Adeus ás grandes cifras no orzamento estatal para Galicia: sen plans para despois do AVE

Partidas para o AVE na provincia de Ourense reflectidas no proxecto orzamentario para 2019 CC-BY-SA Praza Pública

Hai unha década o investimento previsto polo Goberno de España para Galicia tocou teito. No ano 2009 os Orzamentos Xerais do Estado reservaron 2.116 millóns de euros no seu investimento territorializado, o 8,1% do total -uns dous puntos máis do peso da poboación galega no Estado- e un 5% máis que no ano previo. No que resultou ser primeiro ano completo da recesión económica o Goberno de Zapatero despregaba as súas partidas investidoras para Galicia ata máximos históricos. O protagonista esencial era o AVE, tanto na súa liña do Eixo Atlántico (A Coruña-Vigo) como, sobre todo, na conexión con Madrid. Cando cadraron ambas rexistráronse esas previsións máximas.

O investimento previsto polo Estado para Galicia tocou teito en 2009, cando cadraron os fondos para as liñas de alta velocidade do Eixo Atlantico e a Madrid

Na década que veu despois a senda do investimento para Galicia previsto nos Orzamentos Xerais do Estado emprendeu unha liña descendente con pequenas parénteses de alzas -unha suba do 9% nas primeiras contas de Rajoy- pero tamén con abruptas baixadas -un 23% menos de 2012 a 2013 e un 32% de caída entre 2016 e 2017 ano no que o realmente gastado foi moito menos do orzamentado-. Tras o lixeirísimo incremento de 2018 (1,2% de avance, impulsado fundamentalmente polas encargas de fragatas a Navantia Ferrol), o proxecto de Orzamentos Xerais de 2019, os primeiros do goberno de Pedro Sánchez, regresan á senda descendente cun 19% menos que no ano previo, quedando en 757 millóns.

Co Eixo Atlántico de Alta Velocidade xa rematado -desta volta consígnanse 27 millóns para melloras técnicas- as millonarias partidas do AVE que vén da Meseta están chegando á súa fin, como as propias obras. A partida máis cuantiosa é de 246 millóns de euros para traballos na provincia de Ourense que, segundo consta nas propias contas, en anos vindeiros irá diminuíndo polo remate da construción. Restará, daquela, o treito final de Taboadela á cidade de Ourense. Alén do AVE, quedan pendentes obras xa en marcha e notablemente avanzadas como a autovía Santiago-Lugo, que acumula máis de dúas décadas, e mais proxectos de contías económicas moito menores.

Non se albisca, cando menos de momento, ningún proxecto novo que vaia acadar, nin de lonxe, os custos das obras do AVE

Non se albisca daquela, cando menos polo momento, ningún proxecto novo que vaia acadar nin de lonxe os custos que trouxeron consigo as obras das liñas de alta velocidade do Eixo Atlántico e a Madrid. Sen obras novas de relevancia será difícil, cando menos a curto prazo, que o Goberno de España poida gabarse de incrementos exponenciais do investimento previsto para Galicia. É neste punto onde as interpretacións políticas difiren nun contexto marcado por tratarse das primeiras contas tras a moción de censura que desbancou o Goberno do PP que presidía Mariano Rajoy.

O PP teoriza que os cartos galegos van ao "separatismo" catalán

A agardada baixada do investimento previsto polo Goberno de España para Galicia foi recibida ruidosamente no seo do PP. O argumentario do partido que sustenta o Executivo galego pasa por afirmar que o gabinete de Pedro Sánchez retirou fondos a Galicia para outorgarllos aos "separatistas", en verbas do presidente da Xunta, quen se laia adicionalmente de que o Goberno do PSOE non destine fondos a proxectos que levan anos desbotados pola vía dos feitos, tales como a extensión do Eixo Atlántico de Alta Velocidade ata Ferrol ou a conexión por AVE de Ourense a Vigo por Cerdedo, que leva lustros a vagar en forma de estudos polas contas estatais, algo que se repite neste 2019.

En sucesivas comparecencias en diversas localidades galegas cargos do PP reiteraron a mesma liña. “Mentres os investimentos en Cataluña medran máis dun 50%, Galicia sufre un recortazo do 19%", criticou o deputado no Congreso Celso Delgado, que como a cúpula do PPdeG carga canto contra o Goberno do PSOE como contra os cinco representantes de En Marea no Congreso. "É unha afronta das mareas de Podemos, que dixeron que ían negociar unha axenda galega para apoiar estes Orzamentos”, conclúe Delgado.

