O autogoberno nos programas do 28A: recentralización, Estatuto, autodeterminación

O traspaso da AP-9 ocupa un lugar destacado nas propostas de autogoberno en varios programas electorais do 28A CC-BY-NC-SA Praza Pública

Todas as formacións políticas admiten que a política territorial é un dos grandes asuntos a debate na campaña electoral das eleccións xerais. E tamén un dos aspectos nos que maiores mudanzas poden existir en función de se o vindeiro Goberno de España se asenta no bloque de dereita ou nun bloque de esquerdas con apoios de forzas soberanistas. Así o translocen os discursos de campaña dos principais líderes e así o reflicten os seus programas electorais.

O PP aposta abertamente por paralizar por tempo indefinido os traspasos de competencias e aprobar mecanismos de recentralización do Estado

Pola banda da dereita a aposta recentralizadora é moito máis clara que noutras ocasións. O seu programa electoral aposta ás claras por frear os traspasos de competencias ás comunidades autónomas e mesmo por recortar algunhas competencias xa transferidas. Baixo o epígrafe Fortalecimiento de la nación, os de Pablo Casado prometen unha "moratoria que paralizará a cesión de novas transferencias ás comunidades autónomas" por un tempo indeterminado durante o cal, din, avaliarían "o funcionamento do Estado autonómico".

Xunto con esa paralización, que Alberto Núñez Feijóo asegurou apoiar coa vista posta en Catalunya, o PP abre tamén a porta a un mecanismo abertamente recentralizador. "Estableceremos os cauces necesarios para que aquelas comunidades que así o desexen encomenden á Administración do Estado o exercicio daquelas competencias que poidan ser administradas de maneira máis eficaz polo Goberno da Nación", sinala o programa, que ademais asegura que un eventual Goberno de Casado ía "reforzar a presenza do Estado en todas as comunidades autónomas" mediante varias vías, como maior financiamento e recursos para as súas delegacións territoriais.

Pablo Casado e Alberto Núñez Feijóo, nun acto de partido na Coruña en decembro de 2018 © PP

Os de Casado e Rivera concordan con rebaixar, a efectos prácticos, o rango legal dos idiomas oficiais diferentes do castelán

A recentralización é tamén a tónica dominante no programa de Ciudadanos referido á política territorial. Alén de proclamar, como o PP, a necesidade da aplicación do artigo 155 da Constitución contra Catalunya durante un período indefinido e prometer maiores castigos xudiciais para "separatistas", a formación de Albert Rivera promete "reforzar as competencias do Estado". Neste sentido, identifica o "Estado" unicamente co Goberno central para afirmar que pretende "fixar a distribución de competencias entre Estado e comunidades autónomas sen posibilidade de transferencia". 

PP e Ciudadanos cadran tamén en propoñer unha limitación e mesmo recorte da oficialidade dos idiomas oficiais diferentes do castelán. Ambos programas aseguran que fixarán por lei que saber galego, euskera ou catalán non sexa un "requisito" para acceder ao emprego público nos territorios onde son oficiais e, no caso do PP, a aposta vai alén para prometer que un documento emitido só en galego, euskera ou catalán non sería admitido como "oficial" pola Administración se non vai acompañado dunha tradución ao castelán.

O PSOE propón que toda competencia non estatal sexa autonómica

O programa electoral do PSOE tamén encadra as súas propostas en materia territorial partindo da "crise (...) derivada do crecemento das aspiracións independentistas de Cataluña". "Nin dende o dereito de autodeterminación nin dende un estado de excepción territorial con carácter permanente a través do artigo 155" da Constitución "pode construírse o futuro", argumenta a oferta programática socialista, que propón entre os seus principais puntos para o "modelo Estado" fixar na Constitución que toda competencia non especificamente estatal sexa adscrita ás comunidades autónomas.

O programa socialista propón detallar na Constitución cales son as competencias autonómicas e "recoñecer as singularidades dos distintos territorios" nos Estatutos, incluíndo a organización territorial interna

Trataríase, expoñen, dunha "clarificación do modelo competencial" que vaia alén das "referencias xenéricas" do actual texto constitucional, as cales xeraron "falta de claridade" ou "duplicidades" con numerosas intervencións do Tribunal Constitucional. "Apostamos por unha mellor delimitación das competencias do Estado e das comunidades autónomas" recollendo na Constitución "as facultades concretas do Estado" e "establecer que todo o non atribuído" ao Goberno central "é de competencia autonómica", din diferenciando tamén entre "Estado" e autonomías.

O partido que lidera Pedro Sánchez complementa este modelo cunha aposta polo "recoñecemento das singularidades dos distintos territorios nos seus propios Estatutos de Autonomía", os cales deberían "definir" de xeito máis "preciso" os "aspectos identitarios, históricos, culturais, políticos e lingüísticos". Mesmo tamén unha "organización institucional e territorial adaptada ás peculiaridades de cada comunidade" sempre que non "afecte ao funcionamento doutros territorios", indica o programa do PSOE, que tamén asegura que abordará o novo modelo de financiamento autonómico, toda vez que o anterior caducou hai media década.

