O investimento do Estado en Galicia segue no nivel máis baixo en 15 anos pola fin das grandes achegas ao AVE

Rajoy, Feijóo e De la Serna, co delegado do Goberno central en Galicia e o presidente do Parlamento Dominio Público Xunta

Por segundo ano en abril, pero co horizonte político máis anubrado e, no caso galego, sen apenas novos proxectos de relevancia mentres as grandes inxeccións para a construción do AVE a Madrid van chegando á súa fin. Este é o horizonte co que o Ministerio de Facenda entregou este martes no Congreso o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2018. O proxecto económico comeza un trámite parlamentario de resultado máis que incerto para o que o PP non ten garantidos apoios dabondo e que trae consigo un investimento real previsto para Galicia de 936,79 millóns de euros, un 1,2% máis que en 2017 ou, o que é o mesmo, a segunda menor suba entre as 15 autonomías nas que aumenta.

Esa previsión mantén a achega do Goberno de España para actuacións en Galicia nos niveis máis baixos dos últimos quince anos e a razón non é outra que a ausencia de novos proxectos cunha dotación tan relevante como a absorbida pola liña de alta velocidade ferroviaria en construción. Así, os cadros orzamentarios auguran un panorama no que estas obras irán perdendo peso mentres Defensa se consolida como o segundo ministerio con máis previsión investidora en Galicia por mor das encargas de fragatas a Navantia.

O AVE, cuxa liña cara á Meseta está nas súas últimas fases de construción e polo tanto require xa menos gasto, recibe a metade do investimento total en Galicia

Deste xeito, a metade dos 936 millóns de investimento directo en Galicia previstos para 2018 irá destinado á construción do AVE, fundamentalmente a rematar a liña entre Galicia e a Meseta, que leva 406 millóns na provincia de Ourense aos que hai que engadir outros 184 millóns na de Zamora. Na súa programación plurianual, os orzamentos reflicten como o groso desa actuación está xa nas súas últimas fases, de xeito que para 2019 a previsión de investimento na provincia de Ourense é de 62 millóns, cifra que cae a 20 millóns para 2020, ano en que xa tería que estar en servizo o tren rápido. Pero esas son as contías para a obra que xa está en marcha, que levará a liña de alta velocidade ata Taboadela, a uns 14 quilómetros de Ourense. Ese último treito de alta velocidade ata a cidade, cuxa demora obrigará durante varios anos a que os AVE teñan que empregar a actual vía convencional, aínda está en fase de estudos previos e o groso do investimento para a súa construción non comeza a consignarse ata 2019, con 35 millóns, para aumentar en 2020 a 228 millóns.

Ao igual que ocorre con esa variante entre Taboadela e Ourense, non será ata que se remate o corpo principal da liña entre Zamora e Taboadela, en 2020, que Fomento prevé avanzar tamén coa longamente adiada liña entre Ourense en Vigo por Cerdedo, que en privado moitos políticos de todos os partidos consideran que non se debe executar polo seu elevado custo (máis de 2.000 millóns de euros) pero que en público  seguen a considerar necesaria. Tamén terá que agardar a mellora do tren a Lugo, cuxa electrificación conta para 2018 cun millón de euros adiándose o groso do investimento a 2021. E o mesmo ocorre coa mellora do obsoleto Feve na costa norte galega, que en 2018 recibirá menos de 2 millóns de euros de investimento.

Fomento garantiu en xaneiro, desmentindo á Xunta, que o groso do investimento no AVE galego está garantido aínda que non se aproben os orzamentos do Estado

A gran maioría destes investimentos ferroviarios, como salientou hai unhas semanas o propio Ministerio de Fomento, están garantidos aínda que non se aproben os Orzamentos do Estado xa que Adif, a empresa pública que os acomete, conta cos seus propios recursos extraorzamentarios. Non sucede o mesmo co resto de investimentos anunciados tanto por Fomento como polo resto de ministerios, condicionados á aprobación destas contas, feito que o PP está a aproveitar para criticar a negativa da oposición a apoialas. Pero por outra banda, que aparezan agora consignadas estas contías e se cheguen a aprobar as contas non garante que ese sexa o gasto que en efecto se realice, xa que é habitual que as administracións deixen sen executar boa parte do orzamentado para cada ano.

