O TSXG sentencia que a contaminación no encoro limiao é produto da "inactividade" do Goberno galego e da Confederación Miño-Sil, obrígaas a "garantir o abastecemento de auga potable limpa, segura e libre de microorganismos" e a indemnizar a veciñanza afectada
A pasada primavera a Asociación de veciños das Conchas e a Federación de consumidores e usuarios CECU presentaron unha denuncia por vulneración de dereitos fundamentais ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a causa da contaminación por "nitratos, nitritos e bacterias" da auga no encoro das Conchas, na Limia, derivada da "intensísima carga gandeira" de explotacións porcinas e aviarias. Ou, como resume agora o alto tribunal galego para darlles a razón nunha sentenza histórica, a causa das "macrogranxas".
O ditame da Sala do Contencioso-Administrativo do alto tribunal galego, datado neste 11 de xullo, declara "a vulneración dos dereitos fundamentais", "dereito á vida" e "na súa relación co dereito á intimidade e á inviolabilidade do domicilio" e "á propiedade privada" en ligazón co "goce da auga" e "do medio ambiente saudable". "Dita vulneración -sentencia- está provocada pola inactividade" da Xunta e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil -dependente do Goberno de España-, que "malia coñeceren a situación e estaren legalmente obrigadas, non foron quen de poñer remedio ningún". Ambas recoñeceron a contaminación, pero sen "admitir responsabilidade propia".
Con esta argumentación o TSXG condena ambas administracións a "adoptar inmediatamente cantas medidas sexan necesarias para que cesen os cheiros e a degradación ambiental do encoro das Conchas e a súa contorna". Deben, advirte, "devolverlles o pleno goce dos dereitos fundamentais" que foron vulnerados nunha sentenza que deixa á marxe das responsabilidades aos concellos de Bande, Os Blancos, Trasmiras Lobeiras e Muíños, contra os que tamén se dirixían as denuncias.
Prohibición de novas granxas
A sentenza impón unha "moratoria para novas licenzas" de "explotacións de porcino, vacún ou avícola" ou para "ampliar a capacidade das existentes na comarca da Limia", cando menos "ata que a situación de degradación ambiental se reverta"
Para facelo, abonda a ampla sentenza de máis dun cento de páxinas, á que tivo acceso Praza.gal, Xunta e Confederación teñen que "garantir o abastecemento de auga potable limpa, segura e libre de microorganismos e substancias químicas que constitúan unha ameaza para a saúde das persoas". Só así poderán "devolverlles o pleno goce do dereito humano á auga" á veciñanza afectada.
En concreto, o Tribunal impón unha serie de "medidas correctoras" a comezar por "unha moratoria específica para a tramitación e concesión de novas licenzas e autorización" para "explotacións gandeiras de porcino, vacún ou avícola" ou para "ampliar a capacidade das existentes na comarca da Limia". Cando menos "ata que a situación de degradación ambiental se reverta".
Asemade, terán que impulsar "cantos estudos e programas resulten necesarios para determinar o alcance da contaminación ambiental denunciada" e "atallala inmediatamente". Eses traballos, advirte a Sala, deben "incluír estudos epidemiolóxicos para a observación da frecuencia e distribución de enfermidades asociadas á contaminación ambiental nas comarcas da Baixa Limia"
A condena obriga ao control "permanente" das augas e esixe "estudos para determinar o alcance da contaminación", incluíndo análises sobre a "frecuencia de enfermidades asociadas á contaminación ambiental nas comarcas da Baixa Limia"
En paralelo, a sentenza establece que os gobernos activen "mecanismos eficaces e efectivos" para "prohibir o uso da auga" do encoro para o baño, a pesca e calquera actividade recreativa "en caso de que non sexa apta" pola contaminación. No que atinxe ao consumo humano, deben activar un "sistema de monitoreo permanente", así como "controis periódicos nos pozos das vivendas" e "información puntual, clara e directa á poboación sobre calquera incidencia" que "poida comprometer a calidade da auga potable, asegurando o dereito á información e á protección da saúde".
Cando eses controis determinen que a auga da contorna non é apta para un consumo seguro, a sentenza obriga a "mecanismos de subministro alternativo" como "o uso de camións cisterna". Todo isto, agrega, terán que facelo Xunta e CHMS establecendo "os mecanismos de coordinación" que correspondan para "realizar análises da calidade da auga" e "adoptar medidas correctivas de calidade da auga" sen esperar a momentos críticos.
Ademais, seis das sete persoas que denunciaron este caso deberán ser indemnizadas pola Xunta e o Estado "dende a data da reclamación inicial" con mil euros mensuais ata un máximo de 30.000 euros. É a compensación que o Tribunal estima para persoas que viven nunha "situación grave en relación co goce da vida diaria, presenza de mal cheiro, perigo de aerosois, contaminación de pozos privados ata niveis que os fan inútiles para o seu uso, perda de valor da propiedade" e "perigo potencial para a saúde moi grave". Para unha sétima recorrente, que vive lonxe do lugar, fixa o máximo en 6.000 euros polo "dano moral" que lle causa a "preocupación constante" polos seus familiares, que si residen na contorna contaminada. Contra esta sentenza cabe recurso de casación.