Este martes 14 de abril retómanse as clases nos centros de ensino tralas vacacións de Semana Santa. Comeza o terceiro trimestre, pero faino nunha situación completamente anormal por por da epidemida do coronavirus. As clases seguen baleiras e as aulas desenvólvense -dun ou doutro xeito- a través da rede, con grandes diferenzas entre uns e outros centros e, sobre todo, entre uns e outros alumnos, con fendas dixitais e sociais que se fan notar.
Dende os sindicatos démandase da Consellería de Educación unha "orientación detallada" sobre os contidos que se deben impartir e sobre o obxectivo das aulas virtuais que se deben levar a cabo
Comeza un trimestre marcado, sobre todo, pola incerteza. Ignórase aínda se volverá haber clases presenciais antes do remate do curso ou como serán os exames e o profesorado descoñece mesmo que contidos debe impartir, se se deben respectar os currículos e temarios previstos ou se -como semella lóxico- as aulas virtuais deben buscar outro ritmo e contidos.
A ministra de Educación, Isabel Celaá, afirmou hai tres semanas que o regreso ás aulas presenciais se podería producir "en maio ou comezos de xuño". Porén, a decisión final podería adoptarse este mércores, no marco da xuntanza manterán que os responsables de Educación do Ministerio e das comunidades autónomas por videoconferencia.
As primeiras tres semanas de confinamento, trala suspensión das clases decretada o pasado 12 de marzo, coincidiron co remate do segundo trimestre, no que a maior parte do temario fora xa impartido, e aínda que a obriga de avaliar o alumnado xerou críticas, a xestión da situación por parte do profesorado semellaba máis doada que a actual. É por iso que dende os sindicatos démandase da Consellería de Educación unha "orientación detallada" sobre os contidos que se deben impartir e sobre o obxectivo das aulas virtuais que se deben levar a cabo.
Hai algúns inspectores que deron instrucións nos seus centros, mentres que outros non mandaron instrución ningunha
"A situación na segunda quincena de marzo era bastante máis sinxela, porque o segundo trimestre estaba case rematado. Houbo clases presenciais ata o día 12 e o currículo estaba moi avanzado, polo que era máis doado poder facer unha avaliación e un seguimento do alumnado", destaca Luz López (secretaria xeral de CCOO-Ensino). "Pero o que nos parece inaudito é que a día de hoxe, luns 13, a un día de que comece o trimestre, non haxa instrucións detalladas da Consellería para o profesorado. É máis: hai desinformación, porque hai algúns inspectores que deron instrucións nos seus centros, mentres que outros non mandaron instrución ningunha", critica, engadindo: "É un despropósito. A estas alturas, tanto docentes como alumnado deberían ter instrucións do que vai pasar no terceiro trimestre".
O mesmo subliña Suso Bermello (secretario nacional da CIG-Ensino): "A situación é moito peor do que era antes da Semana Santa. É certo que a avaliación do segundo trimestre foi conflitiva, pero gran parte do trimestre xa fora superado. Agora mesmo a situación é caótica, non hai apenas instrucións, directrices ou normas que se poidan aplicar".
Para a CIG o comunicado da Xunta "parece aconsellar ao profesorado a vella máxima tantas veces empregada no noso país do 'ti vai facendo'"
Ás seis da tarde deste luns a Consellería de Educación difundiu un comunicado dirixido ás direccións dos centros educativos de ensino non universitario no que sinalaba que "a actividade lectiva non presencial continuarase, con carácter xeral, mediante repaso, reforzo e recuperación do traballo desenvolvido, centrándose na adquisición das competencias clave". Así mesmo, engadía, "os centros educativos avaliarán as medidas a adoptar para a atención ao seu alumnado con maiores dificultades de acceso á educación no actual contexto".
O breve texto non contentou ás centrais sindicais, e por exemplo a CIG, sindicato maioritario no sector, sinalou que o comunicado "parece aconsellar ao profesorado a vella máxima tantas veces empregada no noso país do 'ti vai facendo'”. "Cunha administración educativa minimamente responsábel e competente o profesorado non lería hoxe unhas instrucións que non din nada novo", dicía a central nacionalista.
"Ti non podes ter as túas traballadoras e traballadores no limbo, sen saber que van ter que facer"
"Ti non podes ter as túas traballadoras e traballadores no limbo, sen saber que van ter que facer", di Luz López, que destaca que "no momento en que se dean unhas instrucións, estas van ter que ser postas en común polo claustro e estudarase como levalas a cabo", lembrando a complexidade do proceso: "non é o mesmo preparar unha clase para dala de xeito presencial que preparala para dala de xeito telemático".
