As restricións na mobilidade, ensino e servizos sociais persistirán tras a fin do estado de alarma en Galicia

Escola infantil baleira, en Lugo CC-BY-SA Xunta

Galicia deixará o estado de alarma a partir deste luns e entrará así na nova normalidade unha semana antes do prazo marcado para todo o Estado. Será a primeira comunidade que abandone a fase 3, polo que quedará rexida, como aclarou Feijóo, polo decreto estatal que regula esta nova etapa tras a desescalada e polas normas ditadas pola Xunta, que supoñen unha nova fase de desconfinamento de 15 días. Con todo, as consecuencias prácticas e reais para a cidadanía galega non son tantas, dado que as comunidades limítrofes xa rexeitaron permitir a mobilidade interautonómica, que Feijóo segue sen poñer data á reapertura de escolas infantís ou centros de día e ocupacionais ou que as restricións aos locais de ocio nocturno xa foran ampliadas ata xullo. Nada muda no ensino, nos desprazamentos fóra do país ou nos servizos sociais

A saída do estado de alarma en Galicia non supón mudanzas no ensino, nos servizos sociais ou na mobilidade 

Será, segundo dixo Feijóo, a entrada nunha etapa cunha "serie de condicionamentos económicos e sociais máis permisivos”, agora impulsados directamente pola Xunta, que xa puido flexibilizar antes medidas sobre as que o Goberno central abrira a man. Pero mentres, por exemplo, os centros de día foron abrindo ou poñendo data á reapertura en boa parte das comunidades, en Galicia seguen pechados e sen data fixa para o regreso, que en principio fora marcada para setembro, ao igual que as escolas infantís, que non teñen previsto abrir as portas ata o curso que vén. 

Feijóo diríxese á rolda de prensa onde anunciou a fin do estado de alarma en Galicia CC-BY-SA Xunta

O decreto estatal para a nova normalidade polo que tamén se rexe Galicia --que fixa normas sanitarias como a obrigatoriedade das máscaras de non manterse a distancia social ou o control dos posibles rebrotes desde o Sergas-- dedica dous artigos específicos aos centros escolares e aos servizos sociais. No caso destes últimos, advirte de de que as administracións deberán asegurar o cumprimento das medidas de hixiene e seguridade e "velar para que a súa normal actividade se desenvolva en condicións que permitan en todo momento previr os riscos de contaxio", así como garantir a "coordinación" destes centros cos "recursos sanitarios do sistema de saúde da comunidade autónoma". 

Nin a situación dos centros de día, que non teñen data de reapertura, nin a das residencias, cun protocolo de reactivación, cambia coa caída do estado de alarma

Pero a Xunta non estableceu aínda unha data de regreso para esa "normal actividade" tras asegurar nun inicio que non reabrirían ata setembro. De feito, o DOG deste sábado insiste en que "permanecerán pechados, mentres non se dite resolución da consellería competente en materia de política social que acorde a súa reapertura". Porén, a protesta de profesionais e usuarios fixo que o Goberno galego apostase por unha "progresiva recuperación" do seu labor, pero endurecendo as condicións para a reapertura e reactivando un protocolo que fora xa enviado hai un mes aos centros e que desapareceu durante semanas. No mellor dos casos, ningunha destas instalacións abriría ata pasadas as eleccións do 12 de xullo e sempre que cumpran con varios requisitos e conten co visto e prace de Sanidade. 

En canto ás residencias de maiores, a fin do estado de alarma tampouco afecta, ao guiarse estas instalacións polo protocolo de reactivación que establece a recuperación progresiva da actividade e das visitas, con cita previa e elevadas restricións. 

No caso dos centros docentes, coa nova normalidade a Xunta terá que garantir tamén que se cumpran as normas de desinfección, prevención e acondicionamentos, así como a distancia social, pero nin escolas infantís, nin colexios nin institutos (agás no caso das aulas voluntarias para algún alumnado que remata ciclo) reabrirán ata o curso que vén.

