0 Gardados para despois

O Goberno de Rajoy volve aplicar para protexer a LOMCE o mesmo veto que ao traspaso da AP-9

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Unha man deixa practicamente baleiras de contido as controvertidas reválidas mentres a outra tenta protexer o resto da LOMCE fronte á maioría parlamentaria. O Consello de Ministros aprobou este venres unha nova manobra legal, ao xeito da xa practicada cando o gabinete de Mariano Rajoy aínda estaba en funcións, para tentar frear a tramitación da proposición de lei que, impulsada polo PSOE e tomada en consideración polo pleno do Congreso esta mesma semana, ten como obxectivo tombar a reforma educativa que o PP sacou adiante en solitario cando tiña maioría absoluta. Para facelo o Goberno conservador emprega a mesa argumentación coa que, cando menos de momento, mantén bloqueada nas Cortes a lei para transferir a autoestrada AP-9 a Galicia, apoiada pola unanimidade do Parlamento galego.

O Goberno de España baleira de contido as reválidas mentres tenta protexer o resto da LOMCE

O ministro de Educación, Íñigo Méndez de Vigo, foi este venres na súa nova condición de voceiro do Goberno de Rajoy o encargado de anunciar o envío do requerimento ao Congreso para reclamar que "revogue" os acordos da Mesa da Cámara Baixa en virtude dos cales a proposta para frear a LOMCE, así como outra para mellorar as condicións do persoal subcontratado, seguiu o seu trámite parlamentario malia o intento de bloqueo do Executivo en funcións. Sempre segundo a versión gobernamental o freo da reforma educativa suporía unha "perda de ingresos procedentes de fondos comunitarios e unhas obrigas de gasto non previstas" por importe de 615 millóns de euros.

O gabinete de Rajoy apóiase, como coa AP-9, no artigo da Constitución que lle dá "competencia exclusiva" para fixar ingresos e gastos

Esa cantidade, especificada nun informe do propio Executivo, é o que lle dá pé aos conservadores a apelar ao artigo 134.6 da Constitución, que establece que é competencia exclusiva do Goberno de España aprobar "un aumento de gastos ou unha diminución dos ingresos". A intención, admite Moncloa nun comunicado, non é outra que levar á práctica a "posibilidade de vetar a iniciativa" e acusa a Mesa do Congreso de seguir adiante coa proposta procedendo dun xeito "contrario a Dereito". Neste escenario, anticipa, todo apunta a que o conflito está abocado a rematar no Tribunal Constitucional.

O argumento económico é tamén, como avanzou Praza.gal, o empregado polo gabinete que preside Mariano Rajoy para paralizar o traspaso da AP-9. Nese caso o cálculo esgrimido pola Secretaría de Estado de Relacións coas Cortes a partir dun informe do Ministerio de Fomento é abertamente erróneo, toda vez que se limita a valorar o custe dun eventual rescate da concesión da autoestrada polo importe que deixaría de ingresar en concepto de peaxes, un criterio que non ten en conta as normas da Lei de Contratos do Sector Público. Isto sucede nun contexto no que, ademais, o Goberno de España dá por seguro que ese rescate se produciría, algo que a lei galega contempla como posibilidade, non como condición necesaria.

Protesta do BNG

Acto do BNG a prol do traspaso da AP-9, este venres en Santiago

O Bloque pagará as peaxes da AP-9 con moedas de céntimo como medida de protesta a prol do traspaso

O bloqueo do traspaso da AP-9, precisamente, foi o eixo do acto celebrado este venres polo BNG en Santiago como novo paso dunha "ofensiva social e política en defensa dunha AP-9 galega e libre de peaxes". Ao carón da autoestrada a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, proclamou xunto a outros cargos da formación a súa intención de denunciar que "o Goberno do PP manobra para vetar o debate no Congreso da petición unánime do Parlamento galego" e faino, ademais, mentres "ten 5.000, 6.000 millóns, os que fagan falta, para rescatar as autoestradas radiais" de Madrid, "propiedade da banca e de grandes construtoras".

"Queremos acabar co dislate de que viaxar da Coruña a Vigo sexa máis caro en peaxes que viaxar desde A Coruña ata Madrid", unha discriminación que, subliñan, volverán denunciar o vindeiro día 26 ás 11 da mañá pagando as portaxes con moedas dun céntimo "en todas as peaxes da AP-9" mentres "reiteran" a oferta de "fronte común" ao resto de forzas políticas. "É intolerable que a principal vía de comunicación de Galiza se converta nunha barreira para desprazarse dentro do país", conclúe Pontón.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.