0 Gardados para despois

O PP altera as datas do AVE Madrid-Galicia dentro dun pacto no Congreso con Foro Asturias

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A prometidísima conexión de Galicia con Madrid a través do tren de alta velocidade acumula xa seis datas de finalización. Tras 2009, 2010, 2012, 2015 e 2018 o pasado xaneiro chegaba 2019 pero con dous importantes matices: o novo calendario implica unha entrada real en servizo no horizonte do ano 2020 e faino excluíndo do paquete a variante de Taboadela, un treito de 17 quilómetros ás portas de Ourense que a Xunta presentou durante anos como esencial e que o propio Alberto Núñez Feijóo asume como relegado ata, cando menos, 2024. Segundo as múltiplas declaracións dos gobernos galego e español a principal garantía de que os novos prazos se van cumprir son os Orzamentos Xerais do Estado para 2017, proxecto en plena tramitación parlamentaria na que un pacto entre o PP e Foro Asturias vén de alterar, precisamente, o calendario orzamentario da conexión por AVE entre Galicia e Madrid.

A Comisión de Orzamentos do Congreso culminou este xoves a aprobación do ditame sobre as contas públicas, que regresará ao pleno a vindeira semana. Tras lograr esquivar as sete emendas de devolución que foran formuladas o grupo que sustenta o Goberno de Mariano Rajoy asegurouse os apoios a través de diversos acordos con outros partidos. Algúns foron os acadados con Foro Asturias, o partido creado en 2011 polo ex-ministro Francisco Álvarez-Cascos como unha escisión do PP asturiano. Entre elas figuran as transaccións -emendas aprobadas con variacións sobre o seu texto inicial- para mudar o orzamento do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), no que Foro reclamaba axilizar a construción dos túneles da variante de Pajares, no límite entre Asturias e León. Foi neste intercambio no que entrou en xogo o calendario galego.

Nun marco global que supón un incremento de 11 millóns de euros obras do AVE, o pacto implica que, "adicionalmente", se introduzan "modificacións no literal das datas de finalización de diversos proxectos de Adif-Alta Velocidad" para "adecualos á realidade planificada". Así, o proxecto Liña de Alta Velocidade Galicia Olmedo-Lubián-Ourense, que figuraba no orzamento de Adif co 2024 como data de remate, pasa a ter como prazo o ano 2020, isto é, o proxecto sen a variante de Taboadela. Esa controvertida obra na entrada da cidade de Ourense mantén como data de fin o 2024, o que implica que, pola vía dos feitos, Fomento xa a considera allea ao proxecto de AVE Madrid-Galicia en sentido estrito.

O proxecto pasa a situar o remate do AVE galego en 2020 porque exclúe de vez a variante de Ourense, que queda relegada a 2024

A outra mudanza incluída no pacto entre PP e Foro Asturias que atinxe a Galicia refírese tamén ao AVE. Concretamente, a un dos exemplos paradigmáticos de obras incluídas ano tras ano nos Orzamentos Xerais do Estado pero sen dotación minimamente suficiente para chegar a ser realidade: a conexión por alta velocidade entre Ourense e Vigo a través de Cerdedo. Políticos de cores diversas veñen prometendo dende hai unha década esta complexa infraestrutura, unhas obras cuxo custo total estímase nuns 2.000 millóns de euros e que este ano volve recibir algo menos dun millón de euros para a realización de estudos previos. O cambio acordado polos populares co grupo asturiano é tamén mudar a data de remate, que pasa de 2023 a 2025, afondando no escenario que diversos dirixentes políticos levan admitindo en privado dende hai anos: a posibilidade de que nunca chegue a construírse nos termos previstos.

O pacto con Foro inclúe o traslado de 2023 a 2025 o AVE a Vigo por Cerdedo, de cuxa construción real dubidan diversos cargos políticos

Mentres dende o Grupo Popular no Congreso se resta importancia a estes cambios de datas -refírense, aclaran, aos anos en que cobrarán as empresas adxudicatarias das obras, non ao remate físico das mesmas- e se presenta como unha "mellora técnica" do proxecto orzamentario, Foro inclúeos nun acordo que, afirman, implica que Asturias reciba 44 millóns "máis dos previstos inicialmente", dos que 10,9 se refiren ao "acceso de Asturias á rede de alta velocidade". Segundo a actual presidenta do partido, Cristina Coto, a súa organización é responsable dunha "negociación orzamentaria" sen "precedentes" para os intereses asturianos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.