidades como as que agrupan as persoas con parálise cerebral ou colectivos como a Federación Galega de Dano Cerebral Adquirido (Fegadace) e mais o Colexio de Educadoras Sociais de Galicia (Ceesg). O primeiro deles remitira un escrito a Política Social para reclamar que o Goberno galego "reconsidere ou rectifique" ante unha situación, no caso do seu ámbito, que xa é de "emerxencia terapéutica e social". A segunda, advertiu dunha medida que "agrava a situación vital de centos de persoas maiores que sofren demencias e outras doenzas dexenerativas".
A Plataforma de Centros de Día de Galicia, a primeira en dar a voz de alarma, aseguraba que "agardar ata setembro" era "inadmisible" e atentaba "contra os dereitos máis elementais das persoas". Ademais, desde Autismo Galicia ínstouse a rectificar ante unha situación "insostible" e a Federación Alzhéimer Galicia reclamaba que se "poida atender as persoas con demencia e ás súas familias de forma inmediata".
5 de xuño: Feijóo xa non descarta adiantar a reapertura
Tan só unha semana despois de que sorprendese anunciando que os centros de día para maiores non volverían abrir ata setembro, Feijóo advertía de que podería adiantarse a súa reapertura.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do venres 5 de xuño, Feijóo asegurou que estudaba adiantar a apertura dos centros de día e que "os criterios de sanidade" ían "prevalecer sobre calquera outro criterio". Segundo dixo, setembro era "un horizonte" marcado pero xa non se pechaba "a outras posibilidades".
Mentres, Verín, onde unha intensa mobilización social acabou por evitar o peche anunciado da sala de partos por parte da Xunta, convertíase tamén en símbolo da protesta e a reivindicación contra a decisión de manter fechados os centros de día ata setembro.
10 de xuño: a Xunta só permite terapias individuais
Logo da recuada de Feijóo, a Xunta tan só abriu a man para autorizarlles aos centros prestar atención terapéutica individual con cita previa aos seus usuarios, "garantindo sempre todas as medidas de seguridade e hixiene necesarias". Foi o que o presidente da Xunta e a conselleira de Política Social, Fabiola García, lles trasladaron ás principais federacións de entidades de discapacidade, o Cermi-Galicia, nunha xuntanza mantida o mércores 10 de xuño. Xa que logo, retomaban só unha mínima parte da súa actividade, sen a posibilidade dunha estancia continuada que usuarios e coidadores reclaman.
11 de xuño: reaparece o protocolo para a reapertura
Tras anunciar o Goberno galego que permitía terapias individuais e con cita previa nos centros de día, a conselleira de Política Social, Fabiola García, avisaba da "configuración dunhas semanas de progresiva recuperación da normalidade" nestes espazos, aínda que sen poñer data de regreso. De súpeto, a parte do protocolo de reactivación referente aos centros de día volvía aparecer na versión pública do documento, semana e pouco despois de ser retirada, tal e como se podía comprobar na súa ligazón.
A reaparición do documento provocou o desconcerto entre os profesionais. Fora o luns anterior cando, nunha xuntanza mantida coa PCDG, Política Social puxera as bases para unha futura apertura, pero antes o persoal dos centros de día debía recibir "formación específica para todo o seu persoal" e dispor de equipos de protección. Cada instalación, ademais, debería preparar protocolos propios e "adaptados á súa propia realidade", como aclaraba a Administración. Unha vez cumpridas estas tres premisas, sería Sanidade quen debera dar o seu "visto e prace". A partir de aí, poderán retomar "progresivamente" o seu funcionamento.
A Xunta endurece as condicións para a volta á actividade
A decisión de reactivar o protocolo e engadir novos requisitos provocou o desconcerto en moitos centros de día que tiñan adaptadas xa as súas instalacións ás condicións esixidas nun principio.
"Abrir para terapias individuais con cita previa é inviable para un centro de día", explicaba Chelo Ferreiro, do centro Raiola de Verín. "Seis meses sen terapias e intervencións son anos de retrocesos nas persoas con discapacidade intelectual", advertía o persoal de Limisi Diversidade Funcional.