Pedro Sánchez, flanqueado por Gonzalo Caballero e Abel Caballero nun mitin en Vigo o 16 de abril de 2019 © PSOE

Transferencias concretas a Galicia nos programas de En Común, En Marea e BNG 

Alén de propoñer mudanzas no modelo de organización territorial do Estado os programas electorais de En Común-Unidas Podemos, En Marea e BNG baixan máis ao detalle para, no caso galego, sinalar as competencias pendentes que, do punto de vista destas formacións políticas, é prioritario transferir. Entre elas, ocupa un lugar destacado a da autoestrada AP-9 e, en xeral, as xa pactadas no seo do propio Parlamento galego, aparcadas a efectos prácticos dende hai unha década.

En Común-Unidas Podemos subliña a necesidade de "reformar o modelo de Estado" incluíndo o "dereito a decidir"

En Común-Unidas Podemos afirma no seu programa que pretende "reformar o modelo do Estado" con medidas que van dende un "referendo vinculante no que a cidadanía decida entre monarquía ou república, entre Estado centralizado e Estado federal" ata "superar o marco das deputacións provinciais" e unha reforma da lei que regula o funcionamento dos concellos. No caso concreto de Galicia a formación subliña que é partidaria do "dereito a decidir do pobo galego" e, paralelamente, subliña a necesidade de aprobar as "transferencias pendentes". Entre elas cita especificamente a da AP-9 e a da AP-53, a inspección de traballo, o tráfico e a seguridade viaria, os portos de interese xeral, Salvamento Marítimo e loita contra a contaminación e sanidade penitenciaria.

En Marea tamén sinala no seu programa como necesaria unha reforma no modelo do Estado para recoñecer o seu "carácter plurinacional" e regular "o dereito a decidir no marco do recoñecemento de autodeterminación", así como reclamar o novo financiamento autonómico, o cal debe "responder positivamente ás demandas de transferencias" xa solicitadas por Galicia. "A nova axenda debe ser consecuente coa consideración plurinacional do Estado" e "asumir a importancia do desenvolvemento do autogoberno galego como parte esencial dunha nova idea de Estado", resume.

En Marea asegura ser partidaria do "recoñecemento do dereito de autodeterminación" alén de reclamar as competencias pendentes

No ámbito estritamente competencial En Marea afirma que a súa representación no Congreso avogará pola "transferencia da AP-9" e tamén pola súa "xestión pública" mediante o rescate da concesión. Este sería un dos traspasos prioritarios nun contexto no que, subliñan, cómpre facer "efectivas" o conxunto de transferencias pendentes a través da "reactivación" da Comisión Mixta Galicia-Estado. Entre as competencias prioritarias En Marea sinala, alén da AP-9, a inspección de traballo, tráfico e seguridade viaria, portos, Salvamento Marítimo, inspección de traballo, aeroportos, sector pesqueiro, bolsas de estudo ou concas fluviais, entre outras.

Vista da AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande, sobre a ría de Vigo © Audasa

O BNG, pola súa banda, detalla as súas propostas en materia de autogoberno no marco da "ruptura co réxime español vixente dende a aprobación da Constitución de 1978" que "inevitablemente", debe "abordar" os "dereitos das nacións" mediante o recoñecemento do dereito de autodeterminación, salienta no seu programa electoral para o 28A. "Isto -agregan- implica que Galiza poida asumir a soberanía por medio dun proceso constituínte propio na perspectiva da creación dun estado galego soberano, a República da Galiza".

O BNG fixa como horizonte "a república da Galiza" e detalla un catálogo de competencias a reclamar no curto e medio prazo

Alén dese horizonte político o BNG tamén debulla "medidas a defender" no curto e medio prazo, dende a defensa dun novo modelo de financiamento "baseado no concerto económico e na bilateralidade co Estado" ata un amplo catálogo de transferencias de competencias. Entre elas, o Bloque aposta porque todo o abano competencial en materia laboral pase a depender da Xunta, así como a Seguridade Social, todas as competencias policiais e de tráfico, as infraestruturas de interese xeral como portos e aeroportos, "alén de estradas e camiños de ferro que discorren por territorio galego".

As competencias en materia de costas e cuncas fluviais, Salvamento Marítimo e gardacostas, as que atinxen ao deporte incluíndo a representación en competicións internacionais ou as vinculadas ao "fomento da industria cinematográfica e audiovisual" inclúense tamén nun catálogo de competencias a reclamar nas que o Bloque tamén sitúa en lugar destacado a da AP-9 e a AP-53. O traspaso e "nacionalización destas infraestruturas" debe servir para "acabar co espolio económico que representan actualmente", advirte.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.