En boa medida, a Xunta está a agardar á xuntanza sectorial do día 15, na que se reunirán os representantes do Ministerio e das Consellerías de Educación das distintas comunidades autónomas, un encontro que "chega tarde" para Suso Bermello, que sinala que o Ministerio de Educación podería ter actuado con máis rapidez. Con todo, CIG-Ensino subliña que "hai unha responsabilidade moito maior na administración educativa galega, que non tería que estar agardando polo Ministerio".
"É obvio que en certos niveis, sobre todo en 4º da ESO, 2º de Bacharelato, ciclos medios e superiores, é necesario que haxa unha coordinación no conxunto do Estado, porque son niveis que levan á obtención de títulos ou á realización da ABAU. Pero para o resto dos cursos, tanto os intermedios de cada etapa coma no conxunto de Primaria e Infantil, a Consellería non tería que estar agardando por ninguén. E a realidade é que a Consellería está completamente desaparecida", denuncia Bermello.
Que contidos impartir? Como avaliar?
"Se se avanza na materia e se avalía a materia na que se avanza, o que se vai provocar é unha fenda terrible"
Dende CIG-Ensino e CC.OO. apóstase por non impartir nin avaliar contidos que non foran previamente traballando nas aulas presenciais, co obxectivo de asegurar a igualdade de oportunidades para todo o alumnado. "No terceiro trimestre, o que nos gustaría é que non se afondase no currículo. É dicir, dar por rematados os contidos impartidos co que se chegou a facer presencialmente e traballar co alumnado de forma virtual en reforzo destes contidos, con actividades ampliadas", explica Luz López, que engade que "se se avanza na materia e se avalía a materia na que se avanza, o que se vai provocar é unha fenda terrible".
"É importante que as administracións educativas -na medida das súas competencias- reorganicen o currículo: os contidos deste terceiro trimestre que quedan sen impartir haberá que repartilos nos cursos seguintes, probablemente en dous ou tres cursos. E isto debe facerse dende as administracións educativas, non se debe deixar á atención dos centros", di a secretaria xeral de CC.OO.-Ensino.
"Os contidos deste terceiro trimestre que quedan sen impartir haberá que repartilos nos cursos seguintes"
Suso Bermello concorda, sinalando que "nós entendemos que non se poden dar novos contidos. Entendemos que o curso está rematado, que rematou cos contidos que se impartiron ata que se interromperon as clases presenciais". Porén, engade que "hai que ter un certo coidado coa mensaxe que se lanza: non sería bo lanzar unha mensaxe que se entendese no sentido de que aquí non hai nada que facer".
CIG-Ensino aposta pola promoción xeral do alumnado ao curso seguinte, sen que iso signifique un aprobado xeral
Nese senso, CIG-Ensino aposta pola promoción xeral do alumnado ao curso seguinte, sen que iso signifique un aprobado xeral. "Máis que un aprobado xeral, que desmotiva e desmobiliza a profesorado e alumnado, nós falamos de garantir a promoción, con carácter xeral. E en todo caso, que se a promoción non se pode producir, que isto teña carácter puntual e que en ningún caso estea vinculada á situación do coronavirus", sinala Suso Bermello. "É dicir, se o equipo docente o 12 de marzo entendía que un alumno da ESO non estaba en condicións de promocionar pola súa traxectoria previa, por como ía o curso, non debe promocionar. O profesorado é quen debe ter a palabra e non tería sentido que un alumno promocionase se o profesorado entende que isto vai ter consecuencias negativas", explica.
"Estamos nunhas circunstancias excepcionais", subliña Bermello. "Nin se pode avaliar coma se estivésemos nunha situación normal, nin se pode obviar que hai unha fenda dixital clarísima", di, sinalando que "hai un gran número de alumnos e alumnas, mesmo en ámbitos urbanos, sobre todo en barrios obreiros, que non se conecta. A desconexión na ESO en ámbitos urbanos e periurbanos é sdo 40% e no Bacharelato chega ao 20%".
"Hai unha fenda dixital moi importante, hai unha parte moi importante do alumnado que tanto por situación económico-social como por situación xeográfica, non pode seguir as clases virtuais en igualdade de condicións"
A fenda dixital
Unha das claves neste momento é o diferente contexto socioeconómico e tecnolóxico no que o alumnado está a vivir o confinamento e a recibir (ou non) os contidos das aulas virtuais. Luz López salienta tamén que "hai unha fenda dixital moi importante, hai unha parte moi importante do alumnado que tanto por situación económico-social como por situación xeográfica, non pode seguir as clases virtuais en igualdade de condicións. Hai tamén moitos fogares nos que só hai un ordenador, que nestes momentos está sendo empregado para teletraballar".
