A Xunta admite "importante saturación" de granxas na Limia "que poden afectar á calidade das augas" pero segue autorizándoas

Zona de Trasmiras na que a Xunta autoriza unha nova granxa de 614 cabezas de gando vacún e documento no que admite a "importante saturación" da comarca CC-BY-SA Praza Pública

Medio Ambiente autoriza unha explotación de 614 xatos sen citar posibles efectos acumulativos dous anos despois de que o TSXG anulase un permiso outorgado "prescindindo do resto de granxas existentes" e dos seus "impactos acumulativos"

Na Limia hai anos que as numerosas explotacións gandeiras de todo tipo alí existentes están no foco pola contaminación que se vén rexistrando nas augas por nitratos, un dos residuos que deixan os xurros ou excrementos animais. Agora, a propia Xunta admite que "a zona presenta unha importante saturación de instalacións gandeiras que poden afectar á calidade das augas". Porén, faino nunha resolución na que autoriza unha nova granxa de gran tamaño, de 614 xatos, sen detallar se analizou os seus impactos acumulativos ou sinérxicos coas explotacións xa existentes na zona.

Autorización ambiental da Xunta dunha nova explotación de 614 cabezas de gando vacún na Limia CC-BY-SA Praza Pública

A explotación agora autorizada, no concello de Trasmiras, a carón da autovía A-52 das Rías Baixas, prevé xerar ao ano 2.241 toneladas de esterco e 45 metros cúbicos de "lixivias do esterco". Estes xurros serán esparexidos en parcelas de cultivo da propia explotación.

A autorización da granxa por parte da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente conclúe que "non son previsibles efectos adversos significativos sobre o medio ambiente". Porén, o documento sinala, ao analizar o emprazamento do proxecto en relación coa auga, que "a zona presenta unha importante saturación de instalacións gandeiras que poden afectar á calidade das augas" e fixa diversos condicionantes e controis anuais da calidade das augas.

Hai dous anos o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou outro permiso da Xunta para a ampliación dunha granxa de Rairiz de Veiga de 23.000 a 48.000 pitos sinalando que vía "paradoxal que nunha área na que existen múltiples instalacións deste tipo” non se valorase o efecto acumulativo das mesmas, “non podendo ser valorado un proxecto de impacto ambiental individualizado como o que agora se pretende prescindindo do resto de granxas existentes, toda vez que estamos referíndonos a impactos acumulativos”.

A Xunta xustifica que "a actividade a desenvolver nas instalacións é común na zona e se integra dentro da dinámica económica da comarca da Limia"

Agora a resolución emitida por Medio Ambiente autorizando esta nova granxa para 614 xatos nada di de efectos sinérxicos ou acumulativos. O documento limítase a sinalar que "a actividade a desenvolver nas instalacións é común na zona e se integra dentro da dinámica económica da comarca da Limia". A expresión de todo o informe que máis pode asimilarse a unha avaliación do impacto acumulado sería esta: "Segundo informa a Dirección Xeral de Patrimonio Natural o proxecto é ambientalmente viable e as afeccións que podería provocar son compatibles co medio natural, incluídas aquelas xeradas pola alta carga gandeira da zona".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.