Feijóo di que os parques infantís reabren pola ausencia de garderías, pero ao tempo advirte de que hai "bastante máis risco" nos recreos que nas aulas

Son só dous dos servizos aos que nada inflúe a saída do estado de alarma unha semana antes có resto do Estado. Si mudará algo no caso dos parques infantís ao aire libre, que Feijóo anunciou que reabrirán ao entender que "é moi difícil sen garderías que un neno poida xogar fóra do seu domicilio". Pola contra, e preguntado polo protocolo para as centros de ensino impulsado polo Ministerio de Educación, asegurou que "hai bastante máis risco nos recreos que nas clases". E este sábado o DOG condiciona esa apertura dos parques infantís á súa limpeza diaria, a que neles "se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto" e recomenda que neles se dispoñan dispensadores de xeles hidroalcólicos.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha visita a un centro de día CC-BY-SA Xunta

O adiantamento unha semana da saída do estado de alarma si supón que decaian as limitacións dos dereitos fundamentais aplicadas ao seu abeiro, como o límite para facer xuntanzas nos domicilios ou reunións familiares, que desaparecen o luns en Galicia. Tamén supón acabar coas restricións da mobilidade, pero o feito de que o país xa teña autorizados os movementos entre provincias e que as comunidades limítrofes, Asturias e Castilla y León, queden aínda en fase 3 e decidisen non abrir as súas fronteiras supón que non haxa cambios. De feito, malia que algunhas autonomías meditaran adiantar o paso á nova normalidade ou permitir os desprazamentos entre comunidades, os rebrotes en Euskadi botáronas atrás. 

Nada muda na mobilidade: Castilla y León e Asturias decidiron manter o peche con Galicia e o Principado atribúe a decisión ás "présas" da Xunta por pasar de fase

A idea de establecer un corredor para a mobilidade en toda a cornixa cantábrica, desde o País Vasco a Galicia, quedou descartada. Asturias decidiu tamén manter o peche co territorio galego polas "présas" do Executivo de Feijóo en pasar de fase. E advertiu do "problema" que supón que a Xunta levante o estado de alarma mentres o Principado "defende que se manteña ata o final". Ao estaren en diferentes fases a partir do luns, esa mobilidade entre autonomías non poderá ser solicitada en ningún caso e só se activará automaticamente o luns 22, cando en toda España se poida circular sen restrición ningunha.

A efectos prácticos, e á espera de que se formalice a autorización xa verbal do Goberno central para saír do estado de alarma e que un decreto da Xunta faga despois efectiva a aplicación das normas avanzadas este sábado no DOG, en Galicia desaparecerá este luns 15 a limitación máxima para o encontro de grupos de persoas, que era de 20. O que a Xunta fixo agora foi determinar a capacidade máxima en locais de hostelería e comercio, entre outros. En bares e restaurantes aumentará do 50% ao 75%, mentres que nas terrazas pasa do 75% ao 80%. No caso do ocio nocturno, e aínda que na fase tres permitíase abrir cun máximo do 30% da súa capacidade, o Executivo autonómico fixou o 1 de xullo como a data de reapertura, aínda que agora estuda a forma de permitir antes o uso das terrazas. 

As terrazas, do 75% ao 80% de capacidade

Ademais, pásase do 50% ao 75% de capacidade máxima permitida en locais e centros comerciais, onde as zonas comúns quedarán limitadas aínda á metade. Tamén as bibliotecas e museos poderán ocuparse ata o 75%, ao igual que as zonas comúns dos hoteis. No caso dos velorios, mentres na fase 3 a capacidade máxima era de 50 persoas ao aire libre e 25 en lugares pechados, agora será de 60 e 30 respectivamente, 10 e 5 máis que esta ata agora, e as comitivas fúnebres poderán ser de ata 75 persoas. Os albergues turísticos, pola súa banda, só poderán ocuparse ata o 50%.

A Xunta aumenta a capacidade máxima en locais comerciais, bares e restaurantes ao 75%; nas terrazas pasa do 75% ao 80% 

En todos os casos, a normativa da Xunta, tal e como lle esixe o decreto do Goberno central, recolle a obrigatoriedade de medidas de hixiene e prevención esixibles a todas as actividades, tales como labores de desinfección e limpeza, con especial atención nas zonas de uso común. Do mesmo xeito, ordena que se promova o pago con tarxeta, así como as tarefas de ventilación periódicas e medidas específicas dirixidas a centros comerciais, establecementos de hostalería e restauración, lugares de culto, piscinas ou actividades culturais, entre outras.

No que ten que ver cos eventos deportivos (agás no caso da Liga ACB de baloncesto e a LFP de fútbol, que regula o Goberno central), a capacidade máxima será do 75% cun límite de 300 persoas no caso de recintos pechados e de 1.000 no caso de recintos abertos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.