O alumnado de Castilla-La Mancha deu inicio este martes ás probas de acceso á Universidade no Estado. Os exames comezarán este mércores noutras seis comunidades autónomas, mentres que o estudantado de Catalunya e Galicia será o último en realizar a antiga selectividade desde o vindeiro 12 de xuño.
A agora coñecida como ABAU (Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade) chega cos nervios e coberturas mediáticas habituais. Pero desta volta tamén con polémica e protestas dalgúns partidos políticos, que advirten dos diferentes graos de dificultade das probas e da suposta “desigualdade” que supón que as autonomías, con competencias no ensino, organicen cadanseus exames. O editorial de El País, que asegura que “17 exames con contidos distintos e criterios de corrección diferentes impide que se garanta a igualdade de oportunidades”, amplificou o debate.
Ciudadanos pide unha "selectividade única" en todas as comunidades e Vox "un sistema único de selectividade"; Feijóo pide unhas proceso "idéntico en todo o Estado"
Ciudadanos volveu erguer esta bandeira lembrando que no programa electoral das eleccións xerais xa propuxo unha “selectividade única”, ademais dunha materia obrigatoria chamada Constitución Española, “poñer fin ao adoutrinamento” ou “recuperar o español en todas as escolas”. Vox non quedou atrás este martes, sinalando as comunidades autónomas como “foco de desigualdade e división entre españois”, avogando por “recuperar a competencia de Educación para o Estado” e instando a “implantar un sistema único de selectividade en toda España”.
O presidente da Xunta tampouco obviou o debate, asumindo todos estes postulados e reclamando un procedemento de acceso á universidade “idéntico en todo o Estado” e que se celebre na mesma semana en todo o Estado.
Nunhas declaracións na Cadena COPE, resumidas nunha nota de prensa polo gabinete de comunicación da Xunta, Feijóo lamentou que, mentres os informes PISA sitúan Galicia dentro das mellores de España en canto a un menor fracaso escolar e máis competencias en lectura, matemáticas ou ciencias, o alumnado galego obtén notas máis baixas nos exames de acceso á universidade que a media doutras autonomías, debido “a un nivel de esixencia distinto”.
Máis tarde, na súa conta de Twitter, o presidente galego insistiu, reclamando probas idénticas "para que ese distinto grao de esixencia non penalice por territorios o alumnado nas súas aspiracións académicas".
Feijóo argumenta que os datos do alumnado galego nos informes PISA con dos mellores de España pero as notas na selectividade son das máis baixas "por un nivel de esixencia distinto"
Malia asegurar que a “transferencia da xestión ordinaria da Educación” --así o relata a nota de prensa-- é un precepto constitucional acertado, Feijóo cre que o lóxico é que “a Selectividade sexa a mesma semana en todo o territorio do país e que o exame sexa homologable e, se é posible, idéntico en todo o Estado”.
“O Estado das Autonomías non é un erro, o que me parece un erro é que ese Estado das Autonomías teña disfuncións que podemos e debemos corrixir”, dixo, poñendo como exemplo o feito de que as comunidades "conten con libros de texto distintos, ao non funcionamento da inspección educativa ou á selección do persoal".
O presidente da Xunta lamenta que as comunidades conten con libros de texto distintos ou que "non funcione a inspección educativa"
A Xunta lembra que o Goberno galego, a través da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, instou xa o 4 de decembro de 2018 ao Goberno central a “poñer en marcha as medidas necesarias para dar resposta á proposición non de lei aprobada por maioría na Cámara galega o 27 de novembro, para que se articule un procedemento de acceso á universidade no que as probas de acceso garantan o mesmo nivel de esixencia e a igualdade de oportunidades para todos os alumnos, independentemente de en que comunidade autónoma residan”.
En Galicia, é a Xunta, en colaboración coas universidades galegas e a través da CIUG (Comisión Interuniversitaria de Galicia), quen organiza a realización das probas de avaliación final de Bacharelato para o acceso á universidade.