13 de xuño: a 'nova normalidade' mantén os centros pechados
Galicia deixaba o estado de alarma a partir do luns 15 de xuño e entraba así na nova normalidade unha semana antes do prazo marcado para todo o Estado. Era a primeira comunidade que abandonaba a fase 3, polo que quedaba rexida polo decreto estatal que regula esta nova etapa tras a desescalada e polas normas ditadas pola Xunta, que supoñían unha nova fase de desconfinamento de 15 días. As consecuencias prácticas e reais para a cidadanía galega non eran tantas, dado que as comunidades limítrofes xa rexeitaran permitir a mobilidade interautonómica, que Feijóo seguía sen poñer data á reapertura de escolas infantís ou centros de día e ocupacionais ou que as restricións aos locais de ocio nocturno xa foran ampliadas ata xullo.
Os centros de día reabren en case todas as comunidades
A mediados de xuño, case todas as comunidades tiñan xa abertos ou fixada unha data próxima para reabrir os centros de día, mentres o Goberno galego continuaba sen aclarar se adiantaba un regreso que nun principio estableceu para setembro.
12 de xuño: un novo protocolo e máis requisitos
O 12 de xuño, xusto un mes despois da elaboración do protocolo xeral que logo desapareceu da web pública da Xunta, a Consellería de Política Social enviou as directrices para que o persoal recibise desde o luns 22 a "formación específica" agora esixida para todo o persoal e unha nova guía que cada centro debe cubrir para adaptar as esixencias da Xunta "á súa propia realidade".
Galicia aínda é hoxe en día a única comunidade que mantén pechados os centros de día
Segundo o documento, os centros deberán controlar o acceso, adecuar espazos no interior, crear grupos de traballo dun máximo de dez persoas ou suspender o servizo de transporte.
Críticas á formación ofrecida pola Xunta
Profesionais dos servizos sociais adviertían dun curso de formación de tres días "repetitivo e nada específico", de escasa utilidade e no que os docentes se referían á Xunta como "Junta de Galicia". Era a formación esixida ao persoal dos centros de día polo Goberno autonómico para poder reabrir as súas instalacións. "Parece que nos queren entreter", queixábanse.
Galicia, a única comunidade cos centros de día pechados
Aragón, Castilla-La Mancha e Canarias, que aínda non reabriran os centros de día, decidiron facelo nas últimas semanas. O resto de territorios xa o fixeran antes, a maioría ao pasar a fase 2 ou 3, pero a Xunta seguía sen pór data tras dez días sen estado de alarma no país.
Os centros de día volven clamar pola reapertura
Na última fin de semana de xuño, a Plataforma de Centros de Día alertaba nunha carta á conselleira de Política Social de que "o empeoramento físico e cognitivo" das persoas usuarias "xa é real" e subliñaba que as medidas paliativas da Xunta non eran dabondo. A Federación Galega de Dano Cerebral tamén advertía dunha "emerxencia terapéutica e social" por estender o peche dos centros de día e ocupacionais.
A Xunta frea a reapertura de centros que teñen o aval de Sanidade
O Goberno galego vetaba a volta á actividade de centros de día, mesmo daqueles que xa achegaran os plans de continxencia requiridos e que foron avalados polo Sergas, ademais de cumprir co resto de requisitos. Feijóo, no debate electoral do pasado luns, insistía en que o Executivo non os abría para "coidar os maiores".
O Goberno galego permite agora a reapertura dos centros de día tres días despois das eleccións
O Goberno permite a reapertura tres días despois do 12X
Malia que Feijóo advertía o luns do risco de reabrir os centros de día, as cousas mudaron o xoves. Nunha reunión coa PCDG, a Consellería de Política Social anunciaba que permitiría reabrir os centros de día o día 15 de xullo, tres días despois das eleccións autonómicas, "sempre que conten cun protocolo específico de reactivación aprobado pola correspondente área sanitaria" e, xa que logo, cumpran co Plan de reactivación no ámbito sociosanitario en vigor.
Preguntado por que cambiara desde o pasado luns, Feijóo asegurou que "non mudou nada". "O que cambiou é que os centros finalizaron a formación e cumpren co protocolo asistencial", dixo, tras advertir de que esa reapertura será para "a inmensa maioría dos centros de día" e que a data foi acordada para dar tempo a que, se é posible, o 100% destes espazos retomen a actividade á vez sen facer "discriminación".