O Supremo tamén censurou nos últimos anos que o Goberno central eximise de avaliación ambiental a Reganosa ou aos portos de Vigo e Marín
Esta semana Praza.gal avanzou que o Tribunal Supremo vén de ratificar a anulación do plan de urbanismo de Muxía porque a Xunta o eximiu sen motivo de ser avaliado ambientalmente, como xa fixera co de Vigo. Uns días antes o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulaba a aprobación polo mesmo Goberno galego, ocultada por Feijóo, dun parque eólico en Mondoñedo fragmentado “artificialmente” para evitar que se analizase correctamente o seu impacto e no que non se contou co informe preceptivo de augas.
As dúas sentenzas volven poñer o foco sobre o xeito en que as administracións intentan evitar as análises de impacto ambiental ou prescinden de documentos preceptivos para así axilizar a aprobación de todo tipo de plans ou proxectos con efecto sobre o territorio. Un proceder que, pola contra, acaba supoñendo que anos despois a xustiza tombe eses documentos obrigando a reiniciar a súa tramitación. Cunhas ou outras características, é o que sucedeu nos últimos anos cos anteditos plans de urbanismo de Vigo e Muxía, pero tamén co de Boqueixón, así como con documentos de ordenación dos portos de Vigo e Marín ou da planta de Reganosa en Mugardos.
A lei obriga a que os plans de urbanismo ou grandes proxectos con impacto no territorio sexan avaliados ambientalmente de xeito completo, pero permite que a administración poida eximir dese procedemento completo por consideralo inviable aos plans ou proxectos nos que estime que non é previsible ningún impacto significativo ou nos que a demora na súa aprobación por realizar esa avaliación ambiental supoña máis prexuízos. Unha tramitación que a hemeroteca revela inzada de discrecionalidade e mesmo plaxios.
A lei obriga a avaliar o impacto ambiental e contempla que a administración poida establecer excepcións, pero os tribunais veñen censurando que recorren a esas excepcións sen que estea xustificado
No caso de Vigo, o plan de urbanismo foi eximido en 2008 pola Xunta bipartita de ter que someterse a unha avaliación ambiental completa argumentando que era necesario aprobalo canto antes -como acabaría facendo de xeito definitivo o Goberno de Feijóo en 2009- e evitar así demoras na ordenación da cidade que prexudicarían aínda máis ao medio ambiente. Porén, na sentenza de 2015 na que o anulou o Supremo considerou que esa presa non era tal porque o plan viña sendo tramitado desde antes da entrada en vigor en 2006 da lei que obriga a realizar a avaliación ambiental estratéxica, porque desde aquela deixáronse pasar dous anos ata considerar inviable o seu sometemento a tal procedemento e porque despois “o certo é que o plan xeral en cuestión non é aprobado definitivamente ata un ano despois de terse ditado esa resolución”.
O resultado foi que Vigo acabou tendo que iniciar a comezos deste ano a avaliación ambiental dun novo plan de urbanismo doce anos despois de que se intentase evitar ese trámite de xeito ilegal.
No caso de Muxía, en 2014 a Xunta tamén eximiu o seu plan de ter que ser avaliado ambientalmente de xeito completo e aprobouno definitivamente en 2016 con argumentos que o Supremo considera “xenéricos” para unha vila sobre a que pesan varias figuras de protección ambiental. “Ao tratarse dunha excepción á obrigada avaliación ambiental requírese a expresa e motivada xustificación ad hoc”, di o Supremo, algo que non fixo a Xunta.
En Mondoñedo, segundo o TSXG, a Xunta non valorou correctamente "elementos especialmente protexidos" cando en 2018 aprobou, ocultando Feijóo dito acordo, un parque eólico que xa leva un ano funcionando
A Xunta tampouco valorou correctamente “elementos especialmente protexidos” cando en 2018 aprobou a modificación da autorización dun parque eólico en Mondoñedo que foi dividido artificialmente para evitar a súa adecuada avaliación, segundo vén de sentenciar o TSXG. Ademais de ter impacto sobre o Camiño de Santiago, o parque foi aprobado malia que Medio Ambiente non tivo en conta “todos os informes sectoriais necesarios para valorar correctamente a incidencia ambiental da modificación proposta pola promotora”. O tribunal sinala que non se contou coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil malia que a subestación e o acceso ao parque “emprázanse na zona de protección internacional Reserva da Biosfera Terras do Miño”. A sentenza do TSXG chega cando o parque eólico xa leva un ano funcionando.
