Aumenta a presión veciñal na Limia contra a planta de biogás de ENCE

Recollida de sinaturas contra a planta de biogás prevista en Xunqueira de Ambía © Macroplanta de Biogás na Límia Non

Macroplanta Biogás na Limia NON rexistrou este luns máis de 1.600 alegacións contra o proxecto nas oficinas da Subdelegación do Goberno e do concello de Xunqueira de Ambía

Macroplanta Biogás na Limia NON, a plataforma que organiza a oposición veciñal á instalación en Xunqueira de Ambía dunha industria de produción de combustible a partir de residuos, rexistrou este luns máis de 1.600 alegacións contra o proxecto nas oficinas da Subdelegación do Goberno e do concello de Xunqueira de Ambía.

A entidade denuncia que o proxecto que impulsa ENCE "presenta graves riscos para a conservación da fauna e da flora da zona da Lagoa de Antela hoxe protexida dentro da Rede Natura, ademais de graves prexuízos para a saúde e a vida das veciñas nas localidades próximas á macroinstalación".

Entre os impactos do proxecto, o colectivo alerta dos cheiros que emiten este tipo de instalacións -que están a ser fortemente contestadas en diferentes lugares do Estado-, do enorme volume de residuos a tratar (166.000 toneladas/ano) e dos vertidos ás augas nunha área inundable e nunha comarca de augas contaminadas por nitratos que ten pendente a declaración de Zona Vulnerable.

Emprazamento da planta de biogás de Xunqueira de Ambía, nas proximidades da A-52 CC-BY-SA Praza Pública

A entidade denuncia que o proxecto que impulsa ENCE "presenta graves riscos para a conservación da fauna e da flora da zona da Lagoa de Antela hoxe protexida dentro da Rede Natura, ademais de graves prexuízos para a saúde e a vida das veciñas nas localidades próximas á macroinstalación"

A entidade denuncia que ENCE pretende instalar esta macroplanta en parcelas lindeiras con Rede Natura, xunto á Zona de Especial Protección de Avifauna (ZEPA) da Limia, e a menos de quilómetro e medio de núcleos de poboación "co conseguinte risco para a fauna e as augas e a saúde das persoas".

A plataforma destaca que os escritos de oposición ao proxecto "superan xa aos recollidos durante toda a campaña do primeiro proceso de participación pública entre outubro e novembro, e evidencian que a alarma social aumentou na medida en que a sociedade civil foise organizando para cubrir o baleiro de información ao redor do plan de ENCE".

Trátase dunha planta de biogás impulsada na Limia por unha filial de Ence, Biofertilizantes Xunqueira de Ambía SL., e cuxa tramitación iniciou a comezos de outubro a Consellaría de Medio Ambiente. A documentación xustificativa do proxecto que someteu a información pública incluía datos ambientais para outra planta de biogás impulsada tamén por Ence en Zamora, no municipio de Santovenia, a 200 quilómetros de distancia. Semanas despois, a empresa presentou a documentación corrixida.

Entrega de alegacións no rexistro do Concello de Xunqueira de Ambía © Macroplanta Biogás na Limia NON

Entre os impactos do proxecto, o colectivo alerta dos cheiros que emiten este tipo de instalacións, do enorme volume de residuos a tratar e dos vertidos ás augas nunha área inundable e nunha comarca de augas contaminadas por nitratos que ten pendente a declaración de Zona Vulnerable

A plataforma denuncia que "fronte a presión veciñal", o goberno municipal do Concello de Xunqueira de Ambía vén de publicar un escrito de alegacións "que non discute a viabilidade ambiental e social da macroplanta nin reclama a denegación dos permisos para a súa instalación tendo en conta a gravidade dos impactos previstos", especialmente o enclave da marcroplanta (incluído un polígono fotovoltaico) no linde da ZEPA e a invasión da área protexida por infraestruturas de servizo.

Macroplanta Biogás na Limia NON informará nos próximos días de novas accións informativas durante as tres semanas que restan para o remate do prazo de presentación de alegacións, e lembra que se seguirán recibindo escritos de oposición nos 31 puntos habilitados en nove concellos contra o proxecto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.