O pasado luns, e co pase de Galicia á Fase 2 do desconfinamento, as aulas volveron reabrir en Galicia para clases presenciais, aínda que unicamente para o estudantado de 2º curso de Bacharelato e do 2º curso de graos medios e superiores de Formación Profesional e de forma voluntaria. Os que optasen por non acudir puideron optar por manter a fórmula telemática iniciada hai dous meses. E así fixeron a maioría.
Menos dun terzo do alumnado de 2º de Bacharelato volveu ás clases presenciais o pasado luns
Segundo os datos facilitados pola Consellería de Educación, foron algo máis de 3.700 alumnos de 2º de Bacharelato en Galicia, dun total de 12.113, un 31%, os que acudiron aos centros logo da suspensión das clases máis de dous meses antes polo coronavirus. Xa que logo, case sete de cada dez decidiu quedar na casa en medio da polémica suscitada polas críticas sindicais á planificación da Xunta deste regreso.
A presenza foi desigual por territorios e centros --mentres que a media foi de entre o 25% e o 31% nas provincias atlánticas e en Lugo, en Ourense a metade do alumnado de 2º de Bacharelato si acudiu--, pero escasa en todo caso. "Tan só acudiron cinco alumnos", relata un docente dun centro dunha vila media dunha gran área metropolitana. Medio cento acudiron noutro instituto a tan só uns quilómetros, xa na cidade. Houbo mesmo equipos directivos que mostraron a súa disconformidade con esta posibilidade de clases presenciais e eviaron unha carta aos pais recomendando que os fillos non asistisen.
"A volta non debe producirse posto que non se dan as condicións de seguridade imprescindibles e porque sería máis contraproducente que beneficioso para o alumnado", di unha desas cartas remitidas ás familias, que argumentan razóns de seguridade sanitaria, pedagóxicas e organizativas.
"A volta non debe producirse; non se dan as condicións de seguridade imprescindibles e sería máis contraproducente que beneficioso para o alumnado"
"Non vemos que sentido tería poñer en risco o alumando e profesorado volvendo ao centro de maneira presencial e tirando pola borda todo o traballo feito neste tempo para desenvolver as clases non presenciais", insiste este equipo directivo na carta á que tivo acceso Praza.gal.
A maior parte dos sindicatos educativos xa alertaron de que non se daban as condicións para a reapertura dos centros de ensino e para o retorno das clases presenciais. A Consellería de Educación elaborou un documento de instrucións con medidas de prevención e hixiene e forneceu os centros con máscaras, que deben usar alumnado e profesorado de non poder manter os dous metros de distancia física, pero non xel hidroalcohólico, dispensadores, luvas ou papeleiras de pedal que tiveron que ser adquiridas polos institutos. No caso de aulas pequenas, os docentes deberán facer diferentes grupos e ocupar espazos diferentes.
Os testemuños de profesorado e alumnado falan dun mantemento das distancias xeneralizado, aínda que tamén da dificultade, nalgúns momentos, de mantela e dos avisos que o profesorado tivo que enviar en máis dunha ocasión.
É nas asociacións de anpas (asociacións de nais e pais de alumnos) onde hai claras diferenzas á hora de valorar esta volta ás aulas presenciais. Desde a Confederación Galega de Anpas de centros públicos (Confapa), o seu presidente, Rogelio Carballo, amósase "sorprendido" pola escasa afluencia de alumnado e considera que "o regreso ás aulas en 2º de Bacharelato tería que ter sido universal e non voluntaria; con todas as salvedades e precaucións que se requirisen". "Non hai motivo para ter as aulas baleiras mentres se manteñan as distancias porque se trata de aproveitar o tempo e os recursos", insiste.
"O regreso ás aulas en 2º de Bacharelato debeu ser universal e non voluntaria; non hai motivo para ter as aulas baleiras. Pódese ir a unha terraza e non a estudar?", di Confapa Galicia
Segundo o presidente de Confapa, nas últimas semanas, "e en lugar de procurar un clima de confianza, de asunción de protocolos e de información cidadá para retomar certa actividade lectiva", o que se fixo foi "bombardear a sociedade con advertencias da irresponsabilidade que supuña a volta ás clases".
Para Carballo, "houbo tempo dabondo para planificar este regreso ás aulas" que, ademais, e na súa opinión, "tería servido de experiencia piloto para preparar o que facer en setembro de cara a un ensino de garantías". Con críticas á actitude de sindicatos e da Consellería de Educación, o portavoz de Confapa non entende "como a Administración é incapaz de garantir a seguridade nas clases de 2º de Bacharelato pero si nunha terraza".
"Non hai escusas para que o profesorado e a Consellería non asumisen a súa responsabilidade, que é para o que lles pagamos", di Confapa
"Pódese ir ao cine, a un restaurante ou estar nunha terraza e non se pode ir a estudar a un centro... É surrealista", insiste quen lembra que a asistencia do alumnado de Bacharelato nun centro de ensino supón unha moi pequena porcentaxe con respecto á súa capacidade, o que "permitiría facilmente manter as distancias e a seguridade". "Estamos falando de espazos onde acoden 50 alumnos dun total de 800, por poñer un exemplo", explica.
"Non hai ningunha escusas para que o profesorado e a Consellería non asumisen a súa responsabilidade, que é para o que lles pagamos", insiste Carballo, que apunta tamén á "importancia" que a preparación das probas de acceso á universidade que se celebrarán no mes de xullo debería ser tido en conta tamén.
Desde a Federación de Anpas Galegas, o seu presidente, Fernando Lacaci, considera no entanto que, "aínda que as direccións dos centros actúan da maneira máis correcta, non son especialistas en seguridade sanitaria, limpeza ou organización de espazos". Na súa opinión, é "unha irresponsabilidade" que a Consellería deixe esas cuestións en mans dos centros. "Debeu ser a Xunta quen se ocupase", insiste.
"Aínda que as direccións dos centros actúan de maneira correcta, non son especialistas en seguridade sanitaria ou limpeza", di Anpas Galegas
"Non ten sentido que teña que ser un director dun centro quen teña que pegar marcadores no chan para manter a distancia ou que se deixe ao alumnado a responsabilidade de limpar o seu pupitre logo de usalo", engade Lacaci, que tamén se pregunta "que pasa co resto do alumnado deses docentes que están agora dando clases presenciais" ou que docentes se encargan de explicar as materias cando a falta de espazo e de distancia obriga a dividir as aulas en dous grupos.
"É absurdo pretender que quen non está formado nunha materia estea explicando ou resolvendo dúbidas do alumnado de Bacharelato", insiste Lacaci, que acusa a Xunta de aplicar a máxima de "ir facendo" no ensino durante a pandemia.
"O gran problema foi que a Consellería limitouse a dicir ás direccións dos centros que fosen facendo e estas, en lugar de plantarse e esixir medio, instrucións concretas e persoal, tiraron cara adiante", remata Lacaci.