Desde este mércores, a cidade da Coruña conta cunha nova plataforma de baño flotante na zona do Parrote. A instalación, á que se accede mediante unha pasarela, conta con dúas piscinas de auga de mar —unha para persoas adultas de 25 metros de lonxitude e outra máis pequena para os cativos—, áreas de descanso e bancadas.
O espazo pretende, como destacou a conselleira de Vivenda, María M. Allegue, na súa inauguración, dotar a esta tradicional zona de lecer da cidade doutro espazo para o deporte e o encontro social que "suporá un revulsivo e un novo atractivo turístico". "Seguindo a estela de actuacións similares en París, Berlín ou Aarhus, en Dinamarca", dixo.
Cun investimento total de 3,1 millóns de euros, dos que a Xunta achegou 2,9, a piscina flotante do Parrote chega dous anos e medio despois de que fose prometida polo Executivo autonómico. A comezos de abril de 2022, cando a Xunta desprazara á Coruña un dos últimos Consellos de goberno con Feijóo como presidente, a poucos días da súa dimisión e da súa marcha a Madrid para liderar o PP a nivel estatal.
A Xunta inaugura en outono a plataforma para o baño que Feijóo prometera para o verán de 2023
Daquela, entre diferentes anuncios para a cidade e a comarca, Feijóo lanzou a promesa de dúas actuacións estrela: unha plataforma para o baño na zona portuaria do Parrote e unha pasarela peonil que uniría a urbe con Santa Cristina, en Oleiros, na outra beira da entrada da ría do Burgo. Un ano despois, o proxecto para a ponte xa fora descartado pola Xunta e o da estrutura flotante, previsto para 2023, foi aprazado ata, como mínimo, o verán de 2024.
Tampouco foi naquela tempada estival. Nin na deste ano, senón no outono. Inaugurada nun día pouco propicio para o baño, a plataforma tivo un proceso de execución "laborioso e visualmente moi atractivo", segundo a conselleira Allegue, que destacou que os doce pantaláns de formigón que conforman a estrutura foron prefabricados en taller, en Malpica, e tiveron que ser trasladados por transporte especial por estrada para logo ser ancorados sobre os mortos instalados no fondo marítimo.
O resultado final da plataforma ten pouco que ver coa recreación que a Xunta publicitara en 2022, aínda que o resultado foi destacado polos presentes á súa inauguración, entre eles tamén o tenente de alcalde da Coruña, José Manuel Lage Tuñas, ou o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado.
Un edificio pendente
Precisamente, será o Porto quen establecerá os horarios e réxime de funcionamento. Polo momento, fóra da tempada de socorrismo o baño realizarase baixo responsabilidade das persoas usuarias nunha zona que permanecerá pechada durante as noites por seguridade.
A estrutura, con todo, aínda non está completa. Falta aínda a adxudicación do edificio que contará con vestiarios, zona de hostalería e almacén e que será instalado nunha superficie xa preparada na plataforma. A obra será acometida pola Autoridade Portuaria.