Dependencia, vivenda e obras, maiores subas do orzamento clave na continuidade do Goberno do PSOE

Unha persoa en situación de dependencia recibindo rehabilitación CC-BY-NC-SA PSdeG

As tres partidas de gasto que máis medran no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2019 son, por esta orde, Dependencia (59%), Vivenda (41%) e Infraestruturas (39%). O proxecto aprobado este venres polo Consello de Ministros, clave para a supervivencia política do Goberno do PSOE que preside Pedro Sánchez e cun xogo de apoios absolutamente incerto, é un orzamento expansivo no que o gasto do Estado central - o xestionado polos ministerios, sen contar empresas públicas e outras entidades- consolidado sobe un 3,1%, até os 365.520 millóns de euros. O conxunto do gasto orzamentario -por exemplo con gastos de persoal- elévase ata os 472.660 millóns de euros, un 5,1% máis.

O luns, coa entrega do proxecto ao Congreso, será público o investimento territorializado, que no caso galego previsiblemente volverá baixar polo remate das grandes achegas para as obras do AVE

Outra volta, as pensións levan máis de catro de cada dez euros (153.864 millóns, un 6,2% máis que o ano pasado). Como adoito, é o maior desembolso. Así se desprende dos datos resumidos proporcionados pola ministra portavoz e as titulares de Economía e Facenda tras a aprobación do proxecto. Os detalles, no entanto, non se coñecerán ata o vindeiro luns, cando o texto chegará ao Congreso dos Deputados. Será daquela cando se coñeza tamén o investimento territorializado, que no caso galego previsiblemente continuará baixando, como nos anos previos, pola fin das grandes partidas para as obras do AVE, a piques de rematar.

Alén das competencias transferidas e, daquelas, residuais no cómputo estatal -educación sobe un 5,9%, ata os 2.722 millóns e sanidade, un 1,7%, ata os 2.037-, no proxecto exposto polo Goberno de Sánchez este venres destaca o crecemento do Sistema para a Autonomía e a Atención da Dependencia, un eido no que a débeda estatal coas autonomías é avultada e que crece un 59%, ata os 2.232 millóns. Na liña do acordado polo Executivo con Unidos Podemos, este incremento é de 831 millóns e responde a elementos como a recuperación da cotización á Seguridade Social a cargo do Estado dos familiares coidadores de dependentes e a elevación do diñeiro destinado aos recursos (tanto no nivel mínimo como no acordado, segundo di o acordo).

O orzamento de dependencia prevé recuperar a cotización á Seguridade Social dos familiares coidadores de persoas dependentes

Vivenda e infraestruturas

A seguinte maior suba tras a dependencia é a da área de vivenda. Elévase a súa asignación un 41%, tamén na liña do pacto orzamentario rubricado por Sánchez e Iglesias en outubro do pasado ano. Naquel documento a suba pactada era de 630 millóns e finalmente contan 679 millóns máis. A resistencia do Goberno a limitar os prezos do alugueiro dificulta, no entanto, que Unidos Podemos vote a prol do proxecto orzamentario, segundo advertiu nos últimos días a súa voceira Irene Montero.

O gasto en infraestruturas é o terceiro que máis crece. Neste caso, un 39,9%, até os 7.572 millóns de euros. Neste eido encádranse, por exemplo, os arredor de 2.500 millóns previstos para estradas pola vía público-privada ou os investimentos ferroviarios. Os fondos destinados Galicia, tanto do ministerio como de Adif ou Renfe, coñeceranse coa entrega do proxecto ao Congreso.

A fin das grandes achegas para as obras do AVE, a piques de rematar, implicará previsiblemente unha nova caída do investimento previsto en Galicia CC-BY-SA David Gubler

Novos ingresos por impostos

Pola banda dos ingresos o Executivo central estima en 5.654 millóns de euros a achega ás arcas públicas das novas medidas en materia de impostos que xa avanzara. Segundo as súas estimacións, o maior volume de novos ingresos vai chegar coa reforma do Imposto de Sociedades. Esta proposta limita as exencións fiscais e fixa un novo tipo mínimo do 15% para as grandes empresas e do 18% para a banca e as empresas de hidrocarburos. Con iso, prevé ingresar 1.776 millóns de euros máis.

O proxecto prevé 1.776 millóns máis coa reforma do Imposto de Sociedades

A outra gran medida coa que o Executivo prevé unha maior achega dentro das súas novas medidas atópase o imposto sobre determinados servizos dixitais, coñecido popularmente como a Taxa Google. Con esta, o Goberno prevé uns ingresos para 2019 de 1.200 millóns de euros. O anteproxecto de lei deste orzamento contemplaba un gravame do 3% sobre a publicidade, a intermediación e a venda de datos dos usuarios en empresas cunha facturación de máis de 750 millóns e de polo menos 3 millóns en España.

A ministra portavoz (centro) e as titulares de Facenda e Economía, presentando o proxecto orzamentario de 2019 © PSOE

No lado oposto sitúanse as rebaixas fiscais que anunciou o Goberno. Estas medidas suporán unha diminución nos ingresos duns 337 millóns de euros. Neste apartado encádranse a rebaixa do imposto de Sociedades nas PEMES, que suporá uns 260 millóns; e a rebaixa do IVE nos servizos veterinarios (35 millóns), os produtos de hixiene feminina (18 millóns) e os libros electrónicos (24 millóns).

Os Orzamentos aprobados no Consello de Ministros inclúen a anunciada rebaixa do IVE para os produtos de hixiene feminina, os servizos veterinarios e os libros electrónicos

Entre o resto de medidas, destacan os 850 millóns de euros que prevé ingresar o Goberno co imposto de transaccións financeiras, que grava a compravenda de accións de empresas españolas cotizadas cun valor de máis de 1.000 millóns de euros. Ademais, prevé uns ingresos de 670 millóns coas novas medidas de fiscalidade verde, que irá destinado a novas políticas de mobilidade. Estes orzamentos inclúen un gravame de 3,8 céntimos por litro. Ademais, prevé captar 500 millóns coa adopción de novas ferramentas de loita contra a fraude.

O plan orzamentario inclúe tamén o aumento do imposto sobre a renda, o IRPF, en dous puntos cando os ingresos superen os 130.000 euros e en catro puntos cando se traspase a barreira dos 300.000 euros. Con iso, o Goberno conta con ingresar 328 millóns de euros. As outras medidas fiscais contempladas inclúen un aumento do imposto sobre o patrimonio, co que captar 339 millóns de euros. Outros 218 millóns procederían da nova limitación aos pagos en efectivo, que se limita aos 1.000 euros, e outros 110 millóns polo reforzo da lista de morosos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.