A ministra de Educación prevé a volta ás aulas "en maio ou comezos de xuño"

Isabel Celaá, ministra de Educación © Goberno de España

A ministra de Educación, Isabel Celaá, puxo data este xoves ao regreso do alumnado ás aulas presenciais unha vez finalizado o estado de alarma e superado o confinamento e a epidemia de coronavirus. En varias intervencións en medios de comunicación (TVE, La Sexta, Onda Cero...) Celaá descartou tallantemente que o curso se poida dar por finalizado e asegurou que os alumnos e alumnas regresarán ás escolas e institutos, pero tamén apuntou que esta volta non será inmediata.

"Temos a confianza de poder atender os alumnos de maneira presencial no último trimestre, aínda que fosen 15 ou 20 días para facer un repaso xeral"

"Temos a confianza de poder atender os alumnos de maneira presencial no último trimestre, aínda que fosen 15 ou 20 días para facer un repaso xeral", dixo a ministra, que explicou que a partir do 11 de abril "volveremos ter unha videoconferencia cos responsables autonómicos de Educación, como a que tivemos onte. E avaliaremos as circunstancias e a situación para ver se podemos asegurar unha volta aos colexios en maio". 

"O segundo trimestre xa a concluído e agora temos que preparar o terceiro trimestre. Temos que avaliar se temos opción de volver á vía presencial", engadiu. En todo caso, aclarou, o regreso "non será o 3 de maio" e pode que non se producirá en todos os niveis e en todos os territorios á vez.

A partir do 11 de abril "avaliaremos a situación para ver se podemos asegurar unha volta aos colexios en maio", dixo

Celaá subliñou que "dar por terminado o curso escolar sería unha mala decisión, porque os alumnos están a traballar con esperanza e con aplicación" e asegurou que "ningún alumno vai perder o curso por esta circunstancia". Así mesmo, salientou que "todo o alumnado será avaliado con xustiza e equidade, de acordo coas circunstancias de cada un durante o confinamento".

Exame de selectividade CC-BY-SA josemai

A ministra destacou que o ensino non está detido, senón que a maior parte do alumnado está en contacto cos seus centros e profesorado, para continuar a impartir o temario de forma telemática. Celáa calculou que así o está a facer máis do 80% dos alumnos e alumnas e destacou que dende o Ministerio e as Comunidades Autónomas se está a traballar na detección daqueles rapaces e rapazas que non poden facelo "polas circunstancias que sexan". "Hai alumnos que por fenda dixital ou outras fendas sociais, non están conectados", salientou.

"Ningún alumno vai perder o curso por esta circunstancia", asegurou

Así mesmo, sobre a formación profesional engadiu que "os alumnos van ser examinados exactamente igual que os de bacharelato, é dicir terminarán os seus cursos na mesma data".

 

Adiamento da selectividade ata comezos de xullo

Este mércores, o Goberno central acordou o adiamento dos exames de Selectividade, que deberán celebrarse entre o 22 de xuño e o 10 de xullo (anteriormente a data límite estaba fixada no 19 de xuño) para compensar a perda de tres semanas de clase consecuencia do confinamento. Ademais, as probas deberán dar a escoller máis preguntas, para asegurar que o alumnado é examinado de temas que traballou na aula. "Calquera cousa é mellor que suspender a Selectividade", subliñaba en conversa con Praza.gal Celso Rodríguez, representante da USC na CiUG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.