Entre as consecuencias da epidemia de coronavirus e das medidas adoptadas para contela está o aprazamento dos exames de Selectividade para o acceso a Universidade. A suspensión das clases (de momento durante dúas semanas, ás que se engadirá unha máis coa estensión do estado de alarma ata o remate da Semana Santa) está a obrigar as autoridades educativas a pensar solucións para manter as probas.
A nova data límite estará situada na primeira quincena de xullo, manexándose o 11 de xullo como a máis probable
Este mércores os responsables de Educación de todas as comunidades autónomas e do Ministerio manterán unha xuntanza telemática que, previsiblemente, estenderán a data límite para a realización das probas, que estaba fixada no 19 de xuño, de xeito que en Galicia se ían celebrar entre o 12 e o 14 de xuño.
A nova data límite estará situada na primeira quincena de xullo, manexándose o 11 de xullo como a máis probable. Deste xeito, as distintas comunidades autónomas fixarían a realización das probas na semana que comeza o 29 de xuño ou ben na que comeza o 6 de xullo.
Tamén se modificaría a convocatoria extraordinaria do mes de xullo (ata agora a data límite era o 10 de xullo) e pode que a de setembro (ata agora 17 de setembro). Igualmente, adoptarase algunha decisión sobre a realización das probas de acceso á universidade para maiores de 25 e de 45 anos, suspendidas hai dúas semanas.
"Se se prorroga o estado de alarma, habería que revisalo de novo", explica Celso Rodríguez, representante da USC na Comisión Interuniversitaria de Galicia
Con todo, esta é tan só a previsión actual, en base á extensión das medidas de confinamento ata o remate da Semana Santa. "Se se prorroga o estado de alarma, habería que revisalo de novo", explica Celso Rodríguez, representante da USC na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG). "Coas medidas xa adoptadas, imos perder tres semanas de curso, o que non quere dicir que se perdan completamente, porque o alumnado estará estudando nas súas casas", sinala. "E pode que se a suspensión das clases se prorrogase 15 días máis se podería manter aínda este límite do 11 de xullo. Iso si, se a prórroga é maior daquela si que habería que estendelo máis, ata finais de xullo", di.
Os exames de selectividade poderían realizarse en agosto ou setembro? "Facer a selectividade en agosto sería un sacrificio moi importante para o alumnado, porque terían unha tensión máis alongada do normal. E tamén sería un problema para as propias comisións e para o profesorado, porque empezaríamos a chocar co mes de vacacións dos docentes, pero seguramente os docentes estarían dispostos a facer sacrificios extraordinarios en momentos difíciles", destaca Celso Rodríguez.
"Setembro é unha opción menos desexable que agosto e xullo, pero calquera cousa é mellor que suspender a Selectividade"
E o mesmo opina da posibilidade de facer as probas en setembro. "Non é o desexable. Gustaríame que se fixesen canto antes, sobre todo, para que os alumnos non teñan que estar tanto tempo coa incerteza e a tensión", di. "Setembro é unha opción menos desexable que agosto e xullo, pero sería moito máis desastroso suprimila que facela en setembro. Calquera cousa é mellor que suspender a Selectividade", subliña.
"Preocúpanme eses rumores falsos e o efecto que teñen en moitas persoas, incrementando a súa ntranquilidade. A Selectividade non se vai suspender"
Neste senso, nos últimos días comezaron a circular polas redes sociais e grupos de whatsapp distintos bulos e informacións falsas, aludindo a unha suposta decisión do Goberno de suspender completamente a Selectividade. "Preocúpanme moito eses rumores falsos e o efecto que teñen en moitas persoas, incrementando a súa incerteza e intranquilidade", di. E subliña: "non é certo, en absoluto, non se vai suprimir". "Ese sería o peor escenario posible, porque rompería o acceso á universidade con equidade e a igualdade de oportunidades entre o alumnado de todos os tipos de centro", engade.
Que consello se lle pode dar ao alumnado e ás súas familias nestes momentos? "Que estean animados, que estean tranquilos, que aproveiten agora que teñen algo máis de tempo para estudar. E que estean seguros de que a selectividade se vai facer", destaca Celso Rodríguez. "E, ademais, que non lle dean crédito a ningún deses bulos. Que consulten a web da CiUG, que é onde vai estar a información fiable. En canto poidamos dar algunha información oficial, darémola", conclúe.