Feijóo, este 15 de xaneiro anunciando o acordo da Xunta con CC.OO. e UGT en materia de emprego público CC-BY-SA Xunta

En Marea di estar "moi lonxe" do voto a prol

En Marea, precisamente, detallou este martes a súa postura ao respecto tras as críticas iniciais do propio luns. "Dicímoslle a Pedro Sánchez: así, non", asegura a deputada Yolanda Díaz, voceira da formación no Congreso durante o primeiro semestre do ano. Segundo Díaz, os cinco votos de En Marea, integrada no grupo de Unidos Podemos, están "moi lonxe de dar aprobación a estes Orzamentos" se non existen incrementos "para Galicia".

"Cunha redución do 20% a un orzamento que o PP xa rebaixara é inasumible que En marea dea un si aos Orzamentos"

"Cunha redución do 20% a un orzamento que o PP xa rebaixara substancialmente é inasumible que En Marea dea un si a estes Orzamentos", asegura Díaz, quen afirma ter "vontade clara de negociar" durante o trámite parlamentario. Dende o Parlamento galego, pola súa banda, Luís Villares foi alén na crítica para cualificar o proxecto orzamentario de "aldraxe". "Non contarán co apoio de En Marea se non levan a cabo unha profunda modificación", asegura Villares, quen sinala entre as eivas das contas a ausencia da "conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña" ou a "ausencia total de proxectos de proximidade" no tren galego.

Yolanda Díaz e Luís Villares, valorando os orzamentos do Estado para 2019 CC-BY-SA En Marea

PSOE e Goberno central poñen o foco na "prioridade social"

Como nas horas posteriores á presentación do proxecto orzamentario, tanto o PSdeG a nivel orgánico como o propio Goberno central chamaron a poñer o foco alén dos investimentos territorializados e ter en conta tamén a "prioridade social" que, en verbas de Gonzalo Caballero, traen consigo estes Orzamentos en eidos como o salario do persoal público, as pensións ou as bolsas.

Caballero admite que "todo é mellorable", pero ve garantido o AVE e pon o foco no "investimento sen precedentes" das fragatas nos estaleiros ferroláns

No que atinxe ao investimento galego especificamente Caballero admite que "todo é mellorable" e "hai marxe para traballar" porque "queremos os mellores presupostos para Galicia". Non obstante, advirte o "compromiso" coas conclusión das obras en marcha é "claro" e o proxecto ratifica ademais o "investimento sen precedentes na historia de Galicia para construír sete fragatas no estaleiro público de Ferrol, co que se crearán 7.000 empregos".

Gonzalo Caballero, en Miño, e Javier Losada, valorando os Orzamentos do Estado para 2019 CC-BY-NC-SA PSdeG / Goberno de España

O matiz social foi tamén o centro dos argumentos do delegado do Goberno central en Galicia para defender un proxecto orzamentario "para as persoas". A xuízo de Losada, cómpre ter en conta non só o investimento previsto, senón tamén o financiamento que chegará á Xunta procedente das arcas estatais. Así a cifra "suma 8.500 millóns de euros, 207 máis que en 2018", salienta. No que atinxe ás obras, asegura, o Orzamento de Sánchez está marcado polo "realismo", mentres que "nos últimos 5 anos os gobernos do PP deixaron sen executar en Galicia máis de 2.000 millóns" que incluíran cada ano nas súas contas.

Ana Pontón, valorando o proxecto orzamentario en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

O BNG ve "demostrado" que "as forzas estatais son inútiles" para os intereses galegos

Pontón insta a comparar as cantidades de 2019 coas de hai unha década, "cando o BNG condicionou os Orzamentos do Estado"

Fronte ás declaracións dos gobernos galego e español e das forzas con representación no Congreso, dende o BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, ve "demostrado", unha vez examinado o proxecto, que "as forzas estatais son inútiles á hora de defender os intereses de Galiza e proban a irrelevancia política á que conducen este país". A xuízo da líder soberanista o "escarnio" é maior porque "se trata dunhas contas expansivas", polo que quedar en 750 millóns "é intolerable, unha tomadura de pelo".

Pontón chama a comparar as actuais magnitudes coas dos anos en que o Bloque "condicionou os orzamentos do Estado" mediante a súa representación no Congreso, en tempos de Zapatero. Daquela "os investimentos chegaron a superar os 2.000 millóns", subliña. Unha vez coñecidas estas cifras, advirte, cómpre "facer os deberes" e olla directamente cara a En Marea para que "se os orzamentos lles parecen tan malos no relativo a Galiza, presenten unha emenda de devolución e negocien, de verdade, unha axenda galega".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.