Losada afirma que Fomento respectará os prazos do AVE pero di que quere "coñecer a realidade" das obras

Viaduto en construción para o AVE entre Puebla de Sanabria e o túnel do Padornelo CC-BY-SA Praza Pública

​Esta semana falouse moito sobre os prazos da chegada do tren de alta velocidade a Galicia. Un mes despois da chegada de Pedro Sánchez á Presidencia do Goberno central a Xunta e o PP comezaron a criticar os atrasos nas obras, mesmo cun "informe" (non divulgado), como xa fixeran no ano 2011, xusto antes de que Rajoy gañase as eleccións. Hai xa un tempo que se coñece que o AVE entre Madrid e Galicia non vai estar en servizo en 2019. De feito, dende os primeiros meses de 2017 é sabido que o AVE Madrid-Galicia non estará en servizo en 2019 e que os 17 quilómetros entre Taboadela e Ourense non estarán rematados, cando menos, ata a contorna de 2024.

O Ministerio de Fomento quere "coñecer a realidade desta actuación, tanto no que se refire a investimento executado como obras comprometidas e etapas cumpridas, para coñecer con seguridade que os prazos anunciados coinciden co avance da obra"

Este sábado o Delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada, subliñou a través dunha nota de prensa "o compromiso" do Executivo de Pedro Sánchez co AVE a Galicia, destacando que "existe toda a vontade política por parte do Goberno para completar a infraestrutura". Con todo, Losada tamén sinalou que o Ministerio de Fomento quere "coñecer a realidade desta actuación, tanto no que se refire a investimento executado como obras comprometidas e etapas cumpridas, para coñecer con seguridade que os prazos anunciados coinciden co avance da obra".

É dicir, revisarase o que se fixo ata agora para saber con seguridade cando poderían rematar as obras, que acumulan atrasos que en moitos casos son xa imposibles de reverter. Losada afirma tamén que "en ningún caso haberá un parón nas obras" e que o Goberno central mantén "o ritmo executor das obras contratadas e das que están en proxecto". Ademais, destacou como "exemplo do compromiso" do Executivo coa finalización das obras a designación "dunha galega", Isabel Pardo de Vera, á fronte de Adif.

Losada lembra que a situación actual "é resultado da xestión dos últimos ministros de Fomento e en concreto da ex ministra Ana Pastor

O Delegado do Goberno central lembra que a situación actual "é resultado da xestión dos últimos ministros de Fomento e en concreto da ex ministra Ana Pastor, que na súa etapa no Executivo decidiu diferentes cambios e modificacións no traxecto, alterou as previsións investidoras e admitiu atrasos que no seu momento ralentizaron os prazos da chegada do AVE a Galicia".

 

Javier Losada, na época en que foi alcalde da Coruña Dominio Público Concello da Coruña
A identificación de Javier Losada na súa primeira reunión de coordinación entre responsables de Delegacións do Goberno © Delegación do Goberno

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.