O Consello de Ministros aprobou este martes o decreto de medidas para a "nova normalidade", as normas que estarán en vigor ata que se poida determinar o remate da actual emerxencia sanitaria. O decreto debe ser aínda aprobada polo Congreso dos Deputados, onde xa conta en principio co apoio de PNV e Ciudadanos, ademais de PSOE e Unidas Podemos.
Non haberá restricións á mobilidade nin limitacións para a reunión de persoas, pero manteranse a maior parte das actuais medidas de prevención
O Ministro de Sanidade, Salvador Illa, advertiu en rolda de prensa que a cidadanía deberá "aprender a convivir co virus" e o Goberno advirte de que "sen vacina ou tratamento, o virus segue sendo unha ameaza". O decreto "de medidas urxentes de prevención, contención e control" permanecerá en vigor mentres non se acorde o remate da situación de emerxencia sanitaria, unha decisión que corresponde ao Executivo central, previa consulta coas comunidades autónomas e un informe do Centro de Emerxencias Sanitarias. [O texto íntegro, publicado no BOE deste 10 de xuño, pódese consultar aquí]
Non haberá restricións á mobilidade nin limitacións para a reunión de persoas, pero manteranse a maior parte das actuais medidas de prevención. Aínda que o decreto recoñece ás comunidades autónomas a súa competencia para aplicar a maior parte das disposicións e accións contidas no texto, tamén reserva ao Executivo central a posibilidade de retomar a dirección das políticas aplicadas.
Aínda que o decreto recoñece ás comunidades autónomas a súa competencia para aplicar a maior parte das disposicións, tamén reserva ao Executivo central a posibilidade de retomar a dirección das políticas
Máscara obrigatoria: A máscara de protección seguirá a ser obrigatoria, en condicións semellantes ás actuais. É dicir, sempre que non se poida garantir unha distancia mínima entre persoas de 1,5 ou 2 metros. As multas por non levala nos momentos en que sexa obrigatoria serán duns 100 euros.
Transporte público: Ademais, a máscara seguirá a ser obrigatoria en todo momento no transporte público (avión, tren, autobús ou barco) e tamén nos coches (incluído o condutor) se no vehículo viaxa máis dunha persoa e estas non conviven no mesmo domicilio. A obriga non se aplicará aos menores de 6 anos ou ás persoas con dificultades respiratorias. Cando os asentos están preasignados no transporte público, as empresas terán que gardar o rexistro de viaxeiros durante catro semanas para facilitar os rastrexos.
A máscara de protección seguirá a ser obrigatoria, en condicións semellantes ás actuais
Mobilidade: Non haberá restrición de movementos (nin interna nin transfronteiriza) nin un límite máximo para a reunión de persoas. Aínda que non haberá restrición á mobilidade nas fronteiras, si continuarán os controis sanitarios nos aeroportos, na entrada de pasaxeiros de voos internacionais.
Os lugares de traballo deberán adoptar medidas para "evitar a coincidencia masiva de persoas, tanto traballadores como clientes ou usuarios"
Centros de traballo: Os lugares de traballo deberán adoptar medidas para "evitar a coincidencia masiva de persoas, tanto traballadores como clientes ou usuarios durante as franxas horarias de previsible maior afluencia". Ínstase a que apliquen medidas para a ordenación dos postos de traballo e para a organización das quendas para evitar aglomeracións. As persoas que presenten síntomas compatibles coa Covid-19 ou que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa coa enfermidade "non deberán acudir ao seu centro de traballo".
Centros de ensino: Todos os centros de ensino deberán asegurar "a adopción das medidas organizativas" necesarias "para evitar aglomeracións" e deberán manter a distancia de entre 1,5 e 2 metros entre as persoas que estean no centro, tamén no interior das aulas. Ademais, sinálase que os centros deben adoptar medidas de "desinfección, prevención e acondicionamento".
Os centros de ensino deberán adoptar medidas "para evitar aglomeracións" e deberán manter a distancia de entre 1,5 e 2 metros entre as persoas que estean no edificio
Comercio: En termos semellantes, apúntase que deberán adoptar as "medidas organizativas que resulten necesarias para evitar aglomeracións e garantir que clientes e traballadores manteñan unha distancia de seguridade de entre 1,5 e 2 metros". Cando isto non sexa posible, "deberá proporcionarse aos traballadores equipos de protección adecuados ao nivel de risco". Apúntase a necesidade de extremar as precaucións nos centros comerciais e nos mercados e feiras.
As residencias terán que manter unha coordinación constante cos sistemas sanitarios das súas respectivas comunidades autónomas
Residencias: As residencias de maiores e de atención á discapacidade "velarán porque as visitas e os paseos se desenvolvan en condicións que permitan en todo momento previr os riscos de contaxio". Ademais, terán que manter unha coordinación constante cos sistemas sanitarios das súas respectivas comunidades autónomas. Ademais, os xestores dos centros deberán presentar "á autoridade competente de saúde pública" un Plan de Continxencia por Covid-19 "orientado á identificación precoz de posibles casos entre residentes e traballadores e os seus contactos" e á "notificación inmediata"
Declaración obrigatoria: A Covid-19 será unha enfermidade de "declaración obrigatoria urxente".
Obriga de comunicación de rebrotes: As comunidades autónomas estarán obrigadas a comunicar ao Ministerio de Sanidade a aparición de situacións de emerxencia para a saúde pública. Ademais, deberán continuar facilitando os datos necesarios para o seguimento e a vixilancia epidemiolóxica e tamén a situación da capacidade asistencial.
En todos os niveis da asistencia, especialmente na atención primaria, realizaranse probas de diagnóstico por PCR a todos os casos sospeitosos
Probas a todos os casos sospeitosos: Os servizos de saúde deben garantir que en todos os niveis da asistencia, especialmente na atención primaria, se realizarán probas de diagnóstico por PCR (ou outra técnica de diagnóstico molecular) a todos os casos sospeitosos.
Importancia do Consello Interterritorial: Este órgano, no que participa o Ministerio de Sanidade e os departamentos de saúde de todas as comunidades autónomas gaña peso, e todos os protocolos aprobados no seu seo "serán de aplicación obrigatoria en todo o territorio nacional" sen prexuízo de que as comunidades autónomas "poidan adaptalos ás súas respectivas situacións".
Competencias autonómicas: A norma reafirma que "as funcións de vixilancia, inspección e control do correcto cumprimento das medidas establecidas neste real decreto-lei" corresponden ás comunidades autónomas. Porén, nunha disposición adicional engade que "con carácter excepcional e cando así o requiran motivos de extraordinaria gravidade ou urxencia, a Administración Xeral do Estado promoverá, coordinará ou adoptará cantas medidas sexan necesarias para asegurar o cumprimento do disposto neste real decreto lei, coa colaboración das comunidades autónomas e de acordo coas súas respectivas competencias".