Medra o temor ao "desmantelamento" do tren Ferrol-Ribadeo por mor da acumulación de avarías e atrasos

Trens da liña Ferrol-Ribadeo © Eloy Villanueva / Plataforma polo Ferrocarril Ferrol-Ribadeo

É o tren que non se axita en campaña electoral. Que non é visitado por presidentes nin por titulares de consellerías nin ministerios e que, no canto de acumular actos inaugurais, suma fundamentalmente esquecemento. Agás para as persoas que o utilizan -cando poden- e para os concellos da contorna, que teiman dende hai anos en reclamar servizos ferroviarios de calidade para a poboación que reside no norte do país. Isto é, para as máis de 200.000 persoas que viven entre Ferrol e Ribadeo, que observan como o seu tren segue polo camiño da decadencia mentres as promesas de mellora non se dan concretado e medra o temor a un "desmantelamento" definitivo.

A Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo, o colectivo máis activo na denuncia das deficiencias desta liña e na reivindicación da súa memoria, viuse esta semana obrigada lanzar de novo un chamamento público ante o que consideran unha "situación límite". Abonda con ollar algúns dos acontecementos das última semana. Un día, supresións de liñas á altura de Ortigueira e Cerdido por falta de trens dispoñibles. Ao seguinte, viaxes cancelados entre Ferrol e Ribadeo e Ferrol e Ortigueira e, como engádega unha avaría na mariña do 'Rexional' que viaxaba de Oviedo a Ferrol. "Nun país normal rodarían cabezas", ilustran.

O FEVE, nun momento do seu percorrido CC-BY-NC-ND Sergey Yeliseev

Só na última semana suspendéronse servizos entre Ortigueira e Cerdido e de Ferrol a Ribadeo e Ortigueira; ademais, interrompeuse por avaría o percorrido do 'Rexional' de Oviedo a Ferrol

Os sucesos da última semana son unha pequena pinga nun mar deles. Os datos que manexa a plataforma explican que a suma de "supresións e grandes atrasos", as "incidencias", foron máis de 900 o pasado 2017, un ano que rematou con "supresións a diario por falta de persoal de condución" en novembro e decembro, toda vez que os maquinistas xa superaran o número de horas anuais de traballo sen que Renfe os substituíse. "Isto indica que o problema de persoal que Renfe deu por rematado en maio, para nada se solucionou". O ano vello rematou con esta problemática e o novo comezou coa das devanditas avarías, chegando a estar dispoñible nalgunha xornada só un dos 9 trens destinados en Ferrol.

Pero, denuncia a Plataforma, oficialmente "non existe ningún responsable da situación". Os trens incorporados entre 2009 e 2011 "padeceron fallos estruturais que provocan avarías diarias" e algúns dos anunciados como plans urxentes para mellorar o servizo fallaron, literalmente, o primeiro día. A "única nota positiva" da licitación do mantemento, este mes de xaneiro, do servizo de mantemento dos trens máis vellos -os 'Rexionais' de Galicia, Asturias e Cantabria- non compensa a degradación dos demais nin problemas engadidos como "a continua desaparición dos interventores". Agora, advirten, xa non vale a "escusa" alegada por Renfe cando asumiu a estrutura de Feve. "Tiveron cinco anos e non fixeron máis que empeorar a situación".

Exemplo de prezo e horarios do tren Ferrol-Ribadeo para este luns, 22 de xaneiro de 2018 CC-BY-SA Praza Pública

"Cales son os intereses reais?"

A Plataforma se Renfe provoca "deliberadamente" que o tren funcione "o peor posible" ao non ofrecer servizos en horas "coa ocupación garantida" e si "fletar outros en horarios innecesarios"

Diante desta situación, a Plataforma pregúntase "cales son os intereses reais de Renfe, da Xunta e do Ministerio de Fomento". "As únicas administracións que etán dendo en conta as protestas dos usuarios son os concellos da liña" e, por extensión, as deputacións da Coruña e Lugo. O "papel da Xunta" é de "pasota" e o de Fomento, "inexistente". No caso concreto de Renfe, a súa postura na comisión técnica que aborda o estado da liña "é incrible e irrespetuosa", ata o punto de que "son os concellos os que lle teñen que explicar, por exemplo, que deben prolongar unha frecuencia nun horario básico como é a volta dos institutos, universidade e traballos", franxas horarias "nas que a ocupación está garantida". Mentres, censuran, "fleta outros servizos en horarios totalmente innecesarios".

"Os directivos de Renfe, coa compracencia do Ministerio e da Xunta, están a insultar a xente que diariamente queda tirada nos apeadeiros e estacións, chega tarde a calquera sitio onde se propón ir ou, simplemente, non pode usar o tren pola súa nula fiabilidade e desastrosos horarios". Cabe pensar, lamentan, que o tren do norte está a ser abandonado "deliberadamente" para "que funcione o peor posible e a xente se vexa obrigada a abandonalo" malia ter "un enorme potencial" se "o parque móbil funcionase e os horarios fosen razoables", xa que as alternativas de transporte público son, sinxelamente, "nulas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.