O delegado en Galicia, Javier Losada, lembra á Xunta que “as competencias son para resolver os problemas” e salienta os conflitos da Sanidade ou a Xustiza
“Represento a un Goberno galeguista, por corazón, convicción e por mandato constitucional e estatutario, polo tanto este Goberno está disposto a falar de transferencias e competencias”. Así se pronunciou este xoves o delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada, nun acto en Santiago no que advertiu á Xunta de que “as competencias son para resolver os problemas” e fixo ver que o Goberno galego non o está a facer en conflitos como o da Sanidade ou o da Xustiza.
Losada interveu nun almorzo informativo do Forum Europa no Hostal dos Reis Católicos con presenza de representantes empresariais, sociais e políticos de diversas formacións que foi presentado polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. No seu discurso inicial Losada centrouse en defender os orzamentos do Estado para Galicia, pero cunha visión transversal que foi máis alá dos investimentos e que o converteu nun dos relatores deste tipo de actos, habitualmente cun carácter máis economicista, que máis tempo dedicou, por exemplo, á violencia de xénero e outras cuestións sociais.
"Non imos presupostar para obras que non se poden executar porque nin sequera existe o proxecto", di Losada sobre as críticas aos orzamentos do Estado
Sobre as contas estatais para Galicia, Losada asegurou que suporán un gasto de 280 euros por galego, dez euros máis que o reparto para os cidadáns cataláns. Tamén xustificou a ausencia de partidas para actuacións longamente reclamadas dicindo que “non imos presupostar para obras que non se poden executar porque nin sequera existe o proxecto”, e lembrou que nos últimos cinco anos o anterior Goberno central deixou sen executar “2.000 millóns de euros” previamente orzamentados.
Facendo un símil entre a súa profesión e o obxectivo do actual Goberno tras sete anos de executivos populares, Losada dixo que “a virtude do anestesiólogo non é unicamente durmir ao paciente senón despertalo en mellores condicións”. Nesa liña, asegurou que os socialistas pretenden “poñer en hora” o reloxo, que dixo estaba atrasado “sete anos”.
“A Xunta xa é maior de idade e ten que resolver os seus propios problemas, os derivados das súas competencias", dixo Losada, para engadir que “para demandar competencias hai que atendelas”
Ese reloxo, dixo, tamén quedou atrasado en materia de transferencia de competencias a Galicia, lembrando que “as últimas logrounas o presidente Touriño hai dez anos”. Nesa liña, e tras a reclamación de Feijóo de obter para Galicia as mesmas competencias que se poidan agora transferir a outras comunidades, Losada amosouse favorable, salientou o antedito sentimento “galeguista” do Goberno central e insistiu en que a Xunta debe xestionar adecuadamente esas competencias. “A Xunta xa é maior de idade e ten que resolver os seus propios problemas, os derivados das súas competencias", dixo, para engadir que “para demandar competencias hai que atendelas”. E a continuación puxo “exemplos” de conflitos da Xunta en áreas da súa competencia como “a situación da Sanidade, onde os médicos admiten que están a xestionar a miseria, ou a folga da xustiza, a folga de funcionarios máis longa de España”. “As competencias son para resolver os problemas”, salientou, antes de concluír lembrando que “Galicia é a terceira comunidade con máis competencias transferidas, 154, só por detrás de Andalucía e Cataluña e moi por diante do País Vasco”.
A Losada preguntóuselle por críticas como esas que vén lanzando á Xunta e ao presidente Feijóo e pola súa valoración da proxección mediática que teñen fronte ás que fai a oposición en Galicia. O delegado do Goberno negou que critique a Feijóo senón que defende a actuación do executivo central e “iso significa que en ocasións teña que poñer o punto sobre os is a declaracións do presidente galego”. “O Goberno de España tamén é o goberno das galegas e os galegos”, dixo. Nesa liña, Losada eludiu valorar os prazos para que o secretario xeral do PSdeG entre no Parlamento de Galicia e faga desde alí a súa labor de oposición.
“Cando haxa autonómicas falaremos de se vas seguir sendo delegado do Goberno ou un magnífico conselleiro en Galicia”, díxolle Gonzalo Caballero a Losada na presentación da súa intervención
Este último, Gonzalo Caballero, fora previamente o encargado de presentar a intervención de Losada. Nela lembrou que o PSOE chegou ao Goberno central tras a moción de censura contra un executivo popular “inundado por unha corrupción institucionalizada sentenciada no caso da Gürtel”, defendeu a lexitimidade de Pedro Sánchez e considerou demostrado o positivo das políticas económicas da esquerda. A Losada en particular Caballero dirixiu unha promesa de futuro: “Cando haxa autonómicas falaremos de se vas seguir sendo delegado do Goberno ou un magnífico conselleiro en Galicia”.