A secretaria xeral de CC.OO. lembra que "un dos aspectos centrais da escola, sobre todo da escola pública é que é un axente compensador das desigualdades: independentemente do nivel económico ou cultural que o alumnado teña na súa familia, a escolla dálle elementos que lle permitan ter as mesmas oportunidades que os seus compañeiros e compañeiras". "Isto, nesta situación, pérdese por completo", subliña. "Hai un gran número de centros privados ou privado-concertados que si teñen unha elevada porcentaxe de alumnado sen fenda dixital. Eses colectivos terían, polo tanto, unha vantaxe", destaca López, que conclúe que "a fenda dixital non pode provocar unha fenda de aprendizaxe".
Precisamente hai uns días o Goberno galego anunciou o envío aos centros de secundaria de un milleiro de "portátiles con conexións a internet gratuítas, destinados a familias con menos recursos e cuxos fillos cursen Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato ou Formación Profesional". A familias recibirán os equipos e a conectividade como préstamo persoal para facilitarlles aos seus fillos e fillas o seguimento da actividade educativa, mentres dure o estado de alarma.
"Os ordenadores repartíronse se ningún tipo de criterio. Tres por instituto, independentemente do tamaño dos centros e das características socioeconómicas do alumnado"
Os sindicatos subliñan que a medida "non resolve" a fenda dixital e cuestionan o procedemento empregado para o reparto dos mil equipos. "Ningún Goberno podería solucionar nunhas semanas a fenda dixital e social, non queremos criticar por criticar. Pero está claro que este envío de ordenadores non vai solucionar o problema e, ademais, é un exemplo de improvisación, de mala xestión e, no fondo, é un acto de campaña electoral", sinala Suso Bermello.
Bermello lembra que "os ordenadores repartíronse se ningún tipo de criterio. Repartíronse tres por instituto, independentemente do tamaño dos centros e das características socioeconómicas do alumnado". Ademais, denuncia, "deixouse nas direccións dos centros a responsabilidade de repartir os ordenadores entre o alumnado, sen achegar ningún tipo de orientación". "As direccións están a consultar co profesorado, que pode ter unha idea dos alumnos e alumnas que non se conectan ás aulas virtuais, pero non teñen por que coñecer os motivos polos que non se conectan; se cadra teñen ordenador e non teñen rede, ou se cadra directamente non queren conectarse", di.
"É unha medida de campaña electoral, porque a fenda electoral non se arranxa con mil ordenadores. Vendérono como unha medida que vai salvar a situación, e dende logo que non é así"
Luz López considérao tamén unha medida "electoral". "As eleccións ao Parlamento galego quedaron canceladas pero o presidente do Goberno galego non deixou a campaña electoral. Esta é unha medida de campaña electoral, porque a fenda electoral non se arranxa con mil ordenadores. Vendérono como unha medida que vai salvar a situación, e dende logo que non é así", critica.
Falta de diálogo
Un dos aspectos que os sindicatos veñen denunciado dende hai semanas é a "falta de diálogo" existente por parte da Consellería de Educación. "Están facendo alarde da prepotencia que veñen amosando nos últimos tempos", denuncia Luz López. "Comunicación nunca houbo moita, máis aló das mesas sectoriais de negociación que están obrigados a facer. No resto de comunidades autónomas si que os gobernos abriron conversas cos sindicatos, con información de primeira man. En Galicia iso non aconteceu en ningún momento", sinala.
"Dende o inicio a consellería evidenciou que non quería contar en absoluto coas forzas sindicais, a pesar de que lle amosamos a nosa total disposición de colaboración"
"Nada me gustaría máis que ver un cambio de rumbo total na Consellería e que respondesen ás moitas solicitudes de diálogo e información que levamos feito. Pero semella difícil que vaian rectificar", di Suso Bermello. "Primeiro, porque a conselleira é unha persoa sen ningún tipo de de peso político no Goberno galego, como tampouco o tiña Román Rodríguez. Son persoas a quen se lles asignou a función de estar pendentes do día a día pero non a de tomar ningún tipo de decisión e polo tanto todo depende da decisión do Presidente da Xunta", afirma. "Dende o inicio a consellería evidenciou que non quería contar en absoluto coas forzas sindicais, a pesar de que lle amosamos a nosa total disposición de colaboración", conclúe o secretario nacional de CIG-Ensino.
Ambos os dous lembran que "o día 8 de abril solicitamos a convocatoria da mesa sectorial e estamos a día 13 e aínda non temos resposta". "Somos as representante legais das traballadoras e traballadores e a Xunta está a ignorarnos", denuncian.