A Xunta amplía de 4 a 3 metros cadrados por persoa a capacidade permitida nos parques infantís e praias na quinta fase do desconfinamento en Galicia pero segue sen anunciar a reapertura dos centros de día
O Consello da Xunta deste xoves, segundo anunciou o presidente Feijóo ao seu remate, estableceu novas normas para unha seguinte fase do desconfinamento en Galicia a partir do 1 de xullo. Á espera de que se concreten nunha próxima edición do Diario Oficial de Galicia, a principal novidade será que as discotecas xa poderán reabrir, pero ademais de que a súa clientela deberá usar máscara, os locais deberán rexistrar os seus nomes e números de teléfono para que a Xunta poida controlala en caso de producirse un brote de coronavirus.
O Goberno galego tamén amplía de 4 a 3 metros cadrados por persoa a capacidade permitida nos parques infantís e praias na que será a quinta fase do desconfinamento en Galicia, pero á espera do que poida concretar ou non ao respecto o DOG nos próximos días segue sen anunciar a reapertura dos centros de día.
"As discotecas serán máis seguras que os botellóns", di Feijóo, que pide aos concellos que actúen contra ese tipo de concentracións
Cando Feijóo decidiu que Galicia saíse o pasado 15 de xuño do estado de alarma e da Fase 3 do desconfinamento deseñada polo Goberno central, a Xunta ditou diversas medidas que na práctica supuxeron unha cuarta fase do desconfinamento pero que deixaron outras decisións para unha seguinte reavaliación 15 días máis tarde, entre as que o propio presidente situou a posible reapertura das discotecas ou das ludotecas.
Agora a Xunta concreta que a partir do 1 de xullo, no que suporía unha quinta fase do desconfinamento, as primeiras poderán reabrir conservando un rexistro da súa clientela cos seus números de teléfono, pero sen concretar nada sobre as ludotecas, ou sobre os centros de día. A outra decisión que si explicitou este xoves Feijóo foi un lixeiro aumento da capacidade nos parques infantís e nas praias, onde ata agora se establecía un mínimo de 4 metros cadrados por persoa e agora rebáixase a 3 metros.
Fronte á súa decisión de permitir a reapertura das discotecas, Feijóo acusou a “algunhas cidades de Galicia”, que non concretou -ningunha delas ten alcalde do PP, que só cogoberna en Ourense-, de permitir que se sigan realizando botellóns, “que sempre estiveron prohibidos”. Segundo dixo, as discotecas, coas súas normas, “serán máis seguras que os botellóns”, e pediu ás forzas de seguridade tanto estatais como locais que actúen para evitar concentracións dese tipo.
“Xa temos dous brotes e lamentablemente haberá máis”, di Feijóo, que fai fincapé na necesidade do uso xeneralizado de máscara
Feijóo tamén solemnizou na súa intervención inicial na rolda de prensa que a Xunta pretende mudar a orde establecida polo Goberno central de que se debe gardar distancia entre as persoas e empregar máscara cando non sexa preciso pola formulación inversa de que a máscara debe empregarse sempre salvo que poida haber distancia social. Porén, cando se lle preguntou expresamente se iso vai supoñer algún tipo de norma obrigatoria ou que implique sancións, Feijóo admitiu que non será máis que un desexo da Xunta de facer ver a importancia de usar máscara. “Xa temos dous brotes e lamentablemente haberá máis”, sentenciou.
Nesa liña, o presidente insistiu na necesidade que calquera persoa que considere que pode ter síntomas informe canto antes aos servizos sanitarios, tamén os e as turistas que cheguen a Galicia, que dispoñen dun teléfono específico que a Xunta está a publicitar co mesmo lema que a súa campaña turística, "Galicia vuelve con sentidiño".