Á marxe do investimento en materia ferroviaria canalizado a través de Adif, Fomento consigna para Galicia 184 millóns de euros, fundamentalmente para estradas. Entre elas o groso vai destinado a avanzar fundamentalmente coa Autovía Santiago-Lugo (A-54) que recibirá 47 millóns de euros. Do resto de autovías interurbanas, chama a atención que, malia que para este ano non consigna máis que medio millón de euros, Fomento prevé para un ano máis tarde un investimento de relevancia, superior aos 10 millóns, para iniciar a prolongación da A-8 pola Mariña lucense a través da nova A-74 cara ao porto de San Cibrao.

Os orzamentos deste ano parecen centrarse no inicio de diversas actuacións de menor importe que as grandes autovías interurbanas pero de maior importancia para a mellora da mobilidade por estrada nas contornas metropolitanas

Pero os orzamentos deste ano parecen centrarse máis no inicio de diversas actuacións de menor importe pero de maior importancia para a mellora da mobilidade por estrada nas contornas metropolitanas. Así, en Vigo prevense 1,8 millóns para a mellora da avenida de Madrid; na Coruña 3 millóns para o inicio da conexión entre a Terceira Rolda e a AP-9 e outro tanto para a mellora da avenida de Alfonso Molina; en Pontevedra un millón para a remodelación do nó norte da cidade xunto ao parque de bombeiros, que un ano máis tarde prevé recibir outros 6 millóns; en Santiago 8 millóns para o enlace orbital e outros 4 para o acceso á Cidade da Cultura; mentres que en Ourense o primeiro treito da súa circunvalación arrancaría con 2,5 millóns. Porén, a agora anunciada prolongación da A-52 do Porriño ata Vigo recibirá fondos só para novos estudos previos e as súas obras non comezarían ata 2020, segundo a programación orzamentaria plurianual.

Sen saír do Ministerio de Fomento, en materia aeroportuaria os investimentos non chegarán aos 20 millóns de euros, fundamentalmente para actuacións menores de mantemento despois de que as tres terminais galegas veñan de ser completamente renovadas nos últimos anos. En materia portuaria, o Porto Exterior da Coruña seguirá a ser o principal destinatario dos investimentos en Galicia, cuns 30 millóns, mentres que o porto de Vigo centrará as súas actuacións no seu Porto Seco de Salvaterra-As Neves (Plisan), que recibirá 13 millóns, e o de Ferrol avanzará coa construción do seu acceso ferroviario cuns 24 millóns.

Defensa, coa construción de novas fragatas, supera a Medio Ambiente como segundo ministerio máis investidor en Galicia

Os números e proxectos debullados ata aquí son similares aos que se veñen consignando nos últimos anos, con Fomento como principal departamento investidor. Porén, este ano prodúcese o devandito cambio no segundo posto de ministerios canto a investimento en Galicia que se consolidará nos seguintes, segundo as previsións plurianuais. Ata o de agora ese posto viña correspondendo ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Medio Ambiente, debido ás demoradas obras de saneamento pendentes en Galicia. A novidade deste 2018 é que Defensa o supera, con 32,2 millóns territorializados para Galicia fronte aos 24,5 millóns que consigna Medio Ambiente. A razón do aumento do investimento en Defensa débese fundamentalmente á construción das novas fragatas F-100 e o mantemento doutros buques militares xa existentes, cunha previsión de que en 2019 e en anos seguintes o investimento dese ministerio en Galicia supere cada exercicio os 80 millóns de euros, cifras que o Goberno asegura que serán superiores porque inclúen cartos agora non territorializados para Galicia.

O Goberno de España bosquexa este orzamento nun panorama xeral no que o investimento previsto para Galicia é o 9,2% do total territorializable -actuacións que atinxen a un territorio en concreto e non á estrutura estatal en xeral-. O proxecto orzamentario detalla tamén as cantidades que lle corresponden a Galicia a través dos dous fondos estatais que financian competencias da Xunta, o de suficiencia e mais o de compensación interterritorial. O primeiro, que depende de factores como a recadación de impostos en cada territorio, acada para 2018 algo máis de 584 millóns de euros e increméntase para todas as comunidades que o reciben na contorna do 4,6%. O segundo, chamado a compensar diferenzas entre territorios, cae un 4,1% con relación a 2017 e queda en algo máis de 42,5 millóns de euros.

Montoro, con Ana Pastor na entrega dos Orzamentos do Estado no Congreso © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.