Eu nunca fora á Facultade de Empresariais de Lugo ata aquel caloroso día de xuño. O escenario era o que nos faltaba por coñecer. Para todo o demais déranos todas as pistas unha moi coidadosa profesora do instituto que, con moitas horas de voo docente, adoitaba ser a encargada de acompañar o alumnado do centro á selectividade. Baixar con tempo dabondo -que nos coñecemos-, levar o DNI e as etiquetas ou estar atentos ao chamamento -que isto non é o instituto- eran algúns dos consellos. A min advertiume ademais de que tivese coidado de non facer aquela "letra piollosa" que utilizaba nos seus exames, tan pequena que ía ser molesta para quen tivese que corrixir ducias e ducias de exercicios.
O caso é que cheguei a aqueles tres días cara aos que ollara o curso enteiro con relativa tranquilidade. Segundo de Bacharelato fórame razoablemente ben e ía á selectividade con certa marxe. Moi mal tiña que ir o asunto para non chegar á media que cumpría para entrar en Xornalismo -ese é outro conto-. Mentalizárame para ir tranquilo. E nisto cheguei ao exame de Latín.
Mentalizárame para ir tranquilo. E nisto cheguei ao exame de Latín. E reparei en que sabía a tradución dun dos textos practicamente de memoria. Ou iso pensei.
Nada máis telo na man reparei en que, na opción 2, un dos posibles textos para traducir era A raposa famenta e as uvas, a fábula atribuída a Esopo. Nunca me aparecera na materia de Latín, pero si a traducira -coa miña letra piollosa- na de Grego. Mesmo varias veces. As suficientes como para sabela practicamente de memoria. Ou iso pensei eu naquel caloroso e adolescente xoves de xuño cando decidín confiar na miña memoria e só na miña memoria para pasar as andanzas da raposa famenta do latín dos romanos ao noso sen reparar excesivamente no texto. Tendo coidado, iso si, de facer letra grande.
Como corresponde a unha boa arroutada adolescente, no pecado levei a penitencia. Non tiña tan controlada á raposa como eu pensaba e tocar de ouvido custoume dous puntos naquel exame, cousa que me provocou o obvio enfado. Na miña casa, así e todo, ponderaron a cuestión na súa xusta medida cando o contei e tiveron o bo criterio de non recoller sinaturas ao respecto nin nada -non existía change.org naquela altura- nin trasladaron o asunto aos medios.
Aquel meu dramiña grecorromano volveume á cabeza nestes días nos que en Galicia se desenvolve a selectividade -daquela PAAU, agora ABAU-. Xusto entre ecos da "reapertura do debate" -case sempre se di así cando se quere introducir un tema na axenda política e/ou mediática- sobre se cómpre ou non recentralizar as competencias deste exame.
Que na recta final da adolescencia calquera tropezo torne en dramático é mesmo normal. Que persoas adultas coa responsabilidade de contar o que pasa ou de xestionar a cousa pública secunden a dramatización coa mesma intensidade, se cadra non tanto. Non parece inocente
As deficiencias ou erros -uns máis habituais e comprensibles e outros, máis extraordinarios e reprochables, como o do exercicio galego de Filosofía deste 2019- do sistema son elevados á categoría de escándalo. Mentres, fica para mellor ocasión un debate profundo sobre as desigualdades reais no sistema educativo -moito menos profundas en Galicia que noutros lugares, por certo- ou a respecto da efectividade desta peneira para acceder á universidade. Mesmo con relación a por que o foco mediático está tan centrado no estudantado que desexa ser universitario e non, por exemplo, en quen opta pola Formación Profesional. Non parece inocente, se do que se trata é de desprestixiar o sistema por depender das autonomías, fonte de todo mal. E do ensino público, aínda por riba. E co galego polo medio, o que faltaba.
Que na recta final da adolescencia calquera tropezo torne en dramático e terrible é mesmo normal. Que persoas adultas, máis aínda se teñen responsabilidade de contar o que pasa ou de xestionar a cousa pública, secunden a dramatización coa mesma intensidade, se cadra non tanto. Pero que saberei eu, que fixen a tradución de Latín de memoria.