O Tribunal Superior anula o permiso ambiental que o Goberno galego outorgou a unha explotación “vinculada dentro do grupo Coren” e deixa en evidencia a súa falta de estudos sobre a contaminación agrogandeira na zona malia ser Rede Natura
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza na que anula o informe de impacto ambiental co que a Consellería de Medio Ambiente autorizou en 2019 a unha granxa de Rairiz de Veiga a duplicar a súa capacidade duns 23.000 a uns 48.000 pitos. A sentenza deixa en evidencia de novo o control ambiental da Xunta, que non só non avaliou os impactos desa ampliación na veciñanza, nas augas ou nas aves malia estar nun espazo protexido pola Rede Natura 2000 senón que tampouco ten en conta os efectos acumulativos das numerosas explotacións similares que hai na comarca da Limia nin o alcance da contaminación agrogandeira na zona tras anos de advertencias científicas.
A sentenza do TSXG emítese en resposta a un recurso contra a Xunta presentado por unha familia veciña da granxa contraria á ampliación promovida pola empresa Cavirsa Freire, SC, segundo a sentenza “titular da explotación de engorde para pitos integrada/vinculada dentro do grupo Coren”. Unha resolución xudicial que chega tras anos de denuncias sobre os efectos da gandaría intensiva na Limia e a falta de control sobre os xurros que produce.
O Tribunal admite todos os motivos de recurso tanto formais como de fondo presentados, empezando polo feito de que malia levantarse a granxa a poucos metros da vivenda non se tivese en conta aos demandantes como parte interesada no proceso administrativo para ampliar a explotación. A familia así o pediu en varias ocasións tanto á Xunta como ao Concello sen obter ningunha resposta e o TSXG considera que foron “vulnerados os dereitos que como interesados teñen os recorrentes”. Tampouco se tiveron en conta, sinala a sentenza, as alegacións citando científicos independentes formuladas pola Sociedade de Historia Natural.
O Tribunal tamén di que a documentación coa que se tramitou o informe de impacto ambiental incumpriu a lexislación ambiental ao non avaliar os efectos da ampliación da granxa sobre as augas, as aves, a emisión de partículas ou acumulativos nin se analizaron outras posibles alternativas distintas da única que presentou a empresa.
A Xunta argumentou que a ampliación da explotación suporía tamén unha mellora da súa xestión cunha redución de emisións de gases contaminantes e “un plan de xestión do xurro” para ser “valorizado en parcelas agrarias”. Porén, o tribunal salienta que “o que se pretende en dito proxecto é duplicar a produción de pitos na granxa, o que eventualmente suporá a futuro duplicar as molestias inherentes a este tipo de explotación”, e lembra que “a balsa de xurro duplícase na medida que se duplica a produción” ata chegar aos 540 metros cúbicos cada seis meses.
"Resulta cando menos paradoxal que nunha área con múltiples granxas", di o TSXG, a Xunta non valorase os "impactos acumulativos"
E nese eido deixa en evidencia a falta de visión da Xunta sobre a globalidade do sector agrogandeiro na Limia. “Resulta cando menos paradoxal que nunha área na que existen múltiples instalacións deste tipo, extremo non negado” non se valorase o efecto acumulativo das mesmas, “non podendo ser valorado un proxecto de impacto ambiental individualizado como o que agora se pretende prescindindo do resto de granxas existentes, toda vez que estamos referíndonos a impactos acumulativos”.
O propio tribunal pon o exemplo de que o xurro que se produza nunha granxa pode repartirse nunha zona máis ou menos ampla. "Pero se existen X granxas na zona ten que haber unha metodoloxía que preveña o impacto no medio”, algo que non se tivo en conta para autorizar a ampliación da granxa en cuestión.
A sentenza di que se descoñece o volume total de xurros producidos polas granxas da Limia “ou polo menos non se valora pola administración”
A sentenza sinala que se ben o xurro das aves “é un fertilizante natural de bo resultado, un uso excesivo deste tipo de esterco concentrado nunha zona determinada pode estar contribuíndo á contaminación das augas subterráneas por lixiviación de nitrato”. Malia as reiteradas denuncias ao respecto, a sentenza di que se descoñece o volume total de xurros producidos no resto de granxas da Limia “ou polo menos non se valora pola administración”.
O propio tribunal salienta estudos científicos que apuntan a que a contaminación por nitratos no río Limia “pode ser consecuencia da agricultura intensiva e actividades de granxas na zona". Isto "debera cando menos suscitar unha dúbida científica na administración que motivase a súa investigación antes de que os efectos sexan irreversibles”.
A sentenza non só evidencia que a Xunta non está a ter en conta a contaminación por nitratos na comarca da Limia á hora de autorizar novas explotacións ou ampliacións senón que nin sequera aplica o principio de cautela que ante a falta de mellores datos debera rexer as súas actuacións.
O incorrecto control da contaminación das augas por nitratos vén de facer que a UE leve a España ante a xustiza e lle reclame que sinale zonas vulnerables por ese problema en Galicia. Pola súa banda, no marco do debate sobre os efectos das macrogranxas aberto polo ministro de Consumo, Alberto Garzón, o Sindicato Labrego Galego vén de poñer o foco na Limia e os efectos sobre as augas dos xurros “da gandaría industrial sen terra” ou “intensiva”.