O que gastaremos en 2017 en obras que non se fan

Gráfico interactivo sobre obras con partidas menores no orzamentos do Estado para 2017 CC-BY-SA Praza Pública

Hai anos que os orzamentos do Estado para Galicia veñen incluíndo partidas para estudos previos que se eternizan sen chegarse a ver aínda as obras

Os Orzamentos Xerais do Estado que esta semana comezan a ser votados no Congreso volven repetir unha vella eiva. Como tamén fixo o PSOE cando estivo no Goberno, as contas públicas inclúen numerosas partidas simbólicas para obras que levan anos nas axendas políticas sen que acaben de arrancar nin haxa previsión de que o fagan en breve pero que xa están custando cartos. Son compromisos adquiridos de xeito público para actuacións que, nalgúns casos, políticos de todos os partidos admiten en privado que non se van executar en breve. Pero seguen aparecendo nos orzamentos con contías menores para estudos previos que se alongan e que nalgúns casos nin se realizan pero noutros casos supoñen centos de miles de euros gastados durante anos en análises de obras que non se van realizar ou que requirirán de novos estudos actualizados cando se decidan executar.

O AVE Ourense-Vigo por Cerdedo leva máis de unha década recibindo partidas de centos de miles de euros para estudos sen que arranquen unhas obras que custarían máis de 2.000 millóns

O caso máis significativo é o do AVE Ourense-Vigo por Cerdedo. Leva máis dunha década na axenda pública e políticos de todas as cores o esixen reiteradamente, aínda que algúns deles en privado reneguen da actuación. En todo este tempo só ten recibido partidas menores, duns centos de miles de euros, para os seus sucesivos estudos informativos e ambientais. Sucesivos porque sempre que estiveron a piques de rematar o Goberno, tanto co PSOE como co PP, decidiu modificar o proxecto e obrigou a elaborar novos estudos. Este ano recibirá outro millón de euros para máis estudos. As obras, de realizarse, custarían máis de 2.000 millóns.

Tamén en estudo desde hai anos con partidas orzamentarias duns centos de miles de euros en cada exercicio está a Autovía Monforte-Chantada, prevista no Plan Galicia derivado do Prestige malia que non hai demanda de tráfico para unha obra que custaría 170 millóns. Este ano os seus estudos interminables recibirán outros 300.000 euros.

Noutros casos, a lentitude coa que se foron acometendo as obras obriga a que cada ano se veñan orzamentando partidas para traballos que non acaban de rematar. É o caso da variante da Pobra de San Xiao, o primeiro treito en acometerse do que está chamado a ser o AVE Ourense-Lugo, uns 7 quilómetros cuxas obras comezaron hai 11 anos e que este 2017 recibirán 13,5 millóns para rematalas e adaptar o xa construído hai anos ás esixencias técnicas actuais.

En similar situación, con partidas menores para continuar cos estudos dos últimos anos pero sen posibilidade de iniciarse aínda as obras, está o acceso por tren ao porto exterior da Coruña, con 31.000 euros; a prolongación do acceso por estrada do mesmo peirao ata a A-6, con 100.000 euros; a circunvalación de Ponteareas, con 200.000 euros; ou o museo arqueolóxico de Ourense, con outros 250.000 euros logo dos 200.000 do ano pasado.

Hai obras que desaparecen logo de anos de estudos e outras cuxas contías pouco mellorarán a vida da cidadanía

Pola contra, tamén hai actuacións, como a depuradora de Santiago, que desaparecen dos orzamentos logo de anos de estudos previos. E actuacións con partidas para obras físicas, xa non estudos, que pouco ou nada poderán mellorar a vida da cidadanía que as emprega, como os 550.000 euros que se dedicarán á mellora do tren Ferrol-A Coruña. E algo parecido ocorre coa Autovía Ourense-Lugo, na que as partidas orzamentarias para obras se concentran nuns poucos quilómetros en Ourense mentres que uns 40 quilómetros de toda a infraestrutura reciben un total de 100.000 euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.