O Goberno central dá marcha atrás: recupera a Selectividade e lamina as reválidas

Conferencia Sectorial de Educación, en Madrid © Ministerio de Educación

Comunidades autónomas e Goberno central acordaron dar marcha atrás. A Conferencia Sectorial de Educación rematou cun acordo case unánime para  levar a cabo cambios nas avaliacións finais que instauraba a polémica Lomce. Así, a reválida de Bacharelato que supoñía a proba de acceso á educación superior será "practicamente idéntica" á Selectividade e dela encargaranse outra vez as universidades. Ademais, durará tres días -fronte aos cinco ata os que podía durar segundo o previsto na lei- e non terá preguntas tipo test, tal e como se prevía. 

Os alumnos de 2º de Bacharelato saben por fin algo de como será a proba para a Universidade, case igual á Selectividade

Por fin, os alumnos que están a estudar 2º de Bacharelato saben algo de como será a súa probas para acceder á universidade, á espera da orde que certifique os detalles. Logo de tres meses de curso sen notificación oficial ningunha, saben agora que terán unha selectividade moi semellante á que houbo até hai ben pouco. Os estudantes examinaranse das materias troncais do curso vixente e non das dos dous da etapa. En Galicia, a decisión final do modelo destas probas será da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG).

A xuntanza do ministro Íñigo Méndez de Vigo con todos os conselleiros acordou tamén que as reválidas de Secundaria e 6º de Primaria non terán valor académico e nin tan sequera serán xerais, xa que as probas de diagnóstico levaranse a cabo só nalgúns centros que elixan as autonomías; serán tan só unha mostra para avaliar a calidade do ensino e a súa situación. Falta por ver como quedan as avaliacións externas que se prevén realizar en 3º de Primaria, que seguirían abranguendo todos os alumnos.  

As reválidas de Secundaria e Primaria non serán xerais e tan só se realizarán nalgúns centros que escollan as autonomías

O acordo, xa que logo, podería supor o principio da fin da Lomce: acaba coas polémicas reválidas que o Goberno central situara como obrigatorias para acadar os títulos de Secundaria e máis de Bacharelato. Chega logo de constantes e importantes protestas e folgas educativas apoiadas por toda a comunidade educativa contra unha normativa que, no entanto, resístese a morrer polo veto que o Executivo pretende aplicar á derrogación que apoia unha maioría do Congreso. 

Con todo, e tras o acordo deste luns, todos os alumnos sairán co mesmo título de Secundaria ao eliminarse outro dos aspectos máis polémicos da Lomce. A lei prevía distintos itinerarios de 4º da ESO para os alumnos de 15 nos: unha cara ao Bacharelato de Letras, outra ao de Ciencias e outra cara á Formación Profesional. Os alumnos da FP Básica tamén obterán o título da ESO. 

Esta fumata branca foi posible tamén porque nel vese o primeiro paso para un esperanzador pacto educativo da que agrome unha nova lei educativa con todo o consenso que sexa posible. "Foi un encontro case sen precedentes", recoñecía o conselleiro de Educación de Asturias, Genaro Alonso, portavoz das autonomías presididas polo PSOE. Mesmo o ministro dixo que pasos coma este serven para "conseguir obxectivos grandes como o Pacto de Estado pola Educación porque a coincidencia foi moi grande". Tan só Catalunya e Euskadi rexeitaron este proxecto do real decreto ao entender que invade as súas competencias. 

Pero non todo é tan doado. A Lomce resístese grazas ao Goberno do PP.  Unha man deixa practicamente baleiras de contido as controvertidas reválidas mentres a outra tenta protexer o resto da LOMCE fronte á maioría parlamentaria. O Consello de Ministros aprobou hai case dúas semanas unha nova manobra legal, ao xeito da xa practicada cando o gabinete de Mariano Rajoy aínda estaba en funcións, para tentar frear a tramitación da proposición de lei que, impulsada polo PSOE e tomada en consideración polo pleno do Congreso esta mesma semana, ten como obxectivo tombar a reforma educativa que o PP sacou adiante en solitario cando tiña maioría absoluta. Para facelo o Goberno conservador emprega a mesa argumentación coa que, cando menos de momento, mantén bloqueada nas Cortes a lei para transferir a autoestrada AP-9 a Galicia, apoiada pola unanimidade do Parlamento galego.

 

Rebaixar as reválidas para manter a Lomce?

O Goberno de España baleira de contido as reválidas mentres tenta protexer o resto da LOMCE. Hai case dúas semanas, o ministro de Educación, Íñigo Méndez de Vigo, anunciou o envío do requerimento ao Congreso para reclamar que "revogue" os acordos da Mesa da Cámara Baixa en virtude dos cales a proposta para frear a LOMCE, así como outra para mellorar as condicións do persoal subcontratado, seguiu o seu trámite parlamentario malia o intento de bloqueo do Executivo en funcións. Sempre segundo a versión gobernamental o freo da reforma educativa suporía unha "perda de ingresos procedentes de fondos comunitarios e unhas obrigas de gasto non previstas" por importe de 615 millóns de euros.

Mentres se eliminan ou laminan as reválidas, o Goberno volve aplicar para protexer a Lomce o mesmo veto que ao traspaso da AP-9

Esa cantidade, especificada nun informe do propio Executivo, é o que lle dá pé aos conservadores a apelar ao artigo 134.6 da Constitución, que establece que é competencia exclusiva do Goberno de España aprobar "un aumento de gastos ou unha diminución dos ingresos". A intención, admite Moncloa nun comunicado, non é outra que levar á práctica a "posibilidade de vetar a iniciativa" e acusa a Mesa do Congreso de seguir adiante coa proposta procedendo dun xeito "contrario a Dereito". Neste escenario, anticipa, todo apunta a que o conflito está abocado a rematar no Tribunal Constitucional.

O argumento económico é tamén, como avanzou Praza.gal, o empregado polo gabinete que preside Mariano Rajoy para paralizar o traspaso da AP-9. Nese caso o cálculo esgrimido pola Secretaría de Estado de Relacións coas Cortes a partir dun informe do Ministerio de Fomento é abertamente erróneo, toda vez que se limita a valorar o custo dun eventual rescate da concesión da autoestrada polo importe que deixaría de ingresar en concepto de peaxes, un criterio que non ten en conta as normas da Lei de Contratos do Sector Público. Isto sucede nun contexto no que, ademais, o Goberno de España dá por seguro que ese rescate se produciría, algo que a lei galega contempla como posibilidade, non como condición necesaria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.