Aínda o pasado luns, durante o debate electoral, Feijóo aclaraba que a Xunta non abría os centros de día porque quería "coidar os maiores". Insistía en que era un "risco" facelo, sobre todo para "os traballadores, as súas familias e as dos maiores", e advertía da conveniencia de mantelos pechados malia as alertas que desde hai meses lanzan profesionais, persoal e coidadores sobre o "empeoramento do estado físico e cognitivo das persoas usuarias" e o "drama" que viven moitos familiares das arredor de 14.000 persoas que acoden diariamente a estes espazos. Dependentes, en moitos casos, que acumulan demasiadas semanas sen as terapias e atencións necesarias.
A Xunta decide agora permitir a reapertura dos centros de día desde o día 15, tres días despois das eleccións; Feijóo advertía o luns do "risco" de reabrilos
As críticas foron constantes desde que o pasado 29 de maio, e por sorpresa, Feijóo anunciou que se manterían pechados ata setembro, malia que a Consellería de Política Social levaba semanas preparando a reapertura inminente en xuño. Agora, en plena campaña e a dez días das eleccións, a Xunta anuncia que a reapertura será xa posible a partir do vindeiro día 15, tres días despois dos comicios.
A Consellería de Política Social comunicou este xoves á plataforma dos centros privados a posibilidade de reabrir estes espazos en dúas semanas
A decisión, comunicada este xoves por Política Social á Plataforma de Centros de Día de Galicia (PCDG) segundo puido saber Praza.gal, chega logo varias decisións contraditorias e polémicas nas últimas semanas. A última, nestes días, cando a Xunta impediu mesmo abrir a centros de día que xa recibiran o visto e prace de Sanidade, que contan co material requirido e cuxo persoal pasou a formación esixida, entre a "desesperación" e "enfado" de parte do sector, cuxa presión acabou por dobregar a decisión inicial da Xunta.
A marcha atrás, logo da reunión coa PCDG, foi confirmada despois pola propia Consellería, que asegura nunha nota que a Xunta autorizará a que os centros de día de maiores, de discapacidade e ocupacionais reabran a paritr do 15 de xullo "sempre que conten cun protocolo específico de reactivación aprobado pola correspondente área sanitaria" e, xa que logo, cumpran co Plan de reactivación no ámbito sociosanitario en vigor.
Feijóo asegura que "non mudou nada" desde que o pasado luns advertira da conveniencia de manter pechados os centros de día
A decisión, segundo Política Social, chega "unha vez que o persoal destas instalacións está próximo a finalizar os cursos de formación que a Xunta ofreceu de xeito totalmente gratuíto". Ademais, anuncia que a Administración fará chegarlles os equipos de protección individual (EPIS) necesarios.
Preguntado por que cambiara desde o pasado luns, Feijóo asegurou que "non mudou nada". "O que cambiou é que os centros finalizaron a formación e cumpren co protocolo asistencial", dixo, tras advertir de que esa reapertura será para "a inmensa maioría dos centros de día" e que a data foi acordada para dar tempo a que, se é posible, o 100% destes espazos retomen a actividade á vez sen facer "discriminación".
Con todo, Feijóo insistiu en que segue a ser "un risco" a reapertura. "Non nos imos precipitar; os maiores son a poboación vulnerable por excelencia", asegurou na rolda de prensa tras o Consello da Xunta.
A esperada reapertura chega cando Galicia é a única comunidade autónoma que mantén pechados os centros de día, que están abertos en todos os territorios do Estado. Canarias, Aragón e Castilla-La Mancha, os únicos que quedaban sen retomar a actividade nestes espazos, decidiron reactivalos coa entrada na nova normalidade o pasado 21 de xuño.
Galicia xa se adiantara a esta nova fase unha semana a petición da Xunta, que, con todo, mantivo sine die as restricións nos servizos sociais. No adianto das novas normas para esa seguinte fase do desconfinamento desde o 1 de xullo, Feijóo tampouco fixo alusión aos centros de día. Son xa case catro meses e medio os que levan pechadas estas instalacións de estancia diúrna, máis de 260 en Galicia.
Durante estes máis de tres meses e medio, a "deterioración" das condicións dos usuarios e o "drama" relatado polos coidadores incrementouse, ata que o Goberno galego abriu a porta a adiantar a volta e falou dunha "progresiva recuperación da normalidade" que desconcertou os e as profesionais, que basearan nun protocolo logo descartado temporalmente o seu plan de reactivación, que ven como virou máis estrito nunha nova guía con condicións de apertura máis esixentes que obrigan o persoal a pasar unha formación moi criticada.
Política Social asegura que coa reapertura dos centros de día, ocupacionais e de discapacidade "cúmprese co compromiso de normalizar progresivamente a situación destes servizos". "A Xunta de Galicia leva traballando desde que se iniciou a desescalada cos centros de día para retomar as actividades que ofrecen", argumenta.