Reclaman que o curso se dea por rematado en termos de avaliación e no que atinxe a impartir novos contidos
Este martes comeza o terceiro trimestre con moitas dúbidas e unha grande incerteza sobre o seu calendario, a posibilidade dun regreso ás aulas presenciais, o tipo de contidos que se deben impartir de forma virtual e a forma en que deben ser avaliados. Este mércores a xuntanza que manterán o Ministerio de Educación e as distintas comunidades autónomas pode aclarar o panorama pero, mentres, sindicatos e anpas esixen da Consellería de Educación unha orientación detallada sobre como organizar o traballo nos centros de ensino.
Este luns ás seis da tarde, a Xunta difundiu un breve comunicado de sete liñas no que indicaba que "a actividade lectiva non presencial continuarase, con carácter xeral, mediante repaso, reforzo e recuperación do traballo desenvolvido, centrándose na adquisición das competencias clave". Porén, as indicacións foron recibidas con renovadas críticas por parte de sindicatos como CIG-Ensino, que entende que esta instrución "non di nada novo" e que é o equivalente a dicir "ti vai facendo".
As breves indicacións da Xunta foron recibidas con renovadas críticas por parte de sindicatos como CIG-Ensino, que entende que esta instrución "non di nada novo"
Este luns pola noite CONFAPA Galicia, ANPAS Galegas, CC.OO-Ensino, CIG-Ensino, CSIF Ensino, FESP-UGT e ANPE Galicia publicaron un comunicado conxunto no que piden que o curso se dea por rematado en termos de avaliación e no que atinxe a impartir novos contidos. Tamén se reclama o establecemento de "criterios de avaliación excepcionais que posibiliten a promoción do alumnado" e "a reorganización do currículo escolar" no curso seguinte, no que se deben distribuír os contidos que non se impartan neste trimestre. "Cómpre unha reformulación xeral dos distintos currículos para o vindeiro curso, que cubra a fenda educativa xerada por esta situación excepcional", sinalan.
"Non hai unha capacidade real de impartición telemática de contidos que chegue a todo o alumnado, tanto por falla real de acceso á rede como por carencia nas familias de medios tecnolóxicos"
Sindicatos e anpas basean estas demandas no feito de que "non hai unha capacidade real de impartición telemática de contidos que chegue a todo o alumnado, tanto por falla real de acceso á rede como por carencia nas familias de medios tecnolóxicos". Ademais, critican que alumnado, familias e docentes "carecen de directrices, de apoio e aínda, con carácter xeral, de previa formación nin práctica para o traballo en liña". E lembran que "non hai posibilidades reais de seguimento polo profesorado do traballo efectivamente realizado nas casas".
O comunicado subliña que "a educación presencial non pode ser suplida pola impartición de contidos telemáticos, malia a voluntariedade e esforzo do profesorado, coa conseguinte merma da calidade educativa" e destaca que "o estado físico e psicolóxico das familias, do alumnado e do propio persoal docente, afonda aínda mais na inviabilidade do sistema". Ademais, alerta de que "existe un abandono xeneralizado de practicamente todo o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo".
O texto salienta que "a avaliación xeral do curso ten que partir da situación de excepcionalidade que estamos a vivir" e vir acompañada "de cantos medios eviten o desfavorecemento das posibilidades de promoción do alumnado"
O texto salienta que "a avaliación xeral do curso ten que partir da situación de excepcionalidade que estamos a vivir" e vir acompañada "de cantos medios eviten o desfavorecemento das posibilidades de promoción do alumnado". Sobre a promoción do alumnado, o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, explicaba en conversa con Praza.gal que "máis que un aprobado xeral, que desmotiva e desmobiliza a profesorado e alumnado, nós falamos de garantir a promoción, con carácter xeral". E que en todo caso "se a promoción non se pode producir, que isto teña carácter puntual e que en ningún caso estea vinculada á situación do coronavirus".
"É dicir, se o equipo docente o 12 de marzo entendía que un alumno da ESO non estaba en condicións de promocionar pola súa traxectoria previa, por como ía o curso, non debe promocionar. O profesorado é quen debe ter a palabra e non tería sentido que un alumno promocionase se o profesorado entende que isto vai ter consecuencias negativas", engadía.