O alto tribunal invalida a decisión do Goberno central daquela en funcións de eximir a planta de Mugardos dunha avaliación ambiental completa
En marzo e abril de 2016 o Tribunal Supremo pronunciouse por dúas veces contra dúas autorizacións administrativas do Goberno central coas que en 2003 e 2004 facilitara a construción da planta de gas de Reganosa en Mugardos. Poucas semanas despois, en maio daquel mesmo 2016, o Goberno central en funcións presidido por Mariano Rajoy intentaba acelerar a legalización da planta, que está en funcionamento desde 2007, eximíndoa de ter que someterse a unha avaliación ambiental completa para volver a obter aquelas autorizacións que viñan de ser anuladas. Unha decisión que agora tamén volve tombar o Supremo na que supón a quinta sentenza do alto tribunal contraria a esa instalación.
Nesta nova sentenza do Supremo, con data deste mércores, o alto tribunal lembra as súas dúas resolucións previas de 2016 anulando sucesivamente a autorización administrativa previa e o proxecto de execución da planta de Reganosa, e mesmo salienta a “litixiosidade” que vén supoñendo a implantación desa instalación en Mugardos. Para acelerar a legalización da planta que xa viña funcionando desde nove anos atrás o Goberno de Rajoy decidiu daquela eximila dunha avaliación ambiental completa argumentando a urxencia debida a unha situación extraordinaria. Porén, o Supremo di que son precisamente as súas sentenzas previas as que impiden que o Goberno central puidese argumentar unha situación “de imposible previsión” para xustificar saltarse o trámite ambiental.
O Supremo cualifica de soprendente que o Goberno central intentase deslexitimar a plataforma de afectados que impulsou a causa xudicial e lembra que xa quedou recoñecida en numerosas sentenzas previas
A sentenza agora emitida polo Supremo, tras un recurso da plataforma de veciños afectados pola proximidade da regasificadora ás súas vivendas, tamén rexeita o intento do Goberno central de considerar a esa asociación como non lexitimada para persoarse na causa. O alto tribunal, que adía ao momento de execución da sentenza a petición da plataforma de paralizar o funcionamento da planta, chega a cualificar de sorprendente a petición do Executivo, lembrando que a lexitimación dos veciños xa quedou recoñecida nas sentenzas previas emitidas sobre este conflito a petición precisamente desa plataforma. De feito, as anteditas non son as únicas sentenzas nas que o Supremo se pronunciou sobre Reganosa.
O supremo tamén anulou en 2012 a modificación do plan de urbanismo que permitiu a implantación de Reganosa nese emprezamento e en 2016 o plan de emerxencias aprobado pola Xunta
Ademais de anular, agora por terceira vez, os trámites para a autorización da planta por parte do Goberno central, o alto tribunal tamén anulou decisións do Goberno galego que favoreceron unha instalación da que é socia a propia Xunta e que Feijóo mesmo chegou a publicitar nun vídeo propagandístico da compañía. En 2012 o Supremo anulou a modificación do plan de urbanismo de Mugardos aprobada en 2003 que facilitou a implantación física da planta no interior da ría de Ferrol. E en 2016 anulou tamén o plan de emerxencias da instalación aprobado igualmente polo Goberno galego.
Hai uns meses Competencia puxo en dúbida a eficiencia da planta, a máis pequena das seis regasificadoras existentes no Estado
A de Reganosa en Mugardos é a máis pequena das seis plantas de regasificación existentes no Estado e foi impulsada polo grupo empresarial Tojeiro (propietario de Gadisa e Forestal del Atlántico) co apoio do Goberno galego daquela presidido por Manuel Fraga. Xunto coas críticas dos veciños e ecoloxistas polo seu emprazamento no interior da ría de Ferrol (por cuxa estreita bocana deben pasar os barcos gaseiros que a abastecen, o que consideran un risco engadido á súa proximidade ás vivendas) tamén está en dúbida a súa propia eficiencia polo seu escaso uso ao longo do ano, segundo salientou hai uns meses a Comisión nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC).