En 1 de cada 2 aulas virtuais realizadas durante o confinamento participa menos da metade do alumnado

Teledocencia © Uvigo

Unha parte importantes de profesorado e alumnado está a atopar grandes dificultades para desenvolver con normalidade as aulas virtuais que se están a levar a cabo dende os fogares por mor do coronavirus. Así o reflicte unha enquisa sobre teledocencia realizada por CIG-Ensino entre os días 11 e 16 de abril e que contou coa participación de 6.352 docentes. O estudo amosa os problemas e apunta a unha serie de razóns para as eivas detectadas, que van dende as fendas dixitais e sociais do alumnado ata a falta de formación previa de todos os participantes nestas ferramentas e procesos. 

Tan só o 20% do profesorado afirma que pode interactuar de forma axeitada co seu alumnado. Outro 61% afirma que interactúa con eles "de forma insuficiente"

Unha ampla maioría dos mestres e mestras consultadas comparte a idea dunha promoción de curso aberta a excepcionalidades -que deben ser observadas polo equipo docente e sen que dependa do coronavirus, sinalan- e critica "a indefinición e a falta de instrucións claras" por parte da Consellaría de Educación, apunta o sindicato. 

Ademais, o informe chama a atención sobre as dificultades engadidas que esta situación deita sobre a atención á diversidade. Tan só o 17% do profesorado entrevistado afirma que a participación do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) é "semellante" ao do resto.

Só o 17% do profesorado entrevistado afirma que a participación do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) é "semellante" ao do resto

Tan só o 20% do profesorado afirma que pode interactuar de forma axeitada co seu alumnado. Outro 61% afirma que interactúa con eles "de forma insuficiente", principalmente polas limitacións (formativas ou técnicas) do alumnado. Finalmente, outro 18% sinala que non ten posibilidade de interactuar co alumnado.

Un 25% do profesorado calcula que o nivel de participación do alumnado nas aulas virtuais non chega ao 30% e outro 23% cifra esta participación entre o 30% e o 50%. Un 21% calcula que participa entre o 50% e o 70% dos seus alumnos e alumnas e outro 18% sitúa a participación entre un 70% e un 90%. Finalmente, tan só un 10% eleva esta participación por riba do 90% (e tan só un 2,5% fala dunha participación do 100%).

Tan só un 10% eleva a participación do alumnado por riba do 90% 

Esta participación é inferior en Primaria (o 54% fala dunha participación inferior á metade do alumnado) que en Secundaria (o 45%) e non hai grandes diferenzas entre as contornas rurais e urbanas, aínda que o profesorado entrevistado subliñan que nos ámbitos rurais os problemas para o desenvolvemento das aulas virtuais corresponden ao alumnado en maior medida, mentres que nas zonas urbanas medran as limitacións dos docentes.

Fenda dixital e formativa previa

As causas desta baixa participación son, por unha banda, tecnolóxicas. Un 22% dos alumnos e alumnas non teñen acceso a Internet, un 24% non teñen acceso a un ordenador (ou só hai un na casa e está ocupado noutras funcións) e un 12,5% non ten impresora na casa. Os docentes sinalan que tan só un 9% non participa por carecer de interese en facelo. As vilas entre 5 e 20 mil habitantes son as que presentan máis problemas de conexión á rede, mentres que nos ámbitos urbanos e rurais as maiores dificultades veñen pola carencia dun ordenador.

Tan só o 5% dos entrevistados valora como "apropiado" o papel da inspección e a Consellería de Educación na coordinación e seguimento do traballo de teleformación que se lle asignou ao profesorado

Máis da metade dos mestres e mestras non tiña experiencia previa en teledocencia (Moodle, Google Classroom...), aínda que existen grandes diferenzas entre Primaria (só o 30% tiña experiencia) e Secundaria (o 54%). De igual xeito, só o 25% tiña experiencia previa en aulas virtuais, unha porcentaxe que crece ata o 33% en Secundaria. 

Tan só o 11% do profesorado afirma que se adaptou á nova situación sen esforzo e apenas o 34% di ter recibido orientacións sobre "como traballar telematicamente respecto ao modelo de tarefas que lle asignas ao alumnado neste período e a que destrezas deben ir dirixidas". As orientacións chegaron, ben das Direccións dos centros, ben dos compañeiros e compañeiras, e case nunca dos servizos de Inspección. Tan só o 5% dos entrevistados valora como "apropiado" o papel da inspección e a Consellería de Educación na coordinación e seguimento do traballo de teleformación que se lle asignou ao profesorado.

A avaliación no terceiro trimestre e a promoción de curso

Mentres en Primaria o 70% pide que o curso se dea por rematado, en ESO, Bacharelato e FP as porcentaxes móvense entre o 29 e o 38%, apostando a maioría pola avaliación final

Preguntados mestres e mestras sobre como se debería rematar a terceira avaliación, as respostas están divididas practicamente pola metade. Un 48% opina que non debería existir terceira avaliación e que o curso se debería dar por rematado con data 12 de marzo e unha porcentaxe semellante sinala que debería existir unha avaliación final na que se contemple tanto a participación do alumando nas actividades programadas na teledocencia cando esta exista como a non discriminación do alumnado que quedou “desconectado”. 

Porén, mentres en Primaria o 70% pide que o curso se dea por rematado, en ESO, Bacharelato e FP as porcentaxes móvense entre o 29 e o 38%, apostando a maioría pola avaliación final. En calquera caso, o 90% reclama a necesidade dunhas instrucións claras que permitan afrontar o segundo trimestre e a súa avaliación, así como o desenvolvemento deste ata finais de curso.

A gran maioría (79%) defende que a promoción de curso debe ser a norma, pero que debe haber excepcións que nunca poden estar "relacionadas coa interrupción da docencia presencial"

No que atinxe á promoción de curso e á posibilidade ou non repetición, son escasas as voces que apoiarían un aprobado xeral (4%) e tamén as que apostan pola promoción de curso con carácter xeral (14%. A gran maioría (79%) defende que a promoción de curso debe ser a norma, pero que debe haber excepcións. Con todo, estas excepcións nunca poden estar "relacionadas coa interrupción da docencia presencial derivada do estado de alarma" senón que deben ligarse "á decisión do equipo docente pola evolución do alumno ou alumna".

Finalmente, con respecto ás incidencias que o confinamento e a interrupción das aulas presencias vaian ter no curso 2020/21, unha inmensa maioría do profesorado (74%) considera que vai ser relevante e afectará como mínimo ao 1º trimestre (46%) ou ben a todo o curso escolar (31%). 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.