Tamén este mesmo ano Praza.gal revelou outra sentenza do Supremo que anulou outro plan de urbanismo, o de Boqueixón, porque a Xunta o aprobou en 2015 sen contar cun informe que o tribunal considera “básico”. Nese caso o Goberno galego non esixiu ao Concello, do PP, un novo documento preceptivo sobre telecomunicacións despois de que cambiase a lei ao respecto e deu por válido un informe antigo malia que o seu contido era desfavorable.
Reganosa e os portos de Vigo e Marín
A insuficiente avaliación ambiental tamén está na orixe e no fin da sucesión de ata agora cinco sentenzas do Tribunal Supremo en contra da planta de gas de Reganosa
A insuficiente avaliación ambiental tamén está na orixe e no fin da sucesión de ata agora cinco sentenzas do Tribunal Supremo en contra da planta de gas de Reganosa que está en funcionamento en Mugardos desde 2007. A primeira sentenza do Supremo, de 2012, anulou a modificación do plan de urbanismo de Mugardos coa que en 2003 se amparou o emprazamento da planta nese lugar porque foi aprobada sen que a infraestrutura contase con avaliación de impacto ambiental. Derivada daquela sentenza orixinal foron caendo outras tres tamén do Supremo contra sucesivas autorizacións posteriores da planta (do seu plan de emerxencias, da súa autorización administrativa e do seu proxecto de execución).
Tras eses reveses xudiciais, en maio de 2016 o Goberno central en funcións presidido por Mariano Rajoy intentou acelerar a legalización da planta eximíndoa de ter que someterse a unha avaliación ambiental completa para volver a obter aquelas autorizacións que viñan de ser anuladas. Unha decisión que o Supremo anulou hai un ano na que supuxo a quinta sentenza do alto tribunal contra esa instalación.
Se no caso de Vigo a Xunta argumentou urxencia para eximir o plan de urbanismo de avaliación ambiental por considerar que sería peor non contar co documento canto antes, no caso de Reganosa o Goberno central argumentou a mesma urxencia amparándose nunha suposta situación extraordinaria. Porén, na súa quinta sentenza sobre a planta o Supremo rexeitou a actuación do Goberno central dicindo que eran precisamente as súas sentenzas previas en contra da planta as que impedían que o Goberno central puidese argumentar unha situación “de imposible previsión” para xustificar saltarse o trámite ambiental
O Supremo tamén anulou os plans de usos dos portos de Marín e Vigo por non ter avaliación ambiental, no segundo caso malia ser público que o primeiro xa fora tombado pola xustiza por ese motivo
A medio camiño entre a administración estatal e a galega sitúanse os portos de interese xeral, de titularidade estatal pero cuxas presidencias son designadas pola Xunta. Nese eido tamén se pronunciou o Supremo cando en 2016 ratificou a sentenza previa da Audiencia Nacional que en 2013 anulara por non contar con avaliación ambiental o plan de usos da Autoridade Portuaria de Marín, documento que establece a organización espacial básica das infraestruturas portuarias e, con amparo nela, permite certas obras.
Aquela primeira sentenza anulando o documento de Marín por non contar con avaliación ambiental non impediu que en 2015 a Autoridade Portuaria de Vigo fixese o mesmo e aprobase tamén o seu plan de usos igualmente sen esa análise de impacto, malia que nel se incluían espazos protexidos como as proximidades das Illas Cíes, Parque Nacional, ou a enseada de San Simón, incluída na Rede Natura. O resultado foi que en xaneiro de 2019 o Supremo anulaba tamén o plan de usos do porto de Vigo, que tivo que elaborar un novo e sometelo este ano, agora si, á avaliación ambiental que evitou hai cinco. Malia ao ocorrido, a Autoridade Portuaria de Vigo volveu intentar o pasado ano que outra actuación súa, no espazo protexido da enseada de San Simón, fose tamén eximida de avaliación ambiental completa. Desta volta non o conseguiu.