Os populares introducen unha "moratoria" mentres o Goberno galego non aprobe "unha planificación propia" que veu obviando ata agora
Hai meses que se veñen espallando por concellos do rural as protestas contra diversos proxectos de plantas de biogás que se están a tramitar ante a Xunta por todo o país. Alcaldes e grupos municipais do PP están a unirse tamén a ese rexeitamento e agora, a seis meses das eleccións municipais, os populares anuncian unha moratoria de novas plantas durante dous anos mentres o Goberno galego elabora unha planificación propia dese tipo de instalacións, obviada ata o momento. Un anuncio que implica que o PPdeG corrixa a última hora expresamente os Orzamentos para o ano próximo que a Xunta entregou ao Parlamento hai unhas semanas.
Vén sendo habitual que a Xunta aproveite a tramitación dos seus Orzamentos de cada ano para aprobar unha lei de acompañamento coa que muda todo tipo de normas previas aínda que non teñan relación coas contas públicas. Ademais, despois tamén vén sendo habitual que o PPdeG emende no Parlamento a última hora esas leis de acompañamento non só para corrixir o que o Goberno galego propuña nelas senón mesmo para introducir cuestións completamente novas ás que a oposición xa non pode alegar. Nesas emendas do PPdeG aos Orzamentos da Xunta é onde se vai incluír a moratoria ás novas plantas de biogás.
Segundo anunciou este venres o viceportavoz terceiro do grupo parlamentario do PPdeG, Roberto Rodríguez, entre as emendas populares á lei de acompañamento da Xunta está a moratoria "dun máximo de dous anos, de todos os procedementos necesarios para poder autorizar novas plantas de biogás que realicen operacións de tratamento de residuos".
Segundo os populares, "esta suspensión aplicarase mentres a Xunta non elabore e aprobe unha planificación propia e específica destas instalacións, no marco do Plan de Residuos Industriais de Galicia, que ordene onde, como e baixo que requisitos ambientais e territoriais se poden implantar".
"O aproveitamento do biogás é unha oportunidade para tratar residuos orgánicos de xeito sostible e producir enerxía renovable", dixo Rodríguez, pero engadiu que o seu desenvolvemento ten que facerse "con sentido común, de maneira ordenada e equilibrada co territorio". Non explicou por que non se fixo así ata agora.
Da moratoria estarán excluídas as plantas ligadas a unha soa explotación que traten exclusivamente os seus propios residuos
Segundo o PP, "en termos prácticos, a moratoria afectará, tamén, ás ampliacións importantes das instalacións existentes e aos expedientes xa en tramitación sen aprobación definitiva, detendo o procedemento sen que as empresas perdan as xestións xa avanzadas". "A suspensión levantarase en canto se aprobe o referido plan ou ao cumprirse o prazo máximo de dous anos", matiza.
Roberto Rodríguez explicou que a medida contempla unicamente dúas excepcións: "as pequenas plantas ligadas a unha explotación agraria ou gandeira que traten exclusivamente os seus propios residuos, e as instalacións imprescindibles para o servizo público de xestión de residuos urbanos ou de depuración de augas residuais".
O PPdeG tamén avanzou, á espera de coñecerse a súa concreción textual, que as súas emendas á Xunta inclúen "novas facilidades para poñer en marcha vivenda pública e protexida coa máxima celeridade; para adaptar a lexislación galega á normativa europea de simplificación administrativa; e, tamén, para axustar a Lei de taxas de Portos de Galicia á singularidade do sector profesional pesqueiro e náutico recreativo".