0 Gardados para despois

Xunta e PP prepáranse para denunciar como aldraxe a Galicia prazos xa previstos do AVE a Madrid

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A liña ferroviaria de alta velocidade de Madrid a Galicia non vai estar en servizo en 2019. A nova realmente non é tal porque é sabida dende hai un mínimo dun ano e medio, cando o daquela novo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, sentou co presidente da Xunta para ratificar o que xa fora constatado pola vía técnica moito tempo atrás: que o anterior prazo, o de 2018, era tamén imposible. Dende aquel encontro os horizontes destas obras son realmente doussite: a contorna de 2020 como prazo efectivo para que comecen a circular os trens cunha solución provisional á altura de Ourense e arredor de 2024 para o remate do tramo final ourensán, de Taboadela á capital da provincia.

Nada mudou nos últimos tempos neste calendario, pero si no seu contexto. O cambio de cor política no Goberno de España tras o triunfo da moción de censura impulsada polo PSOE trouxo consigo tamén unha recuperación case instantánea das posicións políticas na Xunta e no PP galego que durmían nas gavetas dende finais de 2011, cando os populares lograron a maioría absoluta nas eleccións xerais con Mariano Rajoy á fronte. Os conservadores xa insinúan que o gabinete de Pedro Sánchez en xeral e en particular o novo ministro de Fomento, José Luis Ábalos, se dispoñen a "castigar" a Galicia cun novo atraso do AVE por "non ser un depósito de votos para o PSOE", en verbas do seu secretario xeral, Miguel Tellado.

Foi Rajoy quen ofreceu o prazo de 2018 nun acto de partido ás portas das eleccións galegas de 2012 e quen, como o resto de dirixentes do PP e despois tamén de Ciudadanos, o mantivo cando xa era sabida a súa imposibilidade material, no intenso período electoral de 2016. A razón era que non comezara a moverse unha soa pedra no devandito treito de Taboadela a Ourense, 17 quilómetros que tanto a Xunta como o PP galego presentaron como fundamentais no período de Zapatero, moi especialmente nos anos en que o titular de Fomento foi o galego José Blanco. Así e todo, en 2016 o propio Feijóo pasou a considerar un erro "centrar o tema na variante de Taboadela" e a abrirse á instalación dunha solución provisional.

Dende hai ano e medio o prazo é dobre: a contorna de 2020 cunha solución provisional en Ourense e arredor de 2024 para o remate do tramo máis atrasado, 17 quilómetros de Taboadela á capital ourensá

O presidente da Xunta preparou así o terreo para o novo prazo, o de 2020, que ambos gobernos presentaron aos medios cunha codia dialéctica que convidaba ao equívoco. A idea forza dos conservadores foi a chegada de "trens de comprobación" no "terceiro trimestre de 2019", se ben a nova promesa foi, como as súas antecesoras, batendo aos poucos coa realidade técnica e política. Así, por exemplo, en maio de 2017 un pacto orzamentario do propio PP con Foro Asturias consolidou o dobre prazo 2020-2024 e en marzo deste mesmo ano 2018 Fomento lanzaba unha reforma da estación ferroviaria de Ourense que engadía aínda máis incerteza sobre a chegada do AVE alén da cidade das Burgas.

As, ata agora, últimas distorsións, chegaron pouco antes de que o PP tivese que abandonar o Goberno de España. Como detallou Praza.gal, os últimos concursos de obras do AVE Madrid-Galicia convocados polo Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) aínda cos populares á fronte propoñen prazos de execución que levarían o remate físico das vías aos primeiros meses de 2020. Aínda que cabe a posibilidade de que as empresas adxudicatarias propoñan rebaixas de prazos, a empresa pública xa dá por feito que ir alén de finais de 2019 para o remate dos traballos é unha posibilidade máis que real.

Situación xeral das obras do AVE entre Zamora e Ourense / Praza Pública

Unha "auditoría" de prazos á procura de "enganos"

O novo ministro coida que "algúns" prazos do AVE só foron dados "para quedar ben" e o PP avanza a acusación de que o Goberno do PSOE "castiga" a Galicia

Malia todos estes factores apenas nove días despois da moción de censura Feijóo xa mudaba o guión. "Pido polo menos que se cumpra a palabra dada: que a finais do ano 2019 estean entrando en probas os trens de alta velocidade", reclamou, ademais de insinuar que o Goberno do PSOE debera valorar a posibilidade de "adiantar os prazos" se fose posible. A preparación do terreo para a denuncia dunha nova aldraxe aumentou de intensidade despois de que Ábalos anunciase a súa intención de "auditar" os prazos das obras, toda vez que "algúns se deron para quedar ben". Neste sentido, este luns o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reuníase co ministro e ao termo do encontro resaltaba que non existe "ningunha medida" do novo Goberno central que vaia "atrasar un só segundo ningunha obra", se ben cómpre comprobar se entre a "herdanza" do PP está "algún engano nos prazos".

O PP, pola súa banda, xa afirmou que ve "moi preocupante" o que considera como "poñer en cuestión" os prazos e "xustificar novos atrasos", ademais de laiarse de que Ábalos non vaia visitar as obras "cada tres meses", como o ex-ministro De la Serna. Os populares van virando así aos poucos cara á postura mantida na etapa de Blanco no Ministerio, cando chegaran a dar ao ministro ultimatos de dez días para cumprir o cronograma do AVE. De non atender o requirimento, sinalaban, os socialistas estarían a "maltratar" a Galicia e Blanco debera dimitir.

Alén do tirapuxa partidario, o certo é que cando menos de momento os prazos seguen a ser 2020 e 2024. Antes foran 2009, 2010, 2012, 2015 e 2018.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O incendio nun vagón de FEVE en Moeche, nova constatación do abandono do tren do norte galego

O vagón do FEVE afectado polo lume en Moeche, nunha imaxe de Radiofusión 

D.L.

Mentres o eterno retorno ao debate sobre o prazo no que estará finalizado o AVE Madrid-Galicia regresa á esfera política, outro tren chamado a articular as comarcas do norte do país e ser un dos medios de transporte de cabeceira para as arredor de 200.000 persoas que viven na área de influencia da liña Ferrol-Ribadeo, o FEVE, padecía a súa enésima incidencia. Contra as nove e media da mañá do luns persoal de seguridade de Renfe chamou ao 112 para alertar de que un vagón dun dos trens desta liña comezara a arder en Labacengos, no concello de Moeche.

Apenas dúas persoas viaxaban no vagón atinxido. Ambas, segundo Emerxencias, resultaron ilesas e puideron continuar viaxe nun taxi mentres os bombeiros do Eume xtinguían o lume, que comezara "na parte baixa dun dos motores do convoi, propagándose ao vagón". Tamén tiveron que ser alertados, ademais, o Grupo de Emerxencias de Ortigueira e a Garda Civil.

A plataforma Pola defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo ve neste incidente unha "nova mostra" da falta de mantemento do tren do norte que veñen denunciando

Para a plataforma Pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo, que se mobiliza recorrentemente a prol da mellora dos servizos no tren do norte, este incidente é unha nova mostra da "falta de mantemento" dos trens "que vimos denunciando reiteradamente". Son un total de oito os trens coma este, unidades 2400, e para elas existe "un contrato de reforma, pero os traballos van inexplicablemente lentos". Tanto é así que só un foi reparado e sete, aínda non.

O incendio do vagón en Moeche amosa tamén outra carencia, di a plataforma. "A gravidade que supón, por parte de Adif, non realizar a limpeza e desbroce da infraestrutura, á que están obrigados pola lei de montes". "Por sorte -resaltan- o incendio produciuse nunha zona accesible" pero, de non ser así, espallaríase polo monte antes de poder